LETRAS GALEGAS 2021

XELA ARIAS CASTAÑO

CEIP de CELEIRO

Viveiro (Lugo)


Xela Arias Castaño naceu en Sarria en 1962. Filla do escritor Valentín Arias, foi unha das voces máis singulares da poesía galega contemporánea e sobresaíu tamén como editora e tradutora.

Os seus primeiros anos transcorren na contorna da Granxa de Barreiros, un dos proxectos pedagóxicos de Antonio Fernández López que buscaba integrar a natureza e a cultura galegas na aprendizaxe, na aldea de Ortoá.

En 1965, a familia mudouse a Lugo e ela iniciou os estudos no Colexio Fingoi. Por mor dos compromisos laborais do pai trasladouse máis tarde á parroquia de Sárdoma, en Vigo, onde rematou a ensinanza primaria. Para daquela xa gañara o primeiro premio no VI Concurso de Contos Infantís O Facho.

De 1976 a 1980, cursou o bacharelato e o COU no Instituto Castelao. Neste ano abandonou as aulas e comezou a traballar en Edicións Xerais de Galicia, onde desempeñou primeiro labores de administración e logo de corrección de estilo e de edición.

Desde 1982, deu a coñecer os seus poemas en recitais, festivais e xornais, revistas e fanzines (Dorna, Faro de Vigo, A Nosa Terra, Festa da Palabra Silenciada etc.).

En 1986 foi finalista do premio Losada Diéguez co seu primeiro libro, Denuncia do equilibrio. En 1990 saíu do prelo Tigres coma cabalos, asinado coa súa parella, o fotógrafo e matemático Xulio Gil, e, en 1996, o poemario Darío a diario, dedicado ao seu fillo. De 2003 é a súa derradeira obra, Intempériome.