Mulleres da Ponte

O C.E.I.P. Ponte dos Brozos está situado nunha poboación semiurbana, dinamizada polo Polígono Industrial de Sabón e moi preto da Coruña, pero non por iso deixa de ter afluencia de alumnado que procede do medio rural.

Polas súas características xeográficas e sociais, pode incluírse na categoría de centros de carácter pluricultural e macrocentro.

O centro desde hai anos aposta por unha incorporación global e integral das tecnoloxías da información e a comunicación no sector do ensino público, experiencia que comezou no ano 2001 e quese inscribe dentro do Proxecto Arteixo Innovación.

Desde fai xa uns anos o Ceip Ponte dos Brozos iniciou o seu camiño cara á internacionalización e a apertura cara a outras realidades para conseguir que o centro sexa un lugar de referencia proporcionando materiais, recursos e boas prácticas nun contexto de ensino público, integradora, sostible, inclusiva e de calidade.

Desde o ano 2014 pertencemos ás Escolas asociadas Unesco e no marco desta organización fomos seleccionados como boa práctica. O artigo no que se detalla a traxectoria do centro titúlase: Mobile learning as a long-term institutional innovation strategy in Spain: case study by the UNESCO-Fazheng project on best practices in mobile learning.

Nos últimos anos a nosa traxectoria no ámbito das TIC, a inclusión e as minorías étnicas tiveron diversos recoñecementos:

  1. Primeiro premio do MECD á Inclusión de alumnos que se atopan en contextos sociais desfavorecidos polo traballo titulado "Español con iPad para alumnado estranxeiro", ano 2012.
  2. Primeiro Premio Nacional de Educación do MECD para escolas polo traballo "Recreo con códigos", ano 2016.

Tamén participamos nun proxecto Erasmus + K-229 como centro coordinador: " Walking through the memory with immersive technologies"