A importancia do desenvolvemento do PDI
No CRA cremos nunha maneira de aprender que sexa activa, participativa e que conecte coa realidade do alumnado. Por iso, cada ano poñemos en marcha un Proxecto Documental Integrado (PDI), unha iniciativa que implica a todo o centro nunha aprendizaxe significativa, onde investigar, preguntar, contrastar e crear son accións cotiás.
A través dos PDI, o alumnado traballa de forma conxunta arredor dun tema común, buscando información en distintas fontes, analizando datos, elaborando conclusións e compartindo descubrimentos. Todo isto, apoiado polos recursos e ferramentas que ofrece a nosa Biblioteca Escolar, que actúa como motor de todo o proceso.
Desde o equipo docente deseñamos propostas globais que fomentan o uso de habilidades clave: a observación, o espírito crítico, a colaboración, a responsabilidade e, sobre todo, a curiosidade. Os PDI permítennos integrar saberes de todas as áreas, facendo que o alumnado sexa protagonista da súa aprendizaxe e desenvolva competencias básicas para a vida.
A biblioteca convértese así no lugar ideal para investigar, ler, debater, expoñer ou simplemente deixarse levar polo pracer de descubrir. Pois esta é o espazo onde se xuntan todas as disciplinas, todas as persoas e todas as posibilidades. Un espazo para aprender, pero tamén para compartir en comunidade (Piquín, 2012).
Ademais, os PDI son unha oportunidade para traballar valores como a autonomía, a autoestima ou a creatividade. Pois favorecen o pensamento crítico e ofrecen experiencias que deixan pegada, porque o importante non é só o que se aprende, senón como se vive o proceso de aprendizaxe (González, 2014).