Proxecto Interdisciplinar e Aprendizaxe-Servizo: Educando con Corazón
No noso centro, estamos comprometidos cunha educación que vai máis aló das aulas e conéctase coa vida real. Por iso, desde hai anos, o noso profesorado fórmase na metodoloxía de Aprendizaxe-Servizo (ApS), unha potente ferramenta pedagóxica que combina a aprendizaxe de contidos curriculares coa realización dun servizo real á comunidade.
Que é a Aprendizaxe-Servizo?
A Aprendizaxe-Servizo é unha proposta educativa que integra o desenvolvemento académico coa acción solidaria. Non se trata só de aprender, senón de aplicar ese coñecemento para resolver necesidades ou mellorar a realidade da nosa contorna. Os alumnos e alumnas convértense en protagonistas activos da súa aprendizaxe, poñendo en práctica os seus coñecementos e habilidades nun contexto significativo, á vez que desenvolven valores de cidadanía, empatía e compromiso social. É unha oportunidade para crecer tanto intelectual como persoalmente.
Como o implementamos neste proxecto?
O proxecto interdisciplinar é un claro exemplo de como aplicamos a metodoloxía ApS no noso centro. Este proxecto permítenos celebrar o centenario do noso colexio á vez que fomentamos a aprendizaxe significativa e o servizo á comunidade.
A través desta iniciativa, o noso alumnado mergúllase na investigación sobre a historia do noso colexio relacionada coa historia do noso barrio, implicando a toda a comunidade educativa e a veciñanza.
Despois dun ano intenso de investigación, traballo e celebración culminamos o proxecto facendo entraga do diñeiro recadado no mercadillo solidario á Parroquia de Fátima.
Así, grazas á Aprendizaxe-Servizo e ao proxecto interdisciplinar, estamos a educar non só para o futuro, senón tamén para o presente, formando cidadáns e cidadás comprometidos, conscientes e con ganas de transformar o mundo.
Entrega do diñeiro recadado no mercadiño do colexio e no bar da ANPA ao banco de alimentos da Parroquia de Fátima