Verín celebra a Semana das Letras Galegas 2025 cunha programación diversa e participativa
Do 10 ao 18 de maio, Verín acollerá unha nova edición da Semana das Letras Galegas, cunha programación que combina tradición, innovación e participación cidadá. A concelleira de Turismo, Cultura e Festexos, Samanta Barreira, presentou esta mañá o programa no Salón de Plenos do Concello, destacando o protagonismo das cantareiras e das asociacións de mulleres rurais, auténticos motores da nosa cultura.
“Queremos poñer en valor o seu labor imprescindible na preservación da nosa identidade”, sinalou Barreira, quen tamén fixo unha chamada a “sentir orgullo de sermos galegos e galegas, a través da música, da palabra e da participación comunitaria”.
Principais actividades da Semana:
Sábado 10 de maio
17:00 h – Trisca da Preguiza
Encontro de grupos tradicionais na Preguiza, con música, xogos populares e obradoiros para todas as idades. Participan Candaira, Silverias do Támega, As Travesas, Os Trouleiros e asociacións de mulleres da comarca.
21:00 h – Concerto de Ailá
Mestura de música tradicional e sonoridades contemporáneas.
Luns 12 de maio – 19:30 h
Inauguración da exposición "Pensamentos Fuxidos" de Xosé Rivada na Sala de Exposicións de Verín.
Martes 13 de maio – 20:00 h
Audición de conxuntos instrumentais do alumnado do Conservatorio de Música de Verín no Auditorio.
Xoves 15 de maio – 20:30 h
Palestra de Xabier Díaz: "Metendo as mans na terra" sobre tradición musical galega e memoria sonora.
Venres 16 de maio
10:30–13:30 h – “Os coles cantan” na Praza García Barbón, con máis de 600 escolares cantando en galego.
18:00 h – Contacontos "Os Descontacontos" con Galitoon Teatro na Biblioteca Municipal.
Sábado 17 de maio – 18:00 h
Teatro infantil: "Castelao. Un corazón á intemperie" da compañía Fantoches Baj, na Casa da Cultura.
Domingo 18 de maio – 11:30 h
Gala Músico Literaria das Letras Galegas no Auditorio, con entrega dos premios dos certames de poesía e relato curto promovidos polo Concello e GADIS.
Unha festa para todas as idades e sensibilidades
A programación aposta por implicar a toda a sociedade, desde a infancia ata a veciñanza maior, e por dar visibilidade á riqueza do tecido cultural de Verín. Música, teatro, arte, reflexión e tradición únense para celebrar a nosa lingua e cultura galegas.