MUSEO DAS PEREGRINACIÓNS E DE SANTIAGO
Praza das Praterías, sala exposicións temporais, primeira planta. Do 12 de novembro ao 28 de febreiro de 2020
MUSEO DAS PEREGRINACIÓNS E DE SANTIAGO
Praza das Praterías, sala exposicións temporais, primeira planta. Do 12 de novembro ao 28 de febreiro de 2020
A cidade de Santiago preséntase como un enigma. No territorio enmarcado polos leitos do Sar e o Sarela confluía un dédalo de sendas, camiños e vías pecuarias tributarias da gran rede continental. Cara ao ano mil por esa malla viaria circulaba un rumor insistente en torno ao descubrimento dos restos do discípulo de Cristo. Por ese motivo Compostela acabaría converténdose nunha meta, unha ansia, un empeño; converteuse en peregrinación. A catedral e a cidade aparecen ao fin como un compendio de arquitecturas solapadas nun impoñente palimpsesto, un condensado da historia que debemos seguir descifrando.
Santiago Catalán proxecta sobre esta cidade a mirada do arquitecto, observa e formula interrogantes sobre a forma en que foi construído cada elemento. O autor interpreta o obxecto edificado superpoñendo as arquitecturas desde perspectivas distintas para armar un novo relato a partir da intencionada lectura de fustes, gálibos, entaboamentos, ornamentos e figuras. Volumes solapados debuxados con rigor, esmiuzando perpiaño por perpiaño, textura por textura. A capacidade do autor queda patente nestes debuxos trazados tenazmente cun sinxelo lapis, cun gran dominio da representación arquitectónica, enriquecida coa sensibilidade coa que aplica cores imposibles e caligrafías inacabables. Mediante un trazo primoroso Compostela adquire da súa man, espazo e volume, luz e sombra.
É arquitecto, debuxante e pintor. Desde a súa titulación na Escuela Técnica Superior de Arquitectura de Madrid en 1978 compaxinou a súa faceta profesional (con proxectos de edificios públicos, restauración de monumentos, deseño interior e deseño gráfico) cunha intensa dedicación ao debuxo e ao mundo da arte en xeral ao participar en numerosas mostras individuais e colectivas, e sendo ademais fundador e socio da galería alternativa e grupo artístico Bacabú, dinamizador da vida cultural da cidade de Lugo, o seu lugar de residencia desde o ano 1980.
No últimos seis anos, a inclinación cara ao debuxo intensificouse co empeño de recoller sobre o papel as arquitecturas representativas das máis importantes cidades galegas. Santiago de Compostela, Lugo, A Coruña, Vigo e Pontevedra concrétanse en preto de douscentos debuxos xa realizados; Ourense e Ferrol completarán máis tarde unha versión de Galicia debuxada. Todo iso traduciuse na publicación de dous libros titulados «Arquitecturas debuxadas», Lugo e Compostela, que recollen textos e máis de cen debuxos do autor.
Santiago Catalán (Madrid, 1954)