Desde 1995, o Premio San Clemente Rosalía recoñece cada ano as mellores novelas en lingua galega, castelá e estranxeira publicadas ao longo do ano anterior.
O xurado está formado por alumnado de bacharelato do centro educativo organizador, o Instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, acompañado cada curso polo alumnado doutros cinco institutos galegos, dun instituto madrileño e de tres centros estranxeiros (de Alemaña, Francia e Reino Unido). No transcurso do tempo, máis de cen institutos diferentes tiveron a oportunidade de participar no Premio San Clemente Rosalía.
A singularidade deste premio consiste no protagonismo do alumnado, pois confía nel á hora de escoller as obras gañadoras, analizalas e presentalas ante o público nos distintos eventos. Ofrécelles ás rapazas e aos rapaces a posibilidade de coñecer os autores e autoras gañadoras e de convivir e debater nos distintos encontros literarios que se celebran no centro. Preténdese así, nun momento de gran predominio do audiovisual, colaborar na promoción da lectura entre a xuventude.
O día da cerimonia de entrega o estudantado é, unha vez máis, o verdadeiro protagonista do evento, pois encárgase de conducir o acto e de presentar ante o público os títulos elixidos como mellores. Ademais, na cea de gala, cada xurado de alumnos e alumnas comparte mesa e mantel co escritor ou escritora premiada, no marco do que é, para nós, unha festa da lectura.
Nela teñen participado os autores e autoras máis recoñecidas dos últimos tempos. Tres Premios Nobel de Literatura: Vargas Llosa, Saramago e Han Kang acadaron antes o Premio San Clemente Rosalía e compartiron o seu saber co alumnado.