Equipo

Este equipo está formado por persoas dun ámbito interdisciplinar moi diferente e que a través desta web nos poderedes coñecer un pouco mellor a cada un de nós.

Texto

XOÁN CARLOS GARCÍA PORRAL

(Goiás, Lalín –Pontevedra–, 1974)

Os anos van pasando, e cada vez teño máis morriña da vida que levei de neno na aldea. Estraño os xogos e o corricar dos cativos polos camiños; a chegada do solpor e os parzamiques entre os veciños sentados nos mazadoiros; o dirixir a vista cara ao ceo e escoitar o estoupido dos fogos pola festa... Crieime e vivo no rural. Nel baseo os meus estudos antropolóxicos e etnográficos, coa pretensión de facerlle apetecible este mundo a aquela xente que o descoñece.

A análise de comunidades rurais deume pé á publicación de libros como Modernización rural e tradición cultural (Lóstrego 2008), ou De Balbino a hoxe. Cambios e transformacións na aldea (Lóstrego 2012). E da recompilación de lendas e tradicións xurdiron traballos como De mouros, mouras e tesouros. A Comarca de Deza (Edicións Fervenza 2017), As tres mouras da Fonte Lantana (Edicións Fervenza 2019), A matanza do porco. Cultura e tradición (Edicións Fervenza 2020), ou Fondo rural (Edicións Fervenza 2020). Teño publicado algún libro máis: uns en coautoría, coma O mundo dos castros. A Comarca de Deza (Faro de Vigo 2014); outros, coordinando estudos como A paisaxe lendaria e toponímica do Concello de Silleda (Alvarellos 2015).

Esta afección pola investigación e a divulgación do noso patrimonio, compártoa co labor de profesor no IES Pintor Colmeiro de Silleda.


Ilustracións

GABRIEL IGLESIAS SANMARTÍN

(Pontevedra, 1979)

Desde moi pequeno encantábame debuxar, inventando cousas ou mesmo copiándoas dos meus debuxos favoritos da tele. Facía escenas ou incluso debuxaba os bonecos que non podía mercar, ou simplemente que non existían, e recortábaos para xogar con eles.

Co paso do tempo, pensando que o gusto polo debuxo sería unha vantaxe á hora de facer planos, estudei para delineante. Non obstante, pasados uns anos decateime de que o que realmente me facía feliz era o debuxo artístico e de cómics, así que decidín volver ás aulas, esta vez nunha escola de arte, e así acabei “Ilustración” na Escola de Arte Pablo Picasso na Coruña.

Comezo a miña andaina no mundo do cómic creando a revista “Sinónimos de Lucro” na que publiquei a historia Ganar una Guerra. Tamén colaborei noutras publicacións, como a revista de Cómic “El arca de las Historietas” e no campo da ilustración, deseño personaxes para videoxogos e curtametraxes de ciencia-ficción, portadas de libros, etc.

Ademais ilustrei varios contos infantís e xuvenís como Guendufe o anano, O Dragón Antón e o Sapo Rosendo e As tres mouras da Fonte Lantana, todos eles publicados por Edicións Fervenza. Na actualidade estou en varios proxectos de cómics, un deles é La curandera (Editorial Drakul).


Gamificación

SANTIAGO GÓMEZ FUENTES

(A Estrada, 1985)

A miña infancia paseina  a cabalo entre a aldea materna de Oca e a paterna de Negreiros, así como o meu pobo de A Estrada. Sempre coa trompeta as costas e o gusto por poder "retellar" nos novos aparellos dixitais e electrónicos que ían pasando polas miñas mans, ou que compraba cos cartos que comezaba a gañar tocando coa banda polas diferentes festas da nosa terra.

Os meus estudos xiraron en torno a música dende ben pequeno, pasando polos Conservatorios Profesional de A Estrada e A Coruña, e titulándome no 2013 no Conservatorio Superior de Coruña na especialidade de Trompeta. 

As miñas inquedanzas por seguirme formándome fixeron que estudara un Máster en Formación do Profesorado e o Grado en Educación Primaria coa mención en Música, sendo esta titulación a que espertou en min as gañas de  especializarme de xeito máis profundo no emprego das novas tecnoloxías na educación e tódolos beneficios que estas poden aportan a mellorar o proceso de ensinanza-aprendizaxe nos nenos e nas nenas.

Querer afondar neste terreo levoume a cursar un Máster en Tecnoloxía Educativa e Competencia Dixital Docente para poder ter un maior coñecemento de todos os aspectos que rodean ó emprego da tecnoloxía en educación.

Actualmente son mestre de música no CPI Plurilingüe de Rodeiro así como  doutorando en Ciencias da Educación e do Comportamento nunha rama investigadora sobre o emprego da Gamificación na Educación. 

Algunha pregunta?

Envíanos un correo a antoneamoura@gmail.com para obter máis información sobre este proxecto ou consultarnos calquera dúbida.