Grecia e Roma nas túas mans
Pé de bronce co Calceus senatorius
Así foi a sesión de fotogrametría no museo de Pontevedra da peza "Pé de bronce co Calceus senatorius"
Rematando o "Mosaico de Panxón"
Hoxe démoslle os toques finais con cemento fixador á réplica do "Mosaico de Panxón" que fixemos no obradorio de mosaicos en Mérida. Ao comezo do curso que vén faremos a súa presentación oficial!
"Valentes", o vídeo da viaxe a Mérida
A viaxe a Mérida en imaxes!
Obradoiro de fotogrametría en Mérida
Unha das primeiras actividades que realizamos en Mérida foi o obradoiro de fotogrametría. Armados co noso móvil, probamos a escanear en 3d unhas fermosas reproducións de pezas romanas do Museo de Mérida que nos proporcionou o noso colega Abel Morcillo, profesor no IES Sáenz de Buruaga. Este foi o resultado. Hai erros, imperfeccións, puntos que debemos mellorar, pero estamos no bo camiño!
Andando camiños
Estamos de volta de Mérida, onde desfrutamos de varias xornadas de convivencia e aprendizaxe cos nosos amigos de Carlet e Mérida. Estamos moi agradecidos pola hospitalidade do instituto acolledor, e da cidade enteira.
En especial damos as grazas a Abel, que foi guía e mestre indispensable, e a Miguel, de Carlet, que nos aprendeu a acuñar unhas lucidas moedas "romanas" emeritenses.
Irémosvos comentando como foi cada evento durante os vindeiros días, cando teñamos algunha foto explicativa.
Viaxe a Mérida: información ao alumnado
Ao alumnado en ruta repartíuselle o tríptico informativo coas distancias, o programa, unha circular informativa e os teléfonos de interese.
Vídeo Gallaecia 2002
Galería de imaxes de Gallaecia 2022
Xa están aquí por fin as imaxes destes días!
Inter Gallaici, Lusitanii et Carthaginienses
A semana pasada recibimos aos nosos compañeiros de proxecto, os IES 9 de octubre de Carlet e IES Sáinz de Buruaga de Mérida. Alumnado e profesores pasamos tres xornadas intensas compartindo experiencias e aprendendo.
O día primeiro cada centro fixo unha presentación dos seus proxectos particulares, así como dos lugares de interese romano da comunidade de orixe. Despois tivemos un prandium galego e greco-romano, con auténticas delicatessen preparadas por profesores, alumnos e persoal non docente. A xornada estivo amenizada polo grupo Abril, que ofreceu unha música autóctona doce e sensible co tema tradicional. No patio tivemos un obradoiro sobre o exército romano "Miles romanus", por parte do noso compañeiro de Mérida, Abel Morcillo.
Ese mesmo día pola tarde houbo visita guiada ao centro de Santiago, con referencia ás súas orixes romanas.
O día segundo das nosas actividades estivo marcado por unha mañá de chuvia constante. Malia a todo, fixemos o vieiro da calzada romana via XVIII (Via Nova), onde puidemos ver miliarios e a mansio de Aquis Originis, e empapámonos ben...de auga e de cultura. Pola tarde visitamos o centro de visitantes, o campamento de Aquis Querquennis, a mansio e, por suposto, as thermae, onde o noso alumnado desfrutou moitísimo e a confraternización das tres comunidades educativas foi moi produtiva.
O venres de actividades tivemos ocasión de subir ao faro romano de Hércules, visitar Coruña antiga, e pola tarde a fortaleza museo de San Antón. Alí os rapaces desenvolveron unha actividade en grupos mixtos e investigaron sobre o noso pasado máis remoto. Foi tamén todo un mérito de convivencia, pois creáronse novas amizades e afianzouse a colaboración e camaradería. Esa noite todos tiveron tamén oportunidade de visitar de novo a cidade de Santiago e aprender as súas lendas e tradicións nocturnas.
O sábado os nosos convidados tamén aproveitaron a mañá cunha nova visita á capital e ao Museo do Pobo galego. Sabemos que os alumnos e alumnas da Estrada pediron permiso nas súas casas e visitaron aos "romanos" motu proprio, porque despois de tres días estableceran un vínculo importante con eles. Así que viñeron a Santiago a despedilos.
...que foi un ata logo...porque nos veremos en Mérida 23. Mentras tanto, a fotografar pezas e prepararnos para as nosas primeiras impresións en 3d!
Recibimos aos IES 9 d’OCTUBRE de Carlet e ao IES Sáenz de Buruaga de Mérida
O próximo mércores chegarán a A Estrada. Agárdanos una semana chea de actividades. Este é o programa:
Mércores 2 de novembro:
12:30 > recepción no salón de actos. Presentacións a cargo dos alumnos (Gallaecia romana, Valentia romana, Lusitania romana). Actuación de música tradicional galega (Grupo Abril)
13:35 > Obradoiro "Miles romanus" no patio cuberto.
14:30 > Prandium (comida de irmandade). Patio cuberto.
16:30 > Saída para Santiago onde os IES de Carlet e Mérida participarán nunha visita turística a Compostela.
Xoves 3 de novembro:
8:45 > Viaxe ao campamento de Aquis Querquennis (Bande, Ourense). Alumnos de CClásica 3ESO, e Latín de 4ESO e 1BAC.
Venres 4 de novembro:
8:45 > Viaxe á Coruña romana (Torre de Hércules e Castelo de Santo Antón). Alumnos de latín e grego de 4ESO, 1BAC e 2BAC
No curso 2022/23, continuamos co noso proxecto
Temos alumnado novo no instituto, e con eles continuamos, renovado, o grupo de Grecia e Roma.
Recentemente tivemos unha reunión virtual para programar o recibimento e as actividades cos nosos compañeiros de alumnado e profesorado de Carlet e de Mérida.
Xa temos programa de actividades, así que o día 2 de novembro comezaremos a andaina que deixamos en xuño para recobrar amizades e atopar outras novas. Compartiremos proxectos e vivencias e viviremos o mundo romano galego e a contorna onde o conservamos.
Estamos preparados...
Viaxe a Valencia. Imaxes
Durante os días 6, 7, 8 e 9 de abril, o alumnado de Latín de 1º e 2º de Bacharelato realizou unha viaxe de estudos a Valencia dentro do proxecto estatal de agrupación de Centros "Grecia e Roma nas túas mans", do que forma parte o MGB xunto cos centros IES 9 d’OCTUBRE de Carlet (Valencia) e o IES Sáenz de Buruaga de Mérida. Estiveron acompañados polos profesores Marisa Otero e Álvaro P. Vilariño.
O primeiro día tivo lugar unha visita guiada polo centro da cidade de Valencia: torres de Serrano, pazo da Generalitat, catedral, Lonxa, e outros monumentos e lugares de interese. O xoves achegámonos ata o Museo arqueolóxico de Alicante e o castelo de Santa Bárbara, e xa pola tarde, ao VilaMuseu de La Vila Joiosa. O venres foi o día dos Ludi Saguntini, onde despois de realizar varios obradoiros (latine loquendo, escritura) subimos ata o teatro de Sagunto para ver a representación dunha obra de Plauto, a Aulularia. Na baixada, parada na Domus Baebia, aula didáctica de Cultura Clásica. A tarde foi para a visita á praia da Malvarrosa e de novo o centro de Valencia. Despedimos a esta fermosa cidade o sábado, coa visita ao Oceanográfic e á cidade das artes e das ciencias.
Neste álbum de Flickr ou neste vídeo en YouTube pódense ver as imaxes da viaxe, unha estadía completa de cultura e chea de amizade e convivencia.
Viaxe a Valencia
O mércores da semana que vén partimos para Valencia. Serán uns días moi movidiños, con visitas a Alicante e Sagunt. Nesta páxina está o programa de actividades con todo detalle.
Modelos en skechfab
Por fin subimos á plataforma os primeiros modelos en 3D. Aquí están os resultados!
Fin do curso de dixitalización
Os profesores rematamos o curso de dixitalización coa publicación en Sketchfab dos modelos fotrogrametrados e o informe sobre a súa execución. Temos, polo tanto, conseguido o obxectivo ao 100%.
Chegou tamén ao instituto parte do material que necesitamos para crear o estudo de fotogrametría das nosas pezas, así que pronto comezaremos a facer prácticas da recompilación de datos para os modelos que precisamos para levar a cabo o proxecto dixitalizador.
Algunhas fotos dos procesos fotogrametricos
Aquí vos mostramos algunhas capturas de traballos de manexo dos programas.
Rematadas as clases de fotogrametría
Xa case temos finalizado o período de formación e estamos preparando a entrega de traballos para obter unhas boas cualificacións. Mentres tanto, seguimos preparando a viaxe para coñecer o traballo dos nosos compañeiros de Carlet. Será entre os días 6 e 9 de abril.
A pedra do Vilar
Ben, este é o primeiro exercicio de modelado en 3d con Metashape, e non quedou nada mal!!
Son fotos tomadas co móvil, case sen revelar, dun punto xeodésico que se atopa na praia do Vilar, en Ribeira.
Non se pode pedir máis no primeiro intento.
Somos uns blenders
Comezamos o traballo coa interfaz de Blender. É unha ferramenta gratuíta e con moitas posibilidades, moito máis madura que a última versión que usamos hai anos. Hai que darlle moito para conseguir traballar con este programa, e cometer algún que outro desastre.
O blog de Néstor Marqués
Interesantes novas, modelos compartidos, opinións, críticas construtivas, reseñas.
Este blog é digno duns intereseiros polo saber, coma nós.
Sketchfab
Compartímosvos algúns dos obxectos interesantes da plataforma Sketchfab, onde atoparedes diversos modelos fotogramétricos de gran calidade.
Foto vai, foto vén
Estamos facendo os primeiros intentos de figura 3D con fotos. Chove. Pois chovendo non se pode.
Ten que ser unha peza de exterior, de aproximadamente 1m de alto, e con poucas zonas convexas fondas, para que saian ben os puntos.
Temos que facer non menos de 12 fotos por anel, e mínimo seis aneis cara arriba e seis cara abaixo, formando a esfera de fotos...
Que todo vaia ben, amigos, pero que deixe de chover, que as primeiras fotos non foron ben, e hai que repetir o que vai de proceso.
Primeiras probas
Esta tarde os dous profesores comezaron a traballar cadansúa figura de proba de 3 D. É todo un mérito conseguir sacar adiante as primeiras formas 3D fotografadas hoxe mesmo. Esperamos que todos vaiamos collendo práctica, entre profes e alumnos conseguiremos axilizar o traballo.
Formación
Durante estas primeiras semanas de febreiro os profesores encargados do proxecto estámonos formando na creación de datos para a utilización dos obxectos. Estes datos, unha vez escollidas as pezas, teñen que ser tomados e dixitalizados mediante diversos recursos para que logo se poidan reproducir as obras seleccionadas.
No curso on line e posteriores prácticas, estamos aprendendo a configuración das cámaras para lograr os resultados óptimos para os nosos propósitos. Tamén estamos accedendo á descarga dos programas que nos van permitir xestionar, optimizar e transformar eses datos. Non é tarefa rápida.
Agora mesmo estamos no momento de configuración da interfaz de Metashape e doutros programas previos para subir logo as fotos de proba que tamén estamos facendo.
Son, como dicimos, probas e prácticas para unha aprendizaxe efectiva e onde os erros están á orde do día. Pero quen non tropeza non aprende a levantarse. E nesas estamos, creando esa identidade dixital e futura do que foi o noso pasado.
Curso de fotogrametría
A comezos do mes de febreiro comezaremos a formarnos neste novo proxecto coa asistencia a un curso de Introdución á fotogrametría.
Comezamos de 0, a ver a onde podemos chegar!
Empezamos!
Con data 20/12/2021 foi publicada na web do Ministerio de Educación y Formación Profesional, a Resolución da Secretaría de Estado de Educación pola que se conceden axudas destinadas a promover agrupacións de centros educativos para a realización e posta en práctica de proxectos comúns que favorezan a educación inclusiva.
Nesa convocatoria foi seleccionado o proxecto GRECIA E ROMA NAS TÚAS MANS, do que forma parte o IES Manuel García Barros da Estrada, o IES 9 d’OCTUBRE de Carlet (Valencia) e o IES Sáenz de Buruaga de Mérida.