ENTREVISTA A UN EXPERTO XOIERO
NOME E APELIDOS DO EXPERTO XOIERO ARTESÁN
O meu nome é Carlos Pereira Calviño, o meu nome comercial rexistrado é Carlos Pereira. Tamén coñecido por ser o Director da Escola Técnica de Xoiería Atlántico.
1. Dende cando a túa paixón pola xoiería?
Dende os 17 anos, cando rematei o que actualmente é segundo de bacharelato. Como non entrei en Veterinaria, tiven que buscar outras opcións. Traballar coas mans nun oficio sempre me pareceu máis interesante que estar sentado todo o día nunha oficina. Entón, por casualidade, atopei unha escola en Madrid e foi alí onde comecei a miña formación.
2. Cántos anos levas no sector?
Levo 37 anos no sector do deseño de xoias de maneira ininterrompida. Primeiro estudei durante tres anos en Madrid, máis outro de especialización. Formeime en deseño de xoias, xemoloxía, xoiería artesanal e artística, engastado de xoias, esmaltado ao lume e especialización en diamantes, entre outras áreas.
Despois fun a Bélxica para continuar a miña formación en pedras preciosas e, posteriormente, cursei unha licenciatura en Artes Plásticas, na especialidade de xoiería, en Portugal. Máis tarde traballei en estudos e empresas de alta xoiería, así como en obradoiros, e finalmente abrín o meu propio.
As casualidades da vida trouxéronme a Vigo, onde comecei coa ensinanza de maneira máis formal e continuada.
3. Cales son os materiais máis comúns que empregas para a fabricación de xoias?
Xeralmente emprego ouro e prata, aínda que tamén teño coleccións elaboradas con outros materiais como cobre, latón, metacrilato ou aluminio. Máis que falar de materiais, gústame destacar a creatividade por riba deles.
É importante subliñar que, mesmo empregando metais preciosos, se non se fomenta a creatividade, o produto pode resultar pobre. Pola contra, hai creadores que, utilizando materiais non preciosos como a alpaca, o aluminio ou o aceiro, conseguen pezas moi creativas e de gran valor artístico.
4. Se se equivoca e corta mal un anel ou rompe unha pedra preciosa, que fai? Ten arranxo ou pérdese para sempre?
Todo o que é metal ten, no 90% dos casos, arranxo. As pedras, en cambio, son máis delicadas: se se rompen, normalmente non teñen solución, aínda que nalgúns casos se poden retallar se o dano non é moi grande.
5. Cal é a ferramenta máis estraña ou perigosa que ten no obradoiro?
Un laminador eléctrico, que se emprega para facer chapas de metal. É unha ferramenta moi útil, pero tamén bastante perigosa, polo que require moita atención e precaución ao utilizala.
6. É verdade que usa fogo para derreter o ouro? Non queima as mans ao traballar con pezas tan pequenas?
No obradoiro utilizamos un soprete para fundir os metais preciosos, como o ouro, a prata ou o platino. Cada un deles ten unha temperatura de fusión diferente, pero traballando con coidado non hai problema.
Para manipular as pezas pequenas empregamos ferramentas como pinzas, o que nos permite traballar con precisión e evitar queimaduras.
7. Canto tempo tarda en facer unha xoia desde que é un debuxo nun papel ata que brilla na caixa?
Depende da complexidade da peza, pero unha xoia estándar pode levar entre 3 e 8 horas de traballo. Se, ademais, é necesario contar con outros profesionais, o proceso pode alongarse máis.
8. Se eu quixera ser xoieiro/a de maior, que é o primeiro que tería que aprender a facer hoxe mesmo?
O máis importante é ter actitude e ganas de aprender. Unha persoa realmente interesada pode chegar a converterse nun profesional da xoiería. Ademais, esta profesión ofrece moitas saídas: comercial, deseñador/a, xoieiro/a, engastador/a, fundidor/a, entre outras.
Persoalmente recomendaría facer exercicios de manipulación con as mans: dende tarefas do fogar, deporte, pintar , xogos de mesa …son algúns recursos para mellorar as detrezas dos futuros xoieiros/as
9. Cal foi a peza máis difícil ou máis rara que lle pediron facer en toda a súa vida?
Un anel en forma de selo cunha esmeralda valorada en 180.000 euros. Non tanto pola dificultade técnica, senón porque non tiña seguro e, se se rompía, non había forma de repoñela.
10. Cando vai pola rúa, fíxase nas xoias que leva a xente? Sabe rápido se son de verdade ou de mentira?
Sempre me fixo nas xoias que leva a xente, pero tamén no estilo xeral e noutros accesorios como bolsos, zapatos, etc.
É importante fixarse nas persoas porque elas son as que ditan o que se está a levar na rúa, pero tamén indica a imaxen que quere transmitir e moitas das veces eso axuda a elexir unha xoia ou ofrecerlle algún servicio
11. Por qué a IA non sustituirá aos oficios profesionais neste século?
A intelixencia artificial pode axudar no deseño ou na produción, pero non substitúe a creatividade, a habilidade manual nin a sensibilidade dun xoieiro/a.
Cada peza require visión artística, adaptación ás pedras e aos materiais, e interpretación das emocións e gustos do cliente. Ademais, os xoieiros solucionan imprevistos e aportan valor humano e cultural que ningunha máquina pode replicar
12. A formación en xoiaría, é universal?
A xoiería pódese estudar en calquera país e esa formación serve en todo o mundo, porque as técnicas e materiais son universais. En cambio, un avogado formado en España non pode exercer noutro país, xa que as leis cambian. Por iso, a formación en xoiería é verdadeiramente internacional.
13. Por qué me pode interesar estudar xoiería?
Estudar xoiería combina creatividade, arte e habilidade manual, e está aberto a todas as persoas, tanto mozos como mozas. É unha forma de experimentar, innovar e crear pezas únicas coas túas mans. Ademais, permite desenvolver unha profesión con saída internacional, traballar coas últimas tendencias e formar parte dun mundo onde a túa imaxinación e estilo marcan a diferenza. Se che gusta deseñar, inventar e expresarche, a xoiería é unha oportunidade emocionante para comezar a túa aventura profesional.
14. Por qué a xoieria é tamen artesanía?
A xoiería é moito máis que traballar con metais e pedras: é transformar ideas en pezas únicas coas túas mans. Cada creación combina habilidade, precisión e creatividade, permitindo que a túa imaxinación cobre vida. É unha forma de expresarte, aprender un oficio con tradición e, ao mesmo tempo, innovar, crear tendencias e deixar a túa pegada no mundo da arte e do deseño.