Homenaxe a Rafael Pillado, Ferrol Decembro 2017

Hoxe nos convoca un amigo, un compañeiro que é para nos un modelo de dignidade. Estamos aquí esta tarde para celebrar a amizade, a fraternidade, de todos e todas ás que nos une a RESISTENCIA E A RISA, como actitude esencial do vivir, para mantermos apaixonadamente vivos, habitando os días, facendo noso o tempo que nos toca, e namoradamente, compartir o vivido, é dicir, ser xenerosos, sempre xenerosos, luminosamente solidarios.

Isto é o que nos desvela cada día RAFAEL PILLADO. E a demostración do xusto e fermoso, deste agradecemento colectivo, é que estamos celebrando o mellor deste pobo, desta cidade, embargada tantas veces. E tantas veces posta en pé para dar un si que glorifica, un si á Loita por un mundo xusto , por unha vida digna.

Resistir e rir, Loitar e Vivir, vivir non se apraza xamais.

A Utopía que desexamos para todos os seres, alcanzámola cada día compartido coma se fose pan recen feito.

O sorriso de Rafael, esa promesa de terra firme mar dentro, da ledicia de estar vivos, é o emblema dun compromiso indobregable, que xamais desfalece.

Ise sorriso ilumina ata a cara máis escura dos tempos que nos toca vivir.

A súa loita, a loita de todas as mulleres, de todos os homes, ensínanos algo insoslayable:

Neste LOITAR POR CAMBIAR O MUNDO, as condicions de inxusticia nas que estamos a vivir, ACABAR CON Esta DITADURA DA MISERABLE ABUNDANCIA, nesta loita descubrimos que os obxectivos finais poden parecer inalcanzables, pero ise compromiso, cambiounos, cámbianos, enche de sentido a vida.


Falar de Rafael, nomear lhe, é nomear FUCO BUXAN, é levantar acta da nosa cidade, da memória de todos e todos nós.

Cando chegamos a Ferrol, CHOVÍA, aínda chovía. As rúas eran espléndidos peixes en adorable salmoeira, a salmoeira das voces e os pasos, as rúas aínda sobordar de vida, HABÍA TRABALLO, HABÍA SOLDOS DIGNOS CONQUISTADOS NAS LOITAS.

Nos recunchos das feiras, nas esquinas das rúas, nas prazas, sempre atopabámonos con eles e elas, ca mesa a rebosar de libros e a súa revista, e era o que de subito facia a cidade cosmopolita, era como estar en Berlín, ou Paris ou en Delhi.

Elas, alí detras das Barricadas en Flor da palavra.

E sabemos que son os trabalhadores, as trabalhadoras, as que distribúen o diñeiro entre o resto da poboación, os comercios, os bares, os cines, as festas. Os creadores da riqueza e seus distribuidores

Hoxe non chove, hoxe non hai traballo, e os empresarios e os necios especuladores quédanse cos beneficios, nin Facenda recauda e distribúe unha parte significativa desa acumulación obscena e intolerable de beneficios.

E aquí estamos, hoxe celebrando a traxectoria dun amigo, dun compañeiro, dun loitador.

Resistindo e loitando por outro mundo que sen dubida, é posibele.

A loita continúa.

A vida é a nosa paixón. A verdade, a nosa razón.

Para nós a palabra

é a ferramenta para nomear a vida

os soños

as esperanzas

o dor

a ledicia

ao irman

a irma

o pan

e o silenzo

e o conxuro do silenzo

a pena

e o seu antídoto,

compartila.

Os guindastres en estinzón

Os estaleiros valeiros

dársenas

niños de lembranzas

e esquecidas voces

asamblearias

de insomnes arcos voltaicos

e xamais medo ao medo

diques

peiraos

xuntas podemos

retalhos de chapa

aceiro

amizade

cabestrantes de pesadelos

Solidaridade

cabos e cadeas

Gradas

Resistenza

Ancoras

Liberdade

compañeiras

Rúas tomadas

Prazas enchidas de dignidade

Cabrias

e Cabotaxes espidos

descubertas fondeadas

e singraduras inmóviles

ancoras de caridade

Certificado de Mala Conducta

Esquinas baixo vixilancia

cas mans nun puño

nos ti él.

Cadea

E sempre libres

Desfondando a raiba

Desprazando lastre

Desexos enmallados

E os dias escorados

E a nosa cidade

unha gallola do mar

E ti

Facendo a estiba do vivido

Nas adegas do amor

Fasquiando

as horas

para rematar o cansanzo.

E mais días

como fondeadoiros clandestinos

da ledicia compartillada

Mais tamen halar

Os aparellos da noite

Para alcanzar o novo día

cas mans limpas

E no corazón

a voz escintilante

da fermosa unidade

E sempre

tanto con mar calmo

o arborado mar.

Armados ca palabra

Non o esquezamos

Quedanos a palabra

Para nos sagrada

Con ela nomeamos a vida

e por ela

a compartillamos

Pra o Poder a Palabra

é un cadaleito

con o que nos enterra cada dia

enterra os soños e as esperanzas

enterra o porvir

e enterra a verdade

E pra nos

Non o esquezamos

A vida é a nosa razón.

A verdade, a nosa paixón.

E a palabra

é o pan do noso pensamento.

E a palabra é o pan do noso pensamento.