O Premio literario San Clemente, creado en 1993, e tamén o Premio de ensaio Bento Spinoza, creado en 2008, están convocados pola Asociación Cultural «Instituto Rosalía de Castro», de Santiago de Compostela; ambos pretenden impulsar a paixón pola lectura entre o estudantado dos institutos galegos pero, asemade e por riba de todo, son unha aposta polos soños e pola lectura, porque converten os estudantes galegos en xurado dun premio de narrativa e outro de ensaio que son concedidos a escritores xa consagrados, tanto estranxeiros, coma galegos ou españois. En realidade, este proxecto é a converxencia de tres soños, tres ilusións que se materializan a través dunha actividade: os Premios San Clemente e Bento Spinoza.
Estes tres soños son: o soño-ambición dunha comunidade educativa que pretende organizar unha actividade chea de fantasía, promovendo a lectura e convertendo o seu alumnado en árbitro da escena literaria internacional do noso tempo; o soño-imposible duns estudantes apaixonados pola lectura, que son quen de seren xurado dos mellores escritores e escritoras do momento, con quen comparten un día da súa vida; e, finalmente, o soño-sorpresa duns escritores consagrados, que reciben un premio dun xurado formado por alumnas e alumnos de ensino medio.
Esta confluencia dos tres soños lévase a cabo, como se indicou, a través dunha actividade especial: promover a lectura entre os mozos e mozas dos institutos galegos. Todo isto contextualizado nun centro de ensino, o IES Rosalía de Castro; nunha cidade, Santiago de Compostela; nun país, Galicia, coa súa lingua propia e as súas escolas; e nun estado, España, que ten que apostar por unha presenza ben definida no mundo global en que vivimos.
Nesta experiencia pódese albiscar o espírito da nosa filosofía que, parafraseando a Nelson Mandela, podemos resumir nunha frase: «tentar facer posible o que parece imposible»
A mensaxe máis relevante que queremos transmitir aos nosos alumnos e alumnas é o principal obxectivo desta experiencia, que se concreta na actividade da lectura crítica e reflexiva. É quizais o mellor xeito de non renunciar ante as dificultades imprevisibles que a vida nos trae; é probablemente a mellor forma para construír novos mundos, especialmente nestes tempos difíciles.