LUGAR DE NACEMENTO (Birmingham, Alabama, Estados Unidos en 26/1/1944)
Angela Davis naceu en 1944 en Birmingham, Alabama, Estados Unidos. É unha activista, filósofa, profesora e escritora recoñecida pola súa loita polos dereitos civís, os dereitos das mulleres e a xustiza social.
Davis é unha figura clave do feminismo interseccional, que conecta a loita contra o racismo, o patriarcado e o sistema carcerario. Entre as súas obras máis importantes están Mulleres, raza e clase (1981), onde analiza as interseccións entre as opresións de xénero, raza e clase, e Are Prisons Obsolete? (2003), na que cuestiona o sistema penitenciario desde unha perspectiva feminista e antirracista.
Estudou filosofía, obtendo o doutoramento na Universidade de Humboldt en Berlín. Foi profesora en varias universidades, incluída a Universidade da California en Santa Cruz. Ademais da súa labor académica, destacou como activista social, militando en movementos contra a discriminación racial e a violencia policial.
Nos anos 60 e 70, Estados Unidos estaba atravesando un período de grandes convulsións sociais e políticas. Era unha época marcada pola loita polos dereitos civís dos afroamericanos, a oposición á guerra de Vietnam, e o inicio do movemento feminista moderno. A segregación racial aínda estaba presente, especialmente no sur, e as persoas negras sufrían discriminacións legais, sociais e económicas.
Para as mulleres, esta época tamén supuxo un momento de transformación. O movemento feminista da segunda ola comezaba a desafiar os roles tradicionais de xénero, reclamando igualdade laboral, dereitos reprodutivos, e o fin da violencia e discriminación baseada no xénero. Non obstante, as mulleres negras e doutros grupos raciais e de clase social baixa enfrontábanse a discriminacións múltiples, xa que sufrían simultaneamente racismo e sexismo, unha realidade que Davis destacou e denunciou.
Angela Davis desenvolveu a súa loita neste contexto, vinculando a defensa dos dereitos civís coa crítica ao patriarcado e ao sistema carcerario, que afectaba desproporcionadamente ás persoas negras e ás mulleres negras en particular. A súa militancia e pensamento foron clave para visibilizar estas interseccións de opresión e para promover un feminismo inclusivo e antirracista.
Borja Chenel Zambrano