Coidadoras de vida

INTRODUCIÓN


Con COIDADORAS DE VIDA preténdese dar a coñecer ao alumnado a relevancia, continuamente velada, das mulleres no tocante á saúde ao longo da historia, e por outra banda, a transcendencia do seu papel como coidadoras, curandeiras e sanadoras.


A muller como núcleo central ten como propósito responder a un interese evidente por desvelar a presenza feminina en tódolos aspectos da vida e a cultura. Así, decidiuse investigar o rastro que nos levaría a vislumbrar a posibilidade de que as primeiras divindades fosen femininas. A evidente influencia e preponderancia das mulleres sabias na comunidade transcendería por asimilación en deidades benefactoras, que velarían polos seus adeptos como nais protectoras.


Partindo desta premisa, tomamos como punto de partida o coidado das persoas, do grupo familiar e da sociedade en xeral, maioritariamente nas mans das mulleres.


Desde esta perspectiva, para levar a cabo o proxecto, co alumnado de DOC (2º BAC) e ITI (1º ESO), propuxemos, por unha banda, unha ollada estética, a través da arte e a literatura, que desvelou o relegamento da muller nas representacións artísticas, ao igual que na vida, a pesar do seu papel primordial no coidado ao longo da historia, e por outra, unha investigación biográfica sobre divinidades e mulleres no ámbito sanitario: primeiras médicas, científicas, enfermeiras… e as súas dificultades, tanto polo seu xénero, como pola súa raza, e orixe.



Créditos imaxes encabezados: https://bit.ly/3dkA0fl e https://mongequentin.tumblr.com/image/138550155309

IES Xoán Montes- 2021