INICIO.-CEIP Antonio Pedrosa Latas. Celeiro-Viveiro LUGO


Bolaño, autor, director, actor e escenógrafo, entre outras mil actividades que levou a cabo; home de referencia para o teatro, o audiovisual e a cultura galega en xeral. El mesmo defíníase como "un señor maior con sombreiro e bigote, que de xeito absolutamente irresponsable, persiste na estúpida teima de vivir por e para unha das profesións, hoxe en día, máis absurdas do mundo e sen embargo por iso máis grandiosas."

BIOGRAFÍA
Roberto Vidal Bolaño naceu en Santiago de Compostela en 1950 e faleceu na mesma cidade en 2002. Formou parte do denominado "Grupo Abrente" que, a partir da década dos 70, renovou e actualizou tanto a escrita como as representacións dramáticas galegas. Todas as súas actividades xiraron sempre, e en exclusiva, arredor do teatro: desde a creación do "Grupo Antroido", en 1975, até a súa compañía actual "Teatro do Aquí", pasando pola breve experiencia da cooperativa "Teatro do Estaribel". En 1978 deu o paso definitivo que levou ás xentes do teatro galego a se transformaren en profisionais.
     A súa produción está caracterizada polo compromiso co país e a lingua, a experimentación estética, e o diálogo coa tradición, tanto culta como popular, literaria e histórica, social e política.

     A pesar de que xa nas décadas dos setenta e oitenta lograra diversos premios ("Abrente", "O Facho" e "Ciudad de Valladolid"), como aconteceu con outros integrantes do "Grupo Abrente", o recoñecemento artístico de Vidal Bolaño non se produciu ata os anos noventa, cando a obtención de premios institucionais, galegos e portugueses ("Rafael Dieste", "Alvaro Cunqueiro", "Xacobeo 92", "Eixo Atlántico", "María Casares"...), normalizou tanto a publicación das súas obras como o seu coñecemento por parte da prensa e, en consecuencia, do público.
     A súa forte personalidade deixou unha profunda pegada nos dramaturgos máis novos, cuxas consecuencias se verán co transcorrer do tempo.
     A figura e a obra de Roberto Vidal Bolaño foron fundamentais na construción dun teatro nacional galego.