Imos construír unha caixa estenopeica para observar a eclipse solar de maneira segura e aprender como funciona a luz. Esta actividade forma parte do proxecto Polos eclipsados e está pensada para alumnado de 1.º ESO.
O 12 de agosto de 2026 terá lugar unha eclipse solar moi especial. Desde Galicia poderase ver moi ben, e na provincia de Ourense a Lúa chegará a cubrir arredor do 99,89% do disco solar. O fenómeno comezará sobre as 19:33 h e acadará o seu máximo cara ás 20:30 h.
Para prepararnos, nesta actividade construiremos unha caixa estenopeica, tamén chamada caixa escura, que nos permitirá ver a eclipse sen mirar directamente ao Sol. Este método baséase en proxectar a imaxe do Sol no interior dunha caixa a través dun pequeno burato.
A construír un visor solar sinxelo.
A comprender que a luz viaxa en liña recta.
A observar unha eclipse de forma segura.
A usar materiais comúns para crear unha solución tecnolóxica.
A comprobar como cambia a imaxe do Sol cando pasa a Lúa por diante.
Nunca debemos mirar directamente ao Sol. Tampouco é seguro usar gafas de sol normais, radiografías, CD ou outros materiais caseiros transparentes. A observación segura faise con lentes homologadas para eclipses ou con métodos indirectos, como a caixa estenopeica.
Unha caixa de cartón mediana (de zapatos, de cereais ou similar).
Papel de aluminio.
Papel branco.
Celo.
Tesoiras.
Lapis ou bolígrafo.
Agulla, alfinete ou punta fina.
Tesoiras ou cúter (só baixo supervisión da profesora ou do profesor).
A luz viaxa en liña recta. Cando pasa por un burato moi pequeno, fórmase unha imaxe na parte oposta da caixa. Esa imaxe aparece invertida e reducida. Isto é o que nos permite ver o Sol proxectado no papel branco do interior sen ter que miralo directamente.
Comproba que a caixa está ben pechada e que non entra luz polas xuntas. Se ves algún oco, péchao con celo. Canto máis escura estea por dentro, mellor se verá a proxección.
No lado oposto ao dos buratos, pegaremos unha tira ou folla de papel branco no interior da caixa. Nese papel aparecerá a imaxe do Sol.
Nun lado curto da caixa, a profesora ou o profesor fará dous buratos.
Un deles cubrirémolo con papel de aluminio.
No centro dese papel faremos un buratiño moi pequeno cun alfinete: ese será o estenopo. O outro burato servirá como fiestra de observación.
Pega con celo as xuntas e os bordos para evitar que entre luz por sitios non desexados.
A única luz que debe entrar é a que pasa polo estenopo.
Coa caixa xa rematada, colocámonos de costas ao Sol e apuntamos o lado do estenopo cara á súa luz.
Miramos pola fiestra de observación e axustamos a posición ata ver a imaxe do Sol na pantalla branca interior.
Comproba que o buratiño do estenopo non estea tapado.
Revisa se entra luz por algún lado da caixa.
Proba a orientar mellor a caixa cara ao Sol.
Se a imaxe é moi borrosa, o burato pode ser demasiado grande.
Se a imaxe é moi escura, pode faltar luz ou estar mal orientada a caixa.
Probar caixas de distintos tamaños.
Cambiar o tamaño do estenopo e comparar os resultados.
Observar como cambia a nitidez da imaxe.
Investigar que é a cámara escura e como se relaciona coa fotografía.