ANTOLOXIA DE POEMAS DE UXIO NOVO NEIRA

REUNIÓN DE GALIZA NOVA EN COMPOSTELA.
BAR RÚA NOVA.FINAIS DO 1995

Non sólo os suavemente galeguistas, os nacionalistas defensivos ou os nacionalistas
críticos se non que
TÓDOLOS GALEGOS SOMOS RESPONSABLES DA LÍNGUA.
Tódolos homes son responsables da súa língua e de que permaneza no espacio
xeográfico no que se formou
e durou ate confundirse LÍNGUA, POBO e TERRA,
Língua e Patria.
A responsabilidade aumenta coa situación de peligro, coa evidencia de peligro que e
maior e constante cando se trata dunha Lingua sen estado, como agora se dice, dunha
Língua sen estado como a nosa, por eso os individuos e colectivos mais responsables
desa etnia chaman pola autodeterminación.
Donde queira que esté un galego conscente ten que sentir a responsabilidade da Língua
e de feito síntea anque non se atreva.
As veces , os seres humanos non-os deixan ser e inda os mais conscentes non se atreven
pois grávanos forzadas cadeas de dependecia maiores que a propia voluntá individual.
Pero estea donde estea sinte a propia lingua despois da supervivencia como a
responsabilidade mais importante.
Aínda en precario,
“TODOS SOMOS RESPONSABLES DA NOSA LÍNGUA”.
Dícese que a Língua nos distingue. Millor decir que a Língua nos une.
“Proben a falar”

Uxío Novoneyra

POETICA:
Quizaves a poesía sexa a única expresión enteira do home non relativizado nin
parcializado.
Quizaves por atender, por priorizar unha forma aguda de memoria, conserve, garde algo
da esperanza primeira, da vitalidade primeira, que leva a ebriedade do canto, e por estar
moi ligada a mocedade conserva aínda un alento de actuante entusiasmo.
Non cabe dúbida que a pasión poética ven de algo auroral e ten que ver coa paixón
erótica, co impulso comunal e coa herencia profunda, tanto do sangue como da cultura,
da lingua propia.
Memoria i herencia son expresiós da única permanencia e transmítennos unha forza que
rebasa o puro caudal individual.
A poesía é algo comunal é insumiso.
É un resto da índa non desmentida primeira, cega unidade; e por un intre pon o home ao
marxe do medo, inda dentro do medo, e salva como o amor.
É unha forma de comunión que tampouco está lonxe do mecanismo interior que
desencadea a emoción patriótica.
Todo poeta éo primordialmente da súa nación porque il é o ser da memoria inevitable,
gardadora e salvadora.
É o esclavo poseso da súa língua.
É a encarnación viva de esa língua, e nil volven cobrar alento, o alento que tuveron
nelas, as palabras e os xeitos da lingua de xeneraciós e xeneraciós pasadas que a falaron
e a fixeron única e así tal como é.
Por eso, quén non rexeita os frios manipuladores da língua de calque índole? Os
deformadores da patria, os enlatadores da identidade?.
Porqué a lingua é sagrada, é o único que queda de tódolos nosos mortos, a única forma
de inmortalidade longa.
E o poeta é ou debe ser a encarnación viva desa língua.
E sabendoó ou sin sabelo con plenitude sempre fala en nome do seu pobo.
E calquera ao falar pode ser nise intre o poeta do seu pobo.
Claro que o falar pleno xa é o canto máisimo e como dixo aquil poeta tan famoso na
miña mocidade “solo a canción riba da terra é a que glorifica e festexa”.



NOVAS VERBAS DE DOOR

" PECHOUSE a noite riba do ucedo
i eu non vin einda a cor da miña amiga.
Agora é cando ún treme e ten medo.

ISTE desacougo! Este cousa! Esta mao xorda que tira!
Iste querer irse sin saber para onde!

AGORA o meu cor é unha chaga encendida.
Unha mao loba anda escalazándome a ferida.

ESTA door que se oi! 
Iste cor meu!
Esta door que me veo ela de seu
Sin saber polo que foi!

FOI coma se caira nunha cova.
Antes era noite i era día
Agora é todo unha negrura loba.
 
"

dos Eidos



NADAL    n e v a
A neve caindo con todo o ámeto
Coallado silencio -lá e mai- tapa serra e concencia

Mais de ti    de ti só me apadúo en canto


                                                       1969



letania


GALICIA digo eu ún di GALICIA

GALICIA decimos todos GALICIA
hastr’os que calan din  GALICIA
e saben      sabemos

GALICIA da door   chora á forza
GALICIA da tristura    triste á forza
GALICIA do silencio  calada á forza
GALICIA da fame       emigrante á forza
GALICIA vendada     cega á forza
GALICIA tapeada   xorda á forza
GALICIA atrelada   queda á forza

libre pra servir   libre pra servir
libre pra non ser  libre pra non ser
libre pra morrer  libre pra morrer
libre pra fuxir   libre pra fuxir

GALICIA labrega  GALICIA nosa
GALICIA mariñeira  GALICIA nosa
GALICIA obreira  GALICIA nosa
GALICIA irmandiña
GALICIA viva inda

 

recóllote da TERRA  estás mui fonda
recóllote do PUEBLO estás n’il toda
recóllote da HISTORIA estás borrosa

 

recóllote i érgote no verbo enteiro
no verbo verdadeiro que fala o pueblo
recóllote pros novos que vein con forza
pros que inda non marcou a malla d’argola
pros que saben que ti podes ser outra cousa
pros que saben que o home pode ser outra cousa

sabemos que ti podes ser outra cousa
sabemos que o home pode ser outra cousa

http://www.youtube.com/watch?v=K8_jFWgaBWg



Vietnam


CUMES CUMES CUMES COM’ESTES ECHEN
UNHA VEZ POR CADA MORTE

VIETNAMMMMMMMMMM
VIETNAMMMMMMVIETNAMMMMMMMMMM
VIETNAMMMMMMMMMM

metan na casa a verba na cociña na mesa        na cama xa está
e calar calarcalaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaarrr
hastr’o berro que te acusa  USAUSAUSAUSAUSAUSAUSA

un
morto
dous mortos
tres / trinta mortos
trescentos / tres mil mortos
OFENSIVA DO TEIT 22000 / 100000 mortos
tódalas os se volven ceros 00000000000000000000
baixo de cada un 10 / 100 / 1000 / 10000 mortos á máquina
difuntiños que a noite acolle entre cañas baixo o torbón
do monzón
na lua do TEIT

dá vergonza vivir
dá vergonza estar vivo e ver a PRIMAVERA

 

cándo remata un pobo?
   un pobo nace sempre
non remata nuncanuncanuncanuncanuncanuncanunca

seino por vós
pobo como o meu
GALICIA pequeniña
sola cousa de todos

mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos caindo polos teletipos
lúas de LI PO afondadas pra que a lus seña a A de
LIBERTÁAAAAAAAAAAAAAAAAAA

ouh cánto teño de vós pequeno que son de esta paz morta

noitenoite
partir esta n / o / i / t / e en anacos
que en cada un só quepia un home
en

entran nas cidades do SUL ESTE    lonxe
e xa todas son a aldeiña dó lado
HUE SAIGON DANANG
con irmaos e parentes meus
galegos de a diario
mais que nono esqueceron como nolo esquecemos
tanto que ás veces perto chaman home
e
ollamos por quén.

non son eu tamén
quen eiquí quedo
que estou matando eilí
luxando GALICIA como luxan
KANSAS NEW JERSEY CALIFORNIA COLORADO
 IOWA
nomes tan limpios?

perdón por esta paz
PAZ en carteles xunto a COCACOLA
PAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZ
pra tapar tanto tanto
muro

valeiránnolos nomes
mais inda
indainda pobo
podo decir o teu con forza
inda se pode decir o teu nome dos que alá cain
podemos

deles temos de novo nome:
home pobo
/ MARÍA MARIÑO  dinamiteira da FALA /
home- pobo
home- pobo

aquíl por siglos foi un pobo como é o meu
o meu por anos foi un pobo como é aquíl

IRMANDIÑOS DE GALICIA VIETCONG

entre miña mai  ANA amos  iles
entre iles  amor   ANA     ti
tres estudiantes en LUGO  sin os nomes
en VIGO     MÉNDEZ FERRÍN     co’il
e vós         MARÍA MARIÑO         CHÉ bágoas 1967

non
eu sei que cantar non é igoal
perdón tamén por iste tempo cas palabras
anque sinceiras tein tarde polos lados
e puntos suspensivos calcados do refrigerados dun cañón

……………………………………………………………

o canto parou sin rematar 




PACEN as vacas
na nabarega.
Treme a pequena
que vai coélas.
Febreiro chove
febreiro xea
febreiro neva
neve lixeira...



RINCHA o cabalo rinchón
peta o piquelo no encino
resga o gaio unha canción
e guíndaa dindes do ar
e vai voando sin tino
buscando outra noutro brelo
que ha de ter o mesmo sino.
Enche o cuco o val co seu cantar.



Eí vein os cordeiros fiar os cordallos!
Acabáronse os traballos.
Viñeron as neves. Veo a chuvia i o vento
pra quen non pode estar dentro.
Eu no meu
cada un no seu
teña pan teña leña
teña herba pros bois
e despois
veña o que veña.
É o prego do labrego.
Cebalos cochos matalos
salalos i afumalos.
Ir derretendo na grasa...
Ir achegando na brasa...
Sempre hai que facer na casa.




FIANDEIRA namorada
que fías detralo lume
cos ollos postos nas chamas
roxiñas brancas i azules.
Fiandeiriña que fías
nas noites do longo inverno
as liñas máis delgadiñas
co fío do pensamento.
Cai a neve quedo fóra
riba dos teitos calada
mentres ti fías e soñas
nunha cousiña lonxana...
-FIANDEIRIÑA delgada
sempre metida a fiar
sempre a fiar e soñar
para logo non ser nada.
-Para logo non ser nada
eso inda está por ver
e pois cas frebas do liño
ó torcelas de camiño
algo se ha de prender.
-Algo se ha de prender
i afé que tiñas razón
que eu estábache mirando
sin deñar que encantenón
íbame indo namorado.
1954


MOUCHO que cantas pra noite queda
na sombra das flairas tecidas,
ti fais distas arbres da cidade
un bosque antigo no que eu estuven sempre.
Oíndote, esquezo as casas apezadas d’orredor
que o teu canto iñora.
Moucho,
nós non somos pra vivir eiquí.
Os dous viñemos de lonxe
e tornaremos outra vez pra aló,
onde o noso misterio se acai.
Ti iraste, despois que eu me vaia,
unha noite que ninguén vele
nesta cidade de nebras e campás vagariñas.

Maio, 1957




PRANTO POLO CHÉ

 

PRANTO POLO CHÉ  

ELEXÍA ISTANTANIA A ERNESTO GUEVARA 

AS aves da tua morte foron os muricegos que non vira
 en todo o ano.
Por iles soupen que é certo.
É certo! é certo! é certo! é certo! é certo!

Ás palazadas por dúbida entre certeza quer vir o pranto
como o peso de prumas inda quentes dos derradeiros pa-
 xariños mortos
de tódalas anduriñas que cairon ó irse.

Como os homiños morren os éroes
non se funden Os Andes nin nada.
A mesma door xa afroxa a gorxa ó decorrer polo pranto
 baixiño.
E nin inda agora nin pra ti teño outra voz.

      10 noite
      10/10/67 



SE O PASADO É PASADO


SE o pasado é pasado
i o presente é o urgente
por qué inda busca a xente
aquil soño clausurado?

Vido visto ben Santiago
i esa cuestión non resolta
fago camiño de volta
camiño de volta fago.

Camiño de volta fago
volvo do cabo do Mundo.
Terra sólo en ti me fundo:
é a certeza que trago. 






LIBERTÁ CHAMAS NOS OLLOS TRISTES


LIBERTÁ chamas nos ollos tristes nas caras do METRO
nos que xa perderon o futuro e ganan o pan con sobresalto
na gran cidade nos tesos cumes i en todo o silencio preguntando.

Vélante os xóvenes
i os que saben da morte e xuntan inseguranza e desamparo.
Cando vexo un neno penso en ti
e si oio un bruído sin nome coido que ti chegas i acude todo o sangre.

Todo bruído sin nome é un agoiro.

     Madrid / O Courel
     1962- 1964


PASADAS TÓDALAS FRANCIAS

PASADAS tódalas Francias
por Ocitania ou Gascuña
ou de París a Iruña
xa diluídas distancias.
A Aragón por Cataluña
ou polo Norte por Son.
En pasádalas Navarras
as cadeas e as barras.
Pasados León e Castela
por Castela a León.
En pasado Monte Irago
e xa en Lingua de Galicia
Ponferrada e Vilafranca
deixando a chaira estanca
enas mesmas portas dela.
O Valcarce e sin perguicia
/ as penas de garamela /
apeitar para o Cebreiro
polo marcado carreiro
que a neve volve vago.
Encarar o porto incerto
o longo cerengo aberto.
A un lado i autro del
todo o horizonte en vela
os Ancares i o Courel.
Pasada Triacastela
do Iribio as faldras fago.
E por Samos Sarria a Lugo.
Oh Lugo a ti me adugo
e solo por ti me arredo
que ben mereces desandes!
Ver a Ponte a antiga vía
a Muralla a Catedral
de Dona Santa María
o Coro e o Grial.
E ver fincadas rezar
coma co antigo medo
poñer a súa alma núa
didiante dos Ollos Grandes.
E despois de rodear
de rodear e de estar
que non se fai o Camiño
solo para o rematar
cruza e debruza no Miño:
Portomarín sulo lago.
Palas Melide Arzúa.
E logo xa Compostela
/ Monxoi! Eoi! Ei Santiago! /
e párame á vista dela
mirar como eu o fago.

    1993


Porta Xorda 1966

PORTA xorda cravada a forza que o pulo sabe!
Dente puño teso a premer valeiro!
Cando volva o vento
Serás ti Libertá ou soamente abalar de árbores?

Rota a corda que tempera a forza do sino
Un pobo enteiro rébrese no tempo
Folga Xeral contra da Historia.

Compría agouxarse en calquer ichó
Mais seguín fora a xistra
Velando norde estrela longa brillo atuido.
Alguén chama. Alguén agarda
Corazón tente
Sostén a gran nembranza.



Don do cáos/A Reimundo Patiño 

No bosco entrelazo
o berro que esnaquiza abre un ámeto múltipre

    Algo afirma e algo hai tamén mui alleo en todo;
 sempre xorda distancia e ir levado do valumbo

                                                                      1962

Cousos do lobo!

Caborcos do xabarín!
Eidos solos
onde ninguén foi nin ha d’ir!

O lobo! Os ollos o lombo do lobo!

Baixa o lobo polo ollo do bosco
movendo nas flairas dos teixos
ruxindo na folla dos carreiros
en busca de vagoada máis sola e máis medosa…

Rastrexa
parase e venta
finca a pouta ergue a testa e oula
ca noite na boca…



Cain as follas.
Sinto unha cousa
que se apousa en min e non me toca.

E chove pra que soñe,
pra que eu soñe.
Fala a tarde baixiño.

Cain as follas.
i é unha cousa
que se apousa en min e non me toca.

E chove pra que soñe,
pra que eu soñe.
Fala a tarde baixiño.


http://www.youtube.com/watch?v=vOPjzx6jotY


Fragmento:
HEIN d'ir
ó Pía Paxaro
i a Boca do Faro,
deitarme na Campa
da Lucenza nun claro.
Hein d'ir.
Á Devesa da Rogueira
i a Donís ó rebolo á Pinza
i o chao dos Carrís.
 (...



 Tódolos tempos tempiños son
                         pero a neve é gran prisión.

                                             Verbo antigo

ENCONTRAR no Cebreiro a atrancada:
neve folga no tourón basada.
De polvoriña e xistra rexeitado
á Faba i a Lagúa a arrecadadas.
Esbarar ó Valcarcel en irado
a favor das barras aguzadas.
Repetidas súpetas petadas
entre piornos tornos xestas 
hastra o val das augas batanadas.

Das Ferrerías á Veiga i Ambasmestas.
Volver por Vilafranca á empinada
por Corullón e Oencia/por Vilarrubín
a Ferramulín/pasados Vilarrubín
Ferramulín Horreos pechado/
hastra a Boca do Couto i a Parada.

Por Savane á Pedra nova remontada
cruzando o Courel de lado a lado. 
E por Lóuzara/Padrocelos de Martín
trovador/hastra Samos. Retomado
o Camiño tra-la corta rodeada.



ANDAS as ruas coma se fora a praia
lenelene entras na carta
i escribes diante frores murchas
a fibela do meu traxe sigue tan benfeita

ouh muller para lonxe
pra aquil que tral'o locir d'intres nada pode haber diario

chegas do NORDE
pasas da saga á cantiga levando sola a gran imaxen

soños
vir a tempo

súpeta creba a forcia dos isolados
g r a n d e s
a l t o s
pra cair



                                                            1969 de muller pra lonxe


O SIL
O
 río ó ras
cheo d-auga e destino ó paso
flue flumen
pr-onde foi xa o sol tragado
todo o ouro volto prata
/gris raspado/
en mil sarillos
e aneis cruzados
sumándose ó caudal da noite
tamén alto.

Il non precisa de nós
nin diste canto.
Ela sola Naturaleza
é forma de algo.
I eu de eiquí quedo
chegou ó outro lado
coma cando a polas doncelas
dun salto
foi do cabalo de Roldán
ralvado.

Niste aire quente rente
amigo Lauro
Sómo-la beira
con todo o tempo pra miralo
coma se nin a el nin a nós
agardara o Oceano
E non-o viramos perderse eí
a corto tramo
i ó pechar a noite nela
desembocando


                                   Val di Orres 1988