Seguindo con esta sentida iniciativa que a comunidade educativa do IES Monte das Moas leva a cabo dende o ano 2014, dámoslles voz esta vez a
MARTA SANZ PASTOR
Marta Sanz Pastor (Madrid, 1967) é unha das múltiplas voces sólidas e combativas da narrativa española contemporánea. Doutora en Literatura Contemporánea pola Universidade Complutense de Madrid, iniciou a súa traxectoria literaria após formarse na Escola de Letras de Madrid, onde entrou en contacto co editor Constantino Bértolo, quen publicou as súas primeiras novelas. Ao longo da súa carreira foi recoñecida con galardóns de prestixio, entre eles o Premio Ojo Crítico de Narrativa (2001) e o Premio Herralde de Novela (2015). Para alén do éxito editorial, Sanz consolidouse como unha autora que entende a escrita como ferramenta de intervención crítica, nomeadamente na análise das estruturas de poder que atravesan a sexualidade e a identidade femininas.
Nesta liña, o seu compromiso feminista maniféstase quer na súa produción narrativa (como en Daniela Astor y la caja negra, onde revisa a representación mediática das mulleres durante a Transición española), quer na súa actividade ensaística e xornalística en medios como El País, Público ou InfoLibre. Así pois, Sanz reivindica unha literatura consciente da súa dimensión ideolóxica e denuncia a aparente neutralidade estética como forma de invisibilización política, ben como a necesidade de cuestionar os discursos hexemónicos e de outorgar centralidade ás experiencias e ás voces das mulleres.
CRISTINA FALLARÁS
Nacida en Zaragoza en 1968 é xornalista e escritora. Estudou Ciencias da Información na Universidade Autónoma de Barcelona. Recibiu numerosos premios polo seu labor. É unha activista defensora das mulleres vítimas de violencia machista.O 26 de abril de 2018 lanzou o cancelo#Cuéntalo. Produciu preto de tres millóns de tuits dos cales máis de 50.000 son testemuños de violacións, abusos ou acoso. O 27 de agosto de 2023, co cancelo#SeAcabó, tras a polémica do caso Rubiales, comezou a compartir nas súas redes sociais os testemuños de mulleres vítimas de acoso, violacións e abusos. En febreiro de 2024, pecháronlle a conta na rede social Instagram e nese momento, Cristina decidiu publicar todos eses testemuños en formato libro.
En setembro de 2025 un partido de extremadereita comezou unha campaña de acoso contra ela que sobrepasou todos os límites do respecto, da educación e da cordialidade.
"Toda a violencia que se exerce sobre nós é grazas ao silencio".