Os servizos de Otorrino-Laringoloxía (Unidade de Disfaxia) e Rehabilitación da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Pontevedra (EOXI Pontevedra), e de Rehabilitación da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Vigo (EOXI Vigo) están a organizar unha nova edición da Xornada Galega de Disfaxia Orofarínxea, dado o bo acollemento da Primeira Xornada, celebrada na EOXI de Vigo no 2016 que conseguiu reunir a máis de 100 profesionais sanitarios da nosa comunidade interesados en profundar sobre o coñecemento das dificultades da deglutición. Nesta ocasión, a Xornada celebrarase na EOXI de Pontevedra o 30 de Novembro de 2018, e abordará de maneira específica o tratamento da disfaxia oro-farínxea infantil.

Os trastornos da deglutición ocupan un lugar relevante coma fonte de morbi-mortalidade e deterioro da calidade de vida dos nenos e nenas e as súas familias, constituíndo un desafío para o equipo tratante e obrigándoo a un manexo especializado.

É por este motivo polo que centramos esta xornada na abordaxe da disfaxia en nenos e nenas, xa que pretendemos instar a tódolos profesionais relacionados a considerar á disfaxia infantil coma un obxectivo terapéutico transversal e motivar aos profesionais rehabilitadores galegos a formar equipos especializados nesta problemática, mellorando e aumentando a nosa formación e atendendo ás experiencias de colegas doutros centros sanitarios especializados.

Ao mesmo tempo, tamén buscamos o empoderamento de pacientes e familiares na abordaxe das dificultades da deglutición, ofrecéndolles formación adaptada ás súas necesidades.

Por último, coa celebración da xornada buscamos tamén visibilizar e concienciar á sociedade sobre o impacto das dificultades da deglutición entre a poboación infantil.