Chegar a Naraío non ten ciencia. Tal e como vedes no mapa está moi preto de Ferrol e da autoestrada AP-9. Se decidides achegarvos até o festival, tedes que saber que dispoñemos de áreas de acampamento e que relativamente preto de nós -nun radio duns 15 Km.- temos aloxamentos algo máis confortables:

A Asociación de Veciños O Castelo esfórzase todos os anos para que todos gocedes dun bo día de festa. Por iso tamén vos pedimos que colaboredes con nós. Ao pé do festival teredes un amplo espazo para asentar as vosas merendas, con servizos e aparcadoiro. Só vos pedimos que non estredes demasiado e que sexades respectosos co contorno.

Por suposto, se vides de merenda tampouco lavedes a louza no río aínda que o deterxente poña que é biodegradable. Reciclade todo o que poidades e o que non sexa reutilizable tirádeo nos colectores do lixo que haberá repartidos por todo o recinto.

Respectade os sinais e as indicacións do persoal da organización e de Protección Civil que colabora con nós.

  • Non aparquedes en lugares que non estean sinalizados.
  • Non armedes a vosa merenda ou acampada en lugares marcados previamente por outros festivaleiros con cintas ou cordeis.



Máis que festival...

Ese día convidámoste a que descubras Naraío –se non o fixeches aínda-, un lugar no que te agarda un riquísimo patrimonio histórico e paraxes naturais ben fermosas. O castelo, a ponte da Ferrería co seu cocho de pedra, a fonte de San Roque, a igrexa de Santa María e as mostras de arquitectura tradicional que aínda se poden ver no contorno, daranche conta da nosa historia e de xeitos de vida desaparecidos.

Naraío posúe unha área recreativa pública ao pé do castelo medieval e centos delas conformadas pola propia paisaxe. Desde o alto de Racamonde –o máis elevado do concello- pode observarse entre muíños de vento toda a terra de Trasancos e incluso o mar.

De feito, este é un dos mellores lugares para facerse unha idea da paisaxe do complexo xeolóxico do Cabo Ortegal, que aspira a converterse en Xeoparque Global da UNESCO. Desde a Louseira –outro dos miradores naturais de Naraío a onde os eólicos aínda non chegaron- en días claros a vista alcanza ata a Coruña nunha panorámica que percorre Ferrol, Ares, Pontedeume e Sada.

Como poderedes ver no propio contorno da Bóla, a natureza é outro dos grandes atractivos de Naraío. O val conformado polo Castro pón ao voso alcance varios itinerarios que seguen camiños milenarios entre loureiros, carballos, cerdeiras e castiñeiros.

Para gozar de todo o que Naraío pode ofrecervos non vos chegará un día, e moito menos o día do Festival. Por iso, xa sabedes….haberá que volver outro día con máis vagar.

Na web do Concello de San Sadurniño ou na de Turgalicia podedes atopar toda a información que precisades para vivir a fondo todo o que vos temos que ofrecer. Ah, e se hai algo que queirades saber en particular, contactade con nós directamente.

Recursos turísticos e patrimoniais de San Sadurniño