NOTA: A seguinte páxina ten fins educativos exclusivamente. Se algúns dos elementos expostos estan suxeitos a dereitos de autor póñanse en contacto na seguinte dirección: manuelvidalportela@gmail.com e serán eliminados de inmediato. Tentamos citar sempre aos autores dos diferentes recursos enlazados. Grazas por compartilos e permitir o seu uso. 

LUÍSA VILLALTA GÓMEZ


Luísa Villalta Gómez naceu na cidade da Coruña o 15 de xullo de 1957, na rúa Vila de Laxe, en pleno corazón do barrio do Gurugú. Era a primoxénita de Rafael Villalta e María del Carmen Gómez.

No curso 1967-68 Luísa comezou os seus estudos de bacharelato no instituto coruñés: “Eusebio da Guarda”

Na Universidade de Santiago de Compostela estudou a carreira de Filoloxía Hispánica e rematou os estudos como especialista de Galego-Portugués no ano 1982.

Acabou os seus estudos como Titulada Superior en Violín no Conservatorio de Música da Coruña.

Nos oitenta, formou o grupo de música folk instrumental Escaino, xunto con Paulino Martínez Pereiro, Xoán Fernán Bello e Luís Martínez Pereiro.

Foi compoñente da Orquestra de Santiago de Compostela e da Xove Orquestra de Galicia, formacións que deixou cando comezou a dedicarse á docencia.

Despois de aprobar as oposicións de Lingua e Literatura Galega, exerceu como profesora de Lingua e Literatura Galega. O seu primeiro destino foi o instituto de bacharelato Xosé Neira Vilas, de Perillo-Oleiros. (A Coruña) – 1988.

Desenvolveu unha intensa actividade cultural, foi autora de obras de teatro, narrativa, ensaio... e poesía.

“Concerto para un home só” Foi o primeiro dos cinco textos teatrais que publicará Luísa Villalta. (Cadernos da Escola Dramática Galega, A Coruña—1989)

O IES Isaac Díaz Pardo, de Sada (A Coruña) foi o seu terceiro e último destino docente. Neste instituto desenvolveu diferentes actividades culturais e exerceu o cargo de Xefa do Departamento de Lingua e Literatura Galega.

Luísa Villalta faleceu na Coruña na madrugada do 6 de marzo de 2004. Os seus restos repousan no cemiterio coruñés de Santo Amaro. A cerimonia relixiosa do enterro deu paso a un acto laico a cargo de escritores e poetas galegos, con poemas e música de violín.