Os Equipos de dinamización da lingua galega, DINAMIZAESTRADA, de todos os centros educativos da Estrada participan activamente no proxecto que este curso botou a andar o Concello da Estrada.
DINAMIZATV xurdiu co obxectivo de promover o uso do galego entre a xente xove dos nosos centros, apostando decididamente polo eido audiovisual, coa creación dun NOTICIEIRO en cada un dos centros escolares no que tiveron cabida os vídeos creados polos propios alumnos e ao que se deu forma final cunha gravación no Teatro Principal estradense, e posterior edición e montaxe a cargo de Lucas Terceiro.
Aqui vemos a Uxía Seoane, de 3º da ESO e Marco Vázquez, de 2º exercendo de presentadores o día da gravación no Teatro Principal.
No IES Nº1 xurdiu un equipo de redacción que decidiu os temas que queriamos amosar publicamente.
Os temas elixidos foron: A rúa da Cultura, e os moitos cadros, pintados polo alumnado de plástica do IES Nº1, que poden verse nos corredores do centro, en algunhas aulas e ata no patio.
Despois de moitas reunións e moitas dúbidas asi quedou o noso noticieiro.
Os Equipos de dinamización estradenses sumáronse á iniciativa dende o primeiro momento e despois de meses de traballo os resultados desta iniciativa foron presentados a finais de marzo e principios de xuño.
Os noticieiros de todos os centros foron aloxados nunha canle de YouTube do Concello da Estrada.
Poden verse na seguinte ligazón: