Nicomedes Pastor Díaz Corbelle, nado en Viveiro o 15 de setembro de 1811 e finado en Madrid o 22 de marzo de 1863, foi un escritor, xornalista e político galego do Romanticismo.
Creceu no seo dunha familia numerosa. Foi o terceiro de dez irmáns, oito mulleres e dous homes, e puxéronlle de nome o do santo do día, San Nicomedes, ao que lle engadiron o equivalente masculino do nome da súa madriña, Pastora. O seu pai, Antonio Díaz, desempeñaba un posto de oficial administrativo da Armada, e co tempo chegou a ser titular da contadoría de correos de Lugo. A nai era María Corbelle natural da parroquia de San Xoán de Covas, en fronte dos Castelos, á beira do Pazo e da praia de Grallal. Aínda que era pouco habitual para a época, todos os irmáns sobreviviron a infancia. O seu único irmán home, Felipe Benicio, foi interventor de pagos no Ministerio da Gobernación e Deputado a Cortes.
Aos sete anos comeza os estudos no Colexio Insigne da Natividade da Nosa Señora, institución educativa que fundara dona María Sarmiento de Ribadeneira nun testamento datado en 1563. Nicomedes estudou no Seminario conciliar de Viveiro e despois cursou estudos de Filosofía no seminario de Mondoñedo (1823). Pode que o seu interese no emprego do galego como lingua literaria estivese influída por don Antonio María de Castro e Neira, o crego de Argomoso, profesor de filosofía do Real Seminario, autor das panxoliñas que musicou o mestre Pacheco. Na Universidade de Santiago de Compostela comezou xurisprudencia, pero trasladouse á Universidade de Alcalá, onde se titula avogado en 1833. En 1836 noméano Secretario de Goberno político de Santander e posteriormente xefe político de Segovia. En 1843 foi deputado pola Coruña e un ano despois foi elixido por Cáceres e máis tarde por Navalmoral de la Mata. Tamén foi nomeado Secretario do Banco de Isabel II.
O 9 de setembro do ano 1847 foi nomeado reitor da Universidade de Madrid e no mesmo ano aparece ao fronte do Real Consello de Agricultura, Industria e Comercio. Foi Secretario da Gobernación e numerario da RAE. Durante cinco meses foi Ministro de Comercio, Industria e Obras Públicas.