(instrucións para o desenvolvemento desta actividade)
Compromiso…
A HORA DE LER precisa dun compromiso especial por parte de todo o profesorado, pois a formación lectora, o estímulo do gusto pola lectura e as habilidades asociadas a ela non son contidos nin destrezas que se adscriban a ningún departamento nin área concretos. Polo tanto, o tempo de lectura será un labor de todos.
Horario…
Este ano continuamos cos hábitos da lectura unha vez avaliados os datos do curso anterior. Comprobamos que debemos mellorar no desenvolvemento da Hora de ler e, desde o equipo de biblioteca, seguimos a propoñer esta actividade como unha hora de ler que ocupe unha sesión completa cada semana.
Cada grupo lerá durante unha sesión completa pero este ano, debido a falta de profesorado de garda que poida abrir a biblioteca, a actividade realizarase na aula de referencia de cada grupo en 3º e 4º ESO.
Para coordinar ese tempo contamos cun calendario no que se describe o día e hora correspondente a cada curso para os niveis de 3º e 4º de ESO. Comezamos no mes de outubro e desenvolverase durante dous meses en cada trimestre, un día da semana de cada mes: en outubro os xoves, en novembro os venres, en xaneiro os luns... e así sucesivamente, implicando a todas as materias e en todas as franxas horarias. (Achegamos calendario)
Os cursos de 1º e 2º ESO realizarán a Hora de Ler na sesión destinada á materia de libre disposición do centro (castelán en 1º ESO e galego en 2º ESO) e baixarán ata a biblioteca.
Lecturas…
O alumnado poderá ler aquilo que sexa do seu interese de xeito individual e silenciosamente. Poderá coller na biblioteca (durante os recreos) tanto libros de ficción ou informacionais, como traer os libros da súa casa. Para orientar as lecturas, os departamentos propoñen uns itinerarios lectores clasificados por nivel educativo que permanecerán en caixas diferenciadas e ubicadas na sala de profesores.
No momento da Hora de Ler, o delegado ou delegada de cada curso acudirá á sala de profesores e collerá a caixa correspondente que levará á aula. Unha vez rematada a sesión, devolverá a caixa cos libros á sala de profesores.
Avaliación…
Para contribuír ao Plan de lectura, avaliaremos o propio desenvolvemento da Hora de ler, así como as posibles revisións e modificacións a través dun cuestionario virtual, tanto por parte do profesorado como do alumnado ao remate da actividade.