O PROXECTO

No curso 2017/2018 o tema do PDI promovido desde a biblioteca escolar será O CINE. O cine será o fío condutor do traballo documental, as actividades de animación á lectura e as actividades de formación de usuarios/as que se leven a cabo nos diferentes grupos.

QUE É UN PDI?

PDI: Traballos de investigación cos que alumnado afonda nun tema concreto ao tempo que se familiariza e/ou pon en práctica estratexias de busca de información e traballo documental, usando os recursos ofertados pola biblioteca escolar.

Un PDI é un Proxecto porque persegue un fin. Temos un plan para aprender algo sobre un determinado tema no que, procuraremos que se reúnan varias materias. Esa aprendizaxe é significativa, o alumnado participa activamente, é o protagonista do proceso.

Un PDI é Documental porque ten tres fases:

1. Recollida de información (documentación)

2. Tratamento da información recollida (análise e reflexión)

3. Produción (produto, obra final)

Un PDI é Integrado porque implican coñecementos e contidos de diversas áreas de coñecemento, así como o uso de materiais diversos, de ficción, de non ficción, escritos, audiovisuais, orais... Poñemos o acento nos procedementos pero tendo moi presentes os contidos. O alumnado pasa a ser o centro do traballo e o mestre/a un guía que ofrece modelos, conduce e reconduce. Cos proxectos documentais integrados, o alumnado deixa de ser meros consumidor de información a ser produtor da mesma. O profesorado, dependendo das idades e maduración do alumnado, poderá propoñer proxectos de diferente dificultade, tanto desde o punto de vista das fontes utilizadas (unha, dúas…, todas no mesmo soporte, de soportes variados...) coma dos produtos elaborados (un único produto, todos o mesmo, diversos...).

Desde a BBS propoñemos:

1. Un dobre enfoque: ver cine e facer cine. A idea é que ao longo do curso usemos o cine:

- Como recurso para aprender: vendo, comentando e extraendo información de películas, curtas e documentais.

- Como procedemento para aprender: elaborando guións, practicando diálogos, preparando decorados, gravando pequenas curtas e montaxes en diferentes formatos.

2. Temáticas a traballar desde as aulas.

- Partiremos da historia do cine (precine, cine mudo, cine en branco e negro) e traballaremos esta temática ao longo do 1º trimestre: xogos e trebellos que deron movemento ás imaxes, personaxes destacados do cine mudo, películas máis destacadas dos comezos do cine, os precursores, a época na que apareceron as primeiras películas...

- Dedicaremos o 2º trimestre a traballar sobre libros que se levaron ao cine, moi especialmente os que teñen protagonistas femininas, xa que o tema do Salón do Libro 2018, no que participaremos, é Mulleres de conto.

- No 3º trimestre traballaremos sobre o cine de animación, facendo fincapé nas empresas e películas de animación galegas, que continúan a ser referente.

3. Conmemoracións do Calendario do Libro da Lectura a abordar desde o PDI

- Outubro: Mes da Biblioteca Escolar

- Novembro: Mes da Ciencia en galego

- Febreiro-Marzo: Día de Rosalía e Mes da Poesía

- Abril, mes dos libros

- Maio: Letras galegas. Mª Victoria Moreno

4. Celebracións a abordar desde o PDI

- Samaín e Magosto

- Día escolar pola Paz

- Entroido

- Día da Muller