Boas familias!
Son Iris e xunto cos meus alumnos de primeiro de Primaria do Colexio Vista Alegre de Vigo, pretendemos que este site sexa unha xanela aberta para achegaros a nosa maneira de traballar e de aprender facendo. Deste xeito, coa realización deste proxecto queremos que o alumnado acade os seguintes obxectivos:
Achegar ao noso alumnado a descubrir os elementos máis importantes da contorna natural, artística e cultural de Galicia.
Facer aos cativos e cativas partícipes do seu propio aprendizaxe.
Potenciar o traballo colaborativo, a participación, o pensamento crítico, a toma de decisións e afrontar retos.
Desenvolver destrezas, aplicar coñecementos e potenciar a motivación individual e colectiva dos grupos aula.
Todo comezou un día na clase de Lingua Galega, falando sobre os oficios tradicionais e os artesáns. Xurdiu entón unha pregunta: que era iso de O son das mans?
A partir desa curiosidade, comezamos a investigar e a descubrir o valor do traballo feito a man, das técnicas que pasan de xeración en xeración e das historias que se agochan detrás de cada peza.
Visualizamos este vídeo e comezaron a xurdir as preguntas...
Tras o visionado do vídeo, o alumnado comezou a facer preguntas.
Que está facendo o home no vídeo?
Con que material fai a cesta?
Como son as tiras que utiliza (duras, brandas, longas…)?
Para que cres que serve unha cesta?
Viches como move as mans? Era rápido ou lento?
Parecíache fácil ou difícil facer unha cesta?
Que ferramentas utiliza?
De que cor é o material que emprega?
Onde cres que está traballando (no campo, nun taller…)?
Gustaríache facer unha cesta? Por que?
Para informarnos sobre o tema dos cesteiros, estivemos a recompilar información en libros e en internet. Foi así como atopamos tres figuras clave para o noso proxecto: Luis do Río (Santiago), Antonio Suárez (Vigo) e Suso, o cesteiro (Tui).
Primeiro practicamos a técnica do trenzado das cestas con cartolinas de cores. Fixemos un bo traballo e as nosas mans non pararon de traballar. Despois intentámolo con fíos e vimbio, pero resultounos un pouco complicado.
Imaxes extraídas do vídeo enviado na entrevista (27-11-25)
Aproveitando unha saída pola cidade, achegámonos ao taller de Antonio, o cesteiro, para coñecer de preto o seu traballo.
Durante a visita, Antonio amosounos as súas creacións, auténticas obras de arte feitas con mimbre. Puidemos ver diferentes tipos de cestos, bandeixas e mesmo cadeiras, todas elaboradas a man con moito coidado e paciencia.
Mentres nos ensinaba o seu traballo, explicounos como realiza cada peza e falounos dos materiais que emprega, principalmente o mimbre en distintas variedades. Tamén nos contou que este oficio forma parte da súa familia desde hai moitos anos, xa que o aprendeu dos seus pais e avós.
A visita permitiunos comprender mellor a importancia da cestería tradicional e valorar o esforzo que require manter vivo este oficio hoxe en día.
Foi unha experiencia moi interesante e enriquecedora.
Antonio Suárez leva toda unha vida dedicada ao oficio de cesteiro, por algo naceu na Rúa dos Cesteiros, en Vigo. Agora é o último cesteiro que queda na cidade.
Entrevista a Antonio, o cesteiro de Vigo
Ola, Antonio! A túa familia xa facía cestos antes ca ti?
Si! Os meus avós e os meus pais xa eran cesteiros. Eu aprendín deles e levo toda a vida facendo cestos.
E que materiais usas para facer os cestos?
Uso sobre todo mimbre. Pode ser con pel, sen pel ou cocido. Tamén uso madeira de castiñeiro, pero o máis importante é o mimbre.
Que é o que máis vendes?
Pois vendo bandeixas, cestos grandes e tamén cadeiras de vimbio. Aínda que agora a xente compra menos ca antes.
E quen compra máis, os turistas ou a xente de aquí
Compra máis a xente de Vigo. Algúns turistas tamén, pero cada vez menos.
Por que a xente compra menos cestos?
Porque agora hai cousas de plástico que son máis baratas. E tamén veñen produtos doutros países que custan moi pouco.
Que foi peor para o teu traballo?
Os produtos baratos doutros países fixéronnos moito dano, porque nós non podemos competir cos prezos.
Hai xente nova que queira aprender?
Hai pouca, porque é difícil vivir só deste traballo.
Sabemos que deches clase na Escola de Artes e Oficios de Vigo, iso axudou?
Si, axuda a que a xente coñeza o oficio e a aprendelo, pero non é doado vivir só facendo cestos.
Moitas grazas, Antonio!
Fotografías do libro: "Terra e mar. Cesteiros da Ría de Vigo"
Falando un día con Paulo, profesor do colexio, comentoume dun artesán cesteiro da zona do Baixo Miño. Conseguiume o seu número e puxémonos en contacto con el. Invitámolo a facer un taller o día 15 de maio no noso colexio e aceptou encantado. Moitísimas grazas, Suso!!!
Aquí tendes unha pequena mostra do traballo que el fai. Pero se o queredes ver en directo, xa sabedes o que tendes que facer. Vir a velo en directo !! Esperámoste !!!
Queremos facer un agradecemento especial ás persoas que nos axudaron neste proxecto .
En primeiro lugar, Luis do Río. Contactamos con el a través da rede social Instagram e respondeu de seguido, aceptando a nosa entrevista. Moitísimas grazas de corazón.
Despois, Don Antonio Suárez, figura importantísima da cestería viguesa, profesor da Escola de Cestería e artesán de terceira xeración. Fomos ata alí, ao seu taller e tenda, cos alumnos de 1º de Primaria e de 6º de Infantil do colexio, e atendeunos cun sorriso, amosándonos todo tipo de obras que realiza. Contounos a historia de milleiros de aparellos que ten alí. Moitísimas grazas tamén.
Grazas aos meus compañeiros, porque cando eu non vía moita evolución do proxecto, eles animáronme.
Grazas ás familias do meu alumnado. Sempre estades aí para colaborar en calquera momento. Sodes un amor.
Grazas a Suso, o cesteiro, e á súa muller Elena, que me atenderon por teléfono sen coñecerme e aceptaron a invitación á festa do colexio sen dubidalo. Grazas tamén por querer facer un obradoiro con todos nós. Graciñas.
E grazas ao meu alumnado, que traballou moito e foi quen de aprender moitas cousas sobre os artesáns, os diferentes tipos de artesanía e o difícil e fermosa que é a súa labor. Grazas, cariños da profe.
Deica pronto !!!
Iris🌈