O teatro é un espectáculo baseado na representación da conduta do ser humano. Esta conduta representada, chamada actuación, é realizada por actores.
Por extensión tamén se chama teatro ao edificio onde se realizan representacións teatrais e espectáculos afíns, así como ao repertorio (conxunto de creacións teatrais que se consideran propias dun autor: "o teatro de Vidal Bolaño"), época ("o teatro das Irmandades da Fala) ou país ("o teatro francés").
O termo provén do grego theatron, nome que recibían as bancadas en forma de hemiciclo desde onde os espectadores contemplaban as representacións teatrais nos anfiteatros gregos. Theatron viría a ser, logo, o "lugar desde onde se mira". Posteriormente pasou a designar tamén ó espectáculo mesmo e ó lugar destinado a tales espectáculos.