Xela rematara de facer as tarefas e estaba na cama, deitada, pensando en todas as cousas que fixera ese día cando comezou a notar as súas pálpebras pesadas. Semellaban unha gran lousa que non era quen de levantar.
Xusto nese intre, Xela decatouse de que había alguén máis na súa habitación, unha voz feminina que precisaba axuda, unha pantasma que a chamaba.
Ergueuse rapidamente e intentou prender a luz, pero non funcionaba, quizais unha tormenta a estragara. As tebras da noite non lle permitían ver ben a muller, pero escoitaba claramente as súas palabras: axúdame.
Xela tiña moito medo, pois decatárase de que ese non era o seu cuarto. As cousas eran as mesmas e estaban no mesmo lugar, pero había cousas que cambiaran, coma o taboleiro da parede.
Decidiu que tiña que marchar. Sen embargo, cando chegou á porta a pantasma impedía o paso, así que decidiu axudala para poder fuxir.