Quen é a nosa madriña?

Xosefa Casalderrey Fraga (Fina Casalderrey) naceu no lugar de Pilarteiros, parroquia de Santo André de Xeve (Pontevedra), en agosto de 1951. Deseguido foron vivir ao lugar do Castelo, ao abeiro do San Benitiño de Lérez e moi preto de onde no medievo se erguía a fortaleza de Cedofeita. O ambiente rural dos seus primeiros anos e as historias que lle narraba seu pai contribuíron en modelar a súa escola do fantástico. E en Lérez, no lugar do Cruceiro, segue a vivir na actualidade.

Exerceu como mestra dende os dezanove anos, xubilouse no 2010 como profesora de ensino secundario, despois de estar 25 anos en Moraña e 10 en Marín. Foi no ensino onde comezou a crear e dirixir pezas teatrais representadas polo seu alumnado, algunhas recollidas en Edicións Xerais.

Unha das súas inquedanzas é a investigación etnográfica, onde gañou concursos diversos premios co seu alumnado. Outra inquietude é a gastronomía, e así publicou, xunto con Mariano García, O libro da empanada, Festas gastronómicas de Galicia e Repostería en Galicia.

A súa narrativa distínguese pola súa agudeza na observación e recreación do mundo dos adolescentes, polo realismo dos seus personaxes e situacións e por un ritmo capaz de converter calquera asunto cotián nun relato de suspense.

Colabora na prensa, revistas, congresos, xurados, pregóns, charlas-coloquio, mesas redondas... sobre literatura, gastronomía, entre outros temas.

En 1991 deuse a coñecer no mundo das publicacións coa novela xuvenil Mutacións xenéticas. No ano 1996 foille concedido o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil coa novela O misterio dos fillos de Lúa. A maior parte da súa obra está traducida ás linguas peninsulares, isto é, ao catalán, éuscaro, asturiano, aragonés, castelán e portugués.

Xaime Toxo, Francisco Castro, Víctor Freixanes, Fina Casalderrey, Xesús Alonso Montero, na presentación de Unha ducia de galegos, en Pontevedra o 08/10/2017

En 2013 foi elixida membro da Real Academia Galega, ocupando a vacante deixada por Xaime Illa Couto.