Topónimos propostos pola CIUG

Toponimia

 

1-A Coruña: Probablemente de Clunia, topónimo idéntico ao da capital dos arevacos e capital do conventus iuridicus Cluniensis. A evolución da hipotética base ata as formas castelán e galega non foi regular, quizais por influencia medieval culta e conservadora na primeira sílaba, que ten en común o cambio do l en r.  A nosa xa aparece na Idade Media no Códice calixtino, lib. IIII, cap. III.como Crunia ou Curunia que se procedese de Clunia, sería unha solución semiculta, xa que a evolución normal do grupo cl tería sido ch, como de clave >chave, pero a irregularidade está en que temos cr, como en cravo < clavu. A forma castelá leva un o epentético.

 A presencia do artigo parece indicar que debeu ser ata tempos recentes nome común. Hai outras Coruñas (Val do Dubra e tres en Lugo). E a Clunia arevaca é hoxe Coruña del Conde (Burgos).

 J.J.Nunes sostén que a orixe última é o latín colonia, que sería finca, propiedad rural ou noutro senso territorio poboado por extranxeiros.Hai constancia arqueolóxica dun porto de época romana na Coruña (zona do Parrote) e documentación medieval que parece indicar un embarcadeiro arcado (pons lapideus ex multis arcubus) ad turrem Faris.

En calquera caso, teríamos que concluír que estas non son máis que posibles orixes para un topónimo de procedencia nada segura.

2-A Estrada: É unha vía de comunicación. (Viam) stratam é a voz da que procede e refírese ós diferentes estratos de distintos materiais con que os soldados romanos construían as vías. Corresponde ó ingles street  e ó aleman strasse. Loxicamente os estratos só os facían en terreos brandos e en lugares de moito tránsito.

3-Acibeiro: Os topónimos saliron na súa maioría de sustantivos pero tamén algúns adxectivos que se sustantivaron e uns e outros masculinos ou femininos e en singular ou en plural.  Os neutros confundirónse xeralmente con masculinos en romance e tamén algúns en plural a femininos polo feito de rematar en –a. Así eran neutros na súa orixe os numerosos nomes rematados en –edo,-ido ou en –eda,-ida, dos latinos rematados en -etum/-eta,  derivados case todos de árbores e plantas como este que nos ocupa ou Canedo, Codeseda, Fiolleda, Maceda, Louredo, Lourido, Carballedo, Carballeda, Carballido, etc.)*acifum= acibo, acebo, parece ser a árbore de onde procede este topónimo. Variantes Acibido, Acebido.

4-Armenteira: topónimo de orixe latino pois armentum designa unha “vacada”, “rabaño de vacas ou cabalos, ganado maior”. Por tanto un zootopónimo que nos indica a abundancia (mediante o sufixo) deste tipo de animais.

5-Astorga: Os ríos Esla e Órbigo son os máis importantes do sistema fluvial formado na provincia de León  e que desembocan (unido o afluente co río Esla en Zamora) no río Douro. Asturias e unha denominación xeográfica que parte do nome do río Esla, o antigo Astura, de etimología prerromana( vasco-ibérica).A súa evolución fonética é bastante irregular e desfigurouno moito.Estaría formado por ast-: pena, rocha e –ura: auga, e dicir, ur+ o artículo vasco. A primeira forma  da en asta e como  variantes acha, aitza, sempre relacionados con lugares onde efectivamente hai rochas. Astapa> Estepa (Sevilla) significaría “ao pe das rochas”De Astura esperaríase unha forma *Astora con apertura da u postónica como no caso de Astorga<Asturica e logo *Astra con síncopa da misma vocal no sitio das medievais Estora e Estola, con e inicial por a e l por r, que pasou a Esla (dende 1028) por caída da vocal postónica e naturalmente do t.

Este hidrónimo aparece xa en Floro e logo en Orosio, nas súas narracións sobre as campañas de Augusto Os habitantes dos territorios ribereños de dito río foron denominados asturi, e, en consecuencia, a rexión que éstos ocupaban acabou sendo Asturia; na Idad Media apareceu como nome culto, en plural, Asturias, tal como hoxe o coñecemos. O nome da cidade leonesa de Astorga (< Asturica Augusta) participa tamén dese mesmo étnico e representa un claro testimonio da maior extensión do territorio astur na Antigüedade.

6-Bembibre: De bene vivere “lugar bo para vivir”. É un caso de toponimia propiciatoria, sinala un lugar positivamente. Bembibre existe na toponimia do Val do Dubra (A Cor) e de Viana do Bolo (Our). Tamén o podemos ver na provincia de León.

7-Bierzo: O nome actual desta rexión é unha das denominaciones de primeira orde máis antigas da península ibérica, cunha derivación clara e constatable desde a máis remota antigüidade.
O seu devir remóntase á Idade do Ferro, no nome que se daba a un dos enclaves castreños máis importantes cos que se toparon os romanos na súa conquista do Noroeste hispano (19 a.C.). Este non era outro que o castro cacabelense de Castro Ventosa, posteriormente romanizado e convertido en importante cidade con dereitos de municipio romano -o seu apelativo flavio demóstrao-, que vehiculaba a frenética explotación minera do área. Esta urbe tomaría o nome de Bergidum Flavium.
Bergidum é unha palabra de clara adscripción indoeuropea, concretamente pertencente á lingua céltica máis arcaica. Deriva de dous raices, unha é Berg- derivada de *bheregh/*bherghos, con significado de “montaña” ou elevación, desta mesma raíz procede tamén o sufijo *Briga (praza forte elevada) abundante en todo o Noroeste prerromano (Brigantium, A Coruña). Esta derivación, “Berg”, aínda existe no alemán moderno co mesmo significado de montaña.
A segunda parte do nome é a terminación –idum/dum, a cal suscita máis problemas. Por unha banda atopamos paralelismos coa coetánea –dun, que identifica aos castros celtas irlandeses, ou do galo –dunum (Lugdunum) con idéntico significado, tratándose xa que logo dun apócope. Con todo tamén pode tratarse dun abundancial, é dicir significaría algo así como “lugar moi montañoso”.
De todo iso chegamos ao significado do nome que de forma inxenua viría dicir “cidade elevada e fortificada”, isto é, un castro. A sencillez do topónimo suscitou si realmente era o nome autóctono ou indígena da cidade, ao tratarse dunha indicación xeográfica, pero o certo foi que os romanos elixirían esta denominación e a través deles chegaría á actualidade, derivando na identificación de toda unha rexión.
As primeiras referencias literarias con este nome atopámolas en Floro na súa descrición das guerras cántabras (aínda que hai algunhas dúbidas de identificación) e en Ptolomeo na súa Xeografía onde escribe en grego “Bergidon Flavion” na primeira metade do s. II d. C., na segunda metade aparece un ronsel en Tarraco (Tarragona) que fala dun “bergidoflaviense” que desempeñou todos os cargos do seu respublica (cidade); tamén aparece no Itinerario de Antonino no s III como cidade confluencia de varias Vías con dirección a Bracara (Braga, Portugal), Lucus Augusti (Lugo) e Asturica Augusta (Astorga).
Durante o Reino Suevo aparece a cidade de Bergido como unhas das parroquias suevas (parroquial de 572-585), con todo non aparece nas listas posteriores visigodas. Varias moedas suevas e visigodas tamén aluden a unha ceca monetaria que estaría situada neste enclave. Con todo é precisamente en época de Reino visigodo de Toledo cando desaparece a adscripción do topónimo a unha cidade, e pasa directamente a denominar a un territorio ou rexión, o coñecido Territorium Bergidense, provincia gobernada por un conde baixo a supervisión do duque de Gallaecia ou en datas posteriores quizais de Asturica. Esta problemática aparece reflectida nos escritos referidos a San Valerio do Bierzo e o seu predecesor, San Fructuoso.
Durante o espazo temporal producido pola invasión musulmá desaparece extrañamente calquera referencia con este nome tanto nas crónicas cristiás como nas árabes, malia haberse producido aquí a importante batalla de Burbia (791, derrota cristiá). Deberemos esperar ao s. IX cando atopemos varias donaciones regias e eclesiásticas do Reino de Asturias que mencionan “in territorio Berizo” (857) e “territorio Bergido” (873), ou aos seus habitantes como repobladores de Astorga acaudillados polo seu Conde Gatón “quando populus de Bergido cum illorum comite Gaton exierumt prol Astorica populare” (878), ou o “in Vergidum” dun documento do 883.
No Tombo Vello do Monasterio de Montes atópase abundante documentación que alude tamén a esa rexión, “confinio bergidense”, “territorio bergidense/vergidense”. Hai quen ve a este cenobio como o responsable do novo uso xeral deste nome, baseándose nas fontes clásicas que aportan o halo de validez necesario para a mentalidad medieval, malia que se perdeu a memoria da existencia ou situación concreta da cidade antiga que tiña ese nome.
Pero sería no Cartulario do Monasterio de San Salvador de Carracedo onde atopariamos a primeira alusión ao moderno apelativo dos habitantes do Bierzo, “in terra Vergidensium” (990), (“en terra dos bercianos”).
En datas posteriores atopamos abundantes referencias: “in Berizu” (994), “territorio Beridensi” (996), “in territorio bericio” (1054). E xa directamente o emprego illado do vocábulo clásico que aludía á cidade romana para aludir agora a este territorio, “in Bergido” (1043), “in Berizo” (1092) ou no ano 1115 “Bergidum”, “Beriz” (1167).

Outras denominaciones serían: Berzido, Bercio ou Berezo.
Por primeira vez atopariamos o nome actual en 1243 “Bierzo” nos documentos do chamado “tombo vello” do Monasterio de San Pedro de Montes. E aquí tamén comezaría o baile de grafías entre a b e a v, xa comentado noutros topónimos que continuaría ata tempos recentes, xa que atopamos “Vierzo” nun escrito de 1294. Malia todo, esta forma toponímica, con orixe polo menos no ano 1243, sería a definitiva.

(Bibliografía: Tomás Mañanes Pérez, “O Bierzo e Castro Ventosa”, separata de “León e a súa Historia” VIII, Centro de estudos e investigacións “San Isidoro”. León 2003).

8-Bonaval: Conserva o xénero feminino do término vallem= val, este topónimo formado polo adxectivo bona de bon-us,-a,-um e o substantivo sinalado. Tamén ocorre o mesmo nos topónimos coa misma base Valonga, Valiñas, Valboa e Valouta.               

9-Braga: Era Bracara, convertida despois das guerras cántabras en Bracara Augusta, e en capital do conventus iuridicus Bracarensis. É un topónimo preromano que ten un sufixo ou formación do plural ou colectivo, primitiva, en –ara átono e que está tamén en Láncara, Tállara  como en outros comúns como cáscara, gándara, *senara> senra, serna “terra de sembradura”, ou támara= leña miuda. De Bracara  topónimo procedente dos brácaros, xentes que habitaban o convento bracarense, e que fai alusión as bragas ou calzas que vestían. Despois foi chamada “Bracara Augusta”.

10-Caldelas: topónimo referido á presencia do elemento auga, neste caso quente. Aqua calida é a expresión latina da que procede “auga quente” está presente en Caldas e tamén en Riocaldo ou en Auga Quente, aldea da parroquia de Lagoa, concello de Alfoz (Lugo), cun manantial de augas termomedicinais.

11-Cartagena: A cidade cartaxinesa Quart-Hadast: cidade nova, refundada en latín Cartago Nova: nova Cartago, arabizada en Qartagina, da que deriva a actual Cartaxena. “Carthago nova” nova cartago, refundación dunha cidade cartaxinesa.

12-Castrelo: Os castros eran as aldeas ou os recintos dos poboadores prehistóricos de Galicia. Tiñan forma de círculo e estaban sempre situados nun lugar elevado para ver ben se se achegaban os inimigos e así poder defenderse. As casas que se facían dentro deles tamén eran de forma redonda. Como os nosos antepasados eran moi nos arquitectos, aínda conservamos algún en bastante bo estado. Pois ben eran tantos e tantos os castros que houbo en Galiza, que case non hai concello sen o seu e, ás veces, ata hai dous ou tres nunha misma parroquia. Lamentablemente, moitos xa non existen, porque a xente xa esqueceu o importante que é respecta-las cousas antigas. Os topónimos quedan para non esquecelos. Só na provincia de Pontevedra hai 52 lugares que se chaman Castro, O Castro ou Os Castros. O seu diminutivo é Castrelo ou  Castriño.

13-Cebreiro: de cebrarium, ‘lugar onde hai moitos asnos bra­vos", tamén chamados onagros e "cebros" < (e)quos feros. máis o xa visto sufixo –arium. Cebreiro é un topónimo da Cañiza (Po) e Cebreiros do Pereiro de Aguiar (Our.), aínda que o de máis sona é Pedrafita do Cebreiro (Lu).

14-Celanova: Unha das principais divisións do territorio no noso país é a parroquia, chamadas tamén fegresías ( filii eclesiam: fillos da igrexa). Esta división resultaba útil para agrupar varias localidades que celebraban os ritos relixiosos nunha mesma igrexa e a xente deses lugares bautizábase, ía a misa, casaba e enterrábase alí, na igrexa parroquial. Varias parroquias xuntas forman un concello e ás veces leva o mesmo nome dunha das parroquias. Así o nome deses topónimos derivaba das construccións relixiosas, dos que traballaban ou dependían delas e os santos aos que se lles adicaban. Algúns destes haxiotopónimos son: Igrexa (coas variantes Eirexe, Eirexa, Airexe, Irexa, A Grixa, Suigrexa, Sueigrexa, Traseirexa, Grixanova, Grixó, Grixoa, Igrexario, O Grixario: terras que pertencen a unha igrexa). As veces estas construcciones xa están derrubadas e parece non ter clara explicación o topónimo como Capela e Mosteirón, moi productivos. O topónimo que nos ocupa Celanova, non é máis que un cuarto individual de relixiosos (cella,-ae) nova: recente, de nova construcción (aínda que tamén podería facer referencia a un pequeno almacén ou santuario). Esta voz ten un paralelo en Cillanueva no concello leonés de Ardón.
Un simple Cela aparece hoxe en Becerreá, Cervantes, O Corgo, Friol (Lu), Boimorto (A Cor), Lobios (Our) e Celas en Carral e Culleredo (A Cor). Acompañado dun adxectivo cualificativo que marca a temporalidade Cela + nova, temos o concello ourensán.
O adxectivo nova é moi corrente nas denominacións de lugar e ten o seu contrapunto en vello/a. Con nova hai en Galicia: Vilanova, A Casanova, A Taberna Nova, Fontenova, A Feira Nova, Insua Nova, Aldea Nova, A Viña Nova, Rúa Nova...

15-Cimadevila: É un nome composto que fai referencia á situación “a parte de arriba dunha vila”. Da palabra grega cymam “bico, picouto, punto máis alto”  e a voz villam “explotación agropecuaria” que despois medra e convírtese no que hoxe entendemos por vila.

16-Compostela: é o topónimo galego  máis discutido, porque a posibilidade de relacionalo co sepulcro do apóstolo Santiago, descuberto no século IX por Teodomiro, fai emotivos os razonamentos.

O lugar debeu estar habitado en época prerromana coma demostra o topónimo precéltico Sar “corrente de auga”,  a existencia de unha mámoa (Porta da mámoa) e dous topónimos célticos, Callobre, primitivo nome do Castro (Praza de Cervantes, Rúa do Castro) e Troia<Turobriga “cidade forte”. E dos primeiros tempos da romanización poden ser algunhas das inscripcións funerarias e moitos sepulcros que se colocaban á beira dos camiños (segundo costume romano).

Este lugar tivo tres nomes, Libedón, que para algúns sería céltico “castro do camiño” e para outros deriva de liberum donum “libre concesión (dun terreo)”. Entre os sécalos IX e XI chámaselle Arcis Marmoricis, que presenta o topónimo Arca, case sempre indicador de sepulcro en mámoa. Pero no século X os documentos empezan a falar dun suburbio Compostella, é decir, unha parte da vila que se chama asé e que algúns sitúan na actual zona do Franco. Dende o século XI o nome desa zona exténdese a toda a vila.

Dende sempre houbo interpretacións deste topónimo. Popular foi o de Campus stellae “campo da estrela” (que disque indicou a Teodomiro o lugar). O Cronicón Iriense (XI-XII) derívao de compositum tellus “terra composta ou fermosa”. No XII a crónica de Sampiro di Compostella, id est bene composita. No Códice Calixtino (s.XII) cóntase a historia dunha muller “chamada Compostella” presuntamente vinculada á prédica do apóstolo. Pero sempre foi máis aceptada a interpretación de “viliña ben feita”, como a deixaría a reconstrucción e fortificación do XI trala destrucción de Almanzor (997). Pero Amor Rubial, lembrando o significado de compositum “enterrado” que xa aparece en Virgilio, interpretouno como “lugar onde está enterrado”. Crespo Pozo e Luís Monteagudo, por fin, considérano pre-xacobeo, porque aparecen máis Compostelas por Galicia (e hai unha Compostilla no Bierzo) e considérano un composto céltico de combaros “escombros” e steel “ferro”, significando “escorial de minas e ferrerías”, e tamén relacionan con el o barrio da Estila.

Con todo é moito máis verosímil  a oríxe latina que se pode razoar en tódolos seus elementos. Pero queda a duda de si vila ben feita, terra amoreada ou enterramento.                                                                                                                                      

17-Córdoba: Os sufixos –ippo,-oba/-uba, do sudoeste peninsular sen relación coas linguas da península de orixe indoeuropea, segundo Vilar (1999) son parecidos aos atopados en arquivos hititas, en Asia Menor. De Hoz(1989) creos de orixe turdetano (lingua da terra de Tartesios). Xa Hecateo de Mileto (s.IVa.C.) sinala a existencia dunha Mainobora semellante a Maenoba citada por Pomponio Mela e Plinio.

Igualmente os topónimos constituídos por este formato aparecen en nomes antigos de Córduba e Onuba. Aluba, xa na Ilíada e na Odisea como Alube con un significado de “solar da plata”.

Asís os sufixos –uba remontaríanse a mediados do s.VIII a.C.. *Kar/*Kor- significarían pedra e –uba: hidrónimo paleoindeuropeo, significaría río. Logo Córduba sería “pedra do río ou río de pedra”.

Hai abundante oronimia e ciudades non só na Iberia senón tamén en outras zonas de Europa.

Segundo Carmen Barceló as oclusivas dentais latinas mantiveronse en árabe en todas as posición, como en Dianii/Daniya (Denia), ou Ilerda/Larida(Lleida); ás veces houbo ensordecemento da oclusiva, aínda que pode xa se producirá antes da conquista árabe. Así Corduba/Qurtuba(Córdoba) e Dertosa/Turtusa(Tortosa).

18-Couto: Procede de cautum “lugar cercado como medida precautoria”; incauto “desprevenido”. Non se debe confundir Couto (topónimo de orixe latina) con Coto (topónimo prerromano que indica “unha  elevación do terreo”) e do que derivan Cotón, Cotarelo, Cotelo, Cotobade, Coto Redondo. En Asturias hai un Picu’l Cuetu, que vén ser unha repetición de concepto.

19-Chantada: Do latín plantatam, é dicir, plantada. Contan que andaba unha vez o demo pola terra e que levaba a súa nai no lombo, porque xa  era velliña e non daba andado. Non se sabe a onde ía nin de onde viña, pero xa debía levar percorrido moito camiño e comezaba a cansar. Chegado o momento en que non puido máis e coa súa coñecida maldade, botou a nai ó chan e  berroulle:" aí quedas chantada". Nese lugar disque se fundou a vila de Chantada. A verdadeira orixe da palabra non é tan distinta.

20-Donostia: Fonte : http://etimologias.dechile.net/?Donostia
a) "Donostia"
provén de Don “señor” en euskera e ostia (porto de Roma).
Coñécese con este nome a cidade vasca de San Sebastián, porque o dito santo e mártir foi un lexionario romano que morreu por non renegar da súa fe cristiá, e cuxos restos foron trasladados a unha pequena poboación do país vasco que daquela se chamaba Easo. Sendo o santo orixinario de Ostia, a xente comezou a denominar Easo como a cidade do santo de Ostia (en euskera "don-ostia"). Por extensión, o xentilicio dos habitantes de San Sebastián é "donostiarras" ou easonenses, e non o de sansebastianenses.
b) Outra fonte cita que o nome orixinario da cidade fundada polo rei de Navarra no séc. XI é Sanctus Sebastianus e a súa tradución á lingua vasca foi "Done Sebastian". É xustamente deste "Done Sebastian" do que procede "Donostia", por evolución fonética: Done Sebastian>Donebastian>Donebastia> Donastia>Donostia.

O cualificativo de don(e) “santo” non puido terse dado xunto a Ostia porque este é un topónimo e o don(e) precede e designa só nomes de persoa, nunca se refire a lugares.
c) Unha terceira versión di que Donostia vén de done que significa “santo” e ortzi que era o deus euskaldun pagán. No norte de Euskadi o r non se pronunciaba en todas as palabras e en lugar dun r poñíase un s (rotacismo?). Por ex.: Esan <erran (esan), osteguna <ortzeguna (xoves), ostirala < ortzirala (venres). Donostia< Done+Osti. Outra proba: ortzeguna > osteguna > ortzi+eguna > osti+eguna (o día de ortzi).

21-Feans: Fitotopónimo. Lugar onde abonda o feo (herba segada e seca) de fenum. Se a  avea se lle daba ao gando en estado ou forma de herba fresca, o feo, planta tamén forraxeira, debeu ter tamén a súa importancia agrícola. Así a  antigas extensións desta herba refírense topónimos provenientes do latón fenales,en castelán>Henares, afluente do Jarama, que pasa por Alcalá de Henares en Madrid. Derivado abundancial/locativo formado co sufixo -ales. Feáns encontrámolo en Negreira e Santiago (ámbolos dous na Coruña), outra variante dialectal Feás haina en Cervo (Lu); Fontefeal (Fonte+(do)+feal), Casal de Feás...; acompañado de modificadores: Feás de Arriba, Feás de Moreda.Tamén Feais, Fiais, Feal, Fial, Fieira, Fieiro, Feo, Feos ( se é na costa proven dunha  gramínea que se da nas dunas costeiras Ammopila arenaria)

22-Filgueira:  O fento que tamén se chama felgo, fenta, fieita, fieito ou folgueira e que se pode encontrar por cada recanto dalle nome a os concellos de Folgoso do Caurel, A Fenteira, As Fenteiras, O Fental, A Fentosa, O Fieitoso, Os Fieitás, A Fieitiña, Filgueira, Filgueiras, Filgueiroa, Folgueira, As Folguedas, O Folgar, Folgueirosa, etc...Antes de que o home habitase os lugares, xunto cos animais, tamén as plantas eran donas do territorio.

23-Fisterra: De Finis terrea “fin da terra”. A forma castelanizada Finisterre é ainda un auténtico latinismo vulgar con nominativo singular da 3ª e xenitivo singular da 1ª. Existe na Bretaña Francesa un Finistère.

24-Fondevila: Topónimo composto de fondo+de+vila. De Fundus, fondo; a parte baixa dunha vila. Fondo de Vila está moi estendido como topónimo, tanto coma o seu oposto Cima de Vila. Tamén existe Fondo complementado con núcleos poboacionais en Fondo da Aldea e Fondo do Lugar. Fondo acompaña, noutros casos, da Costa, de Nois, da Xesta, da Lama, etc.
Podería pensarse que detrás estivese unha “fonte de vila”, con apócope do –te de fon-te, pero hai dúas razóns que nos levan a pensar na primeira hipótese:
a) a preposición de. Agardariamos fonte da vila, e temos fonte de vila.
b) Na xeografía non é tan frecuente como –Fondo de Vila–, e de atopar, encontramos a secuencia con da: Fonte da Vila (Arzúa, Monfero, Salvaterra de Miño, O Valadouro).

25-Fonsagrada: Deriva de fontem sacratam: “fonte consagrada, bendita”É un topónimo formado co substantivo Fonte, moi productivo, máis un adxectivo ou participio, neste caso do verbo sacro: “consagrar, adicar a unha divinidade, santificar.

26-Fontefría: fontem frigidam> fonte de augas frescas. Fonte é un elemento que entra na formación de numerosos topónimos.

27-Fontoira En castelán Hontoria< fontem auream fonte de ouro”, non porque votara ese metal precioso senón pola calidade e oportunidade da auga.

28-Foz: Os hidrotopónimos son todos aqueles nomes de lugar que se refiren á auga, que son moitos, porque a xente sempre buscou para facer as súas casas sitios próximos a ríos ou fontes, entre outras cousas para non pasar sede. Na antigüedade pensábase que era un elemento moi importante que curaba enfermedades e axudaba a ter fillos.Unha foz é  o lugar onde desemboca un río e un esteiro a zona da costa que se inunda cando medra a marea, porque alí tamén desemboca unha corrente de auga. Faucem>focem (latín vulgar)>foz, “gorxa ou angostura dun val” ou metafóricamente saída dun río ó mar ou a outro río. O Foz galego é o mesmo que có Foce italiano e os topónimos Hoz que atopamos en terras de Castela. Así entre Caminha e A Guardia está a foz do Miño; e na ría de Foz desembocan o Masma, Hortas e Centino. Fouz deriva de falcem “fouce”.

29-Frades: Os frades< fratres son os monxes dalgunha orde relixiosa. A  relixión, como xa sabemos,tamén bautiza os lugares.

30-Lavacolla: Nome dun río e aldea, onde construíron o aeroporto central de Galiza, ten unha  etimoloxía curiosa se os profesores Pensado e Moralejo non van descamiñados. Derivaría de Lava colea, literalmente “lava testículos”, estaría relacionada coa tradición secular de que nese río, próximo xa a Compostela, se lavaban os peregrinos que viñan polo Camiño Francés e que despois botaban unha carreira á porfía ata o Monte do Gozo onde por fin albiscaban a meta do seu esforzo. Que esta interpretación era popular xa na Idade Media demostrao o feito de que o Códice Calixtino (s. XII) chámalle Lava mentula, o que ven significar o mesmo pero en latín, por eufemismo. Díaz sen embargo, di que o Calixtino aí non da un verdadeiro topónimo se non unha interpretación e propón partir da forma popular Alabacolla pero lembra que tamén temos Lavapés (Vilalba, Lugo) e Lavapies (Oviedo, Madrid, Huesca).

A oscilación b/v é característica do primitivo romance hispánico (como apuntamos máis arriba), todo b intervocálico fíxose ou bilabial fricativo ou labiodental (v) como aínda conserva o portugués: povo, haver, amava frente a  barba e ambos. Pero no século XIII perdeuse en todo o norte da Península a oposición b/v consolidando outra tendencia que xa se manifestara en época romana: Nerva/ Nerba. Por eso, no galego e catelán hai faltas de ortografía porque as pronunciamos igual (sempre b). A oscilación b/ v recorda aquel dito irónico: Beati Hispani, quibus vivere bibere est.

31-León: legionem, “lexión”, esta cidade ten como orixe un campamento militar onde había unha lexión, a legio gemina VII, que de (castra) hiberna pasou a ser un (castra) stativa para dar lugar logo á cidade de León. Non de leo, leon-is, león que algúns poideran pensar.

32-Louredo: lauretum é a forma latina da que proceden Louredo ou Lloret, é dicir, lugar onde hai moito loureiro (laurum).

33-Lugo: De lucum “fraga sagrada”. Algúns sosteñen que o topónimo pode ser xa prerromano aludindo ó deus céltico Lupus ou á tribu  dos Lougei que aparece nunha inscripción do Courel. Para honrar a memoria de Augusto, os romanos chamárono Lucus Augusti “Lugo de Augusto”. Engadirlle a unha cidade o nome dun militar ou político (Stalingrado, Constantinopla, Alejandría, Cabo Kennedy) acontece as veces, pero ese apéndice polítco poucas veces dura: perdérono Astorga (Asturica Augusta) e Mérida (Emerita Augusta); pero conservouno Zaragoza (Caesaraugusta).                                                                                      

34-Maceda: Maceira, As Maceiras, Maceda, Manzaneda ou  Maciñeira deben a súa orixe a o sustantivo feminino latino mal-us, -i: maciñeira. Hai moitos lugares que toman o seu nome dunha árbore.

35-Mérida: Emerita (Augusta), cidade fundada para soldados licenciados tras as campañas hispanas. Recibían o título de Emeriti (licenciados).

36-Milladoiro De humiliatorium “lugar onde os romeiros, vendo por fin a cidade de Compostela, axeonllábanse para daren gracias a Deus” ou de *ad-miliatorium “lugar onde os romeiros botaban unha pedra que traían consigo”, formándose deste xeito unha morea de pedras que é o milladoiro. Os peregrinos que ían a San Andrés de Teixido e mailos segadores galegos que ían a Castela tamén mantiñan a tradición dos milladoiros, que debe ser antiquísima, porque xa Martiño de Dume fala dela como rito en honor de Mercurio na Gallaecia do século VI. Pero na documentación medieval aparece miliatorios sinónimo de “miliarios”, pedras que ó pé dos camiños indicaban as distancias en millas. (v. Pedrafita).

37-Mondoñedo:Era na Idade Media Mindunietum. As etimoloxías  para este lugar non convencen. En San Martín de Mondoñedo residían  na Alta Idade Media os obispos mindonienses ou dumienses por continuar aos de Dume, cerca de Braga.

38-Monforte: A Fonsagrada, Monforte e Ponferrada derivan respectivamente de fontem sacratam, montem fortem e pontem ferratam (abundante en ferrum, ou feita deste metal). Os tres teñen en común a perda dunha sílaba interior que se pode ver noutros topónimos como Fontepedriña<fonte de pedra, Fonfría, Fonlor  < fonte do río Lor, Fonmiñá ou Fumiñá< fontem minianam “fonte do Miño, minium”; tamén nos compostos de montem como en Monreal, Monfero, Monbuey (na provincia de Zamora) monte-monte”, xa que os topónimos boi/buey parecen derivar dun étimo prerromano que significa “monte”.

39-Oleiros: Existen moitos nomes de lugar, a meirante parte en plural, que fan referencia a antigos oficios ou condicións sociais. Estes apelativos, se son urbanos, refírense a rúas onde os artesáns dunha mesma especialidade practicaban o seu oficio. Este espíritu gremial produciu topónimos urbanos. É o caso da Rúa dos ferreiros, antigo nome da rúa santiaguesa das Orfas, Pelamios...

Esta clase de topónimos non só da nome a barrios urbanos, senón tamén a aldeas do medio rural, as cales estarían constituídas nun principio por grupos familiares de artesáns do mesmo oficio, tal como sucede nalgunhas sociedades primitivas actuais, onde os artesáns dunha mesma especialidade se agrupan ás veces en castas nas que a habilidade técnica  acompáñase dun prestixio máxico. Así como os Ferreiros aglutinaría a varios artesáns fabricantes de ferro, Oleiros  (ollam: ola, marmita) fai alusión a antigas aldeas de oleiros ou alfareiros, nas cales estes traballadores do barro terían doada a consecución da súa materia prima, xa que estos lugares denominados así dan nome a terreos certamente arxilosos.

O P. Sarmiento fala de sepulcros antigos con olas funerarias que sinalarían unha preindustria alfareira, neste caso ritual, non funcional como a citada anteriormente.                                                                                                                                                                  

40-Ortigueira: De Urticaria con referencia a un lugar onde abundan as ortigas urticam máis o sufixo –ariam: “abundancia de ortigas”.

41-Orxal: Tamén Orxais de hordeum “cebada, orxo”; en castelán en  Castro Urdiales ou mesmo Ordial. O hordeum spontaneum está documentado en Tácito na súa obra Germania, 23,1 onde nos di ademais que  con el os xermanos facían cervexa: potui umor ex hordeo “para beber, un líquido feito de orxo”.

42-Oseira: Parece que fai referencia á abundancia noutro tempo de osos no lugar de ursum “oso” máis o sufixo –arius,-aria que denota abundancia. O monasterio que se denomina así pertece a cea (Carballiño- Ourense) é conocido como “O Escorial de Galiza”.

43-Ourantes: Como Cesantes, Arantes, Barbantes, Cervantes, Serantes ou Barrantes comparten sufixo ou formación do plural ou colectivo primitivo dentro e fora de Galicia. Ourantes como no caso de Ouro ou Ouriño, que se caracterizan por nomear lugares elevados onde non se documenta a existencia de ouro, no canto de aurum, “ouro”, pódese pensar nunha base preindoeuropea ou prerromana *or-, ”altura, monte”. Ourantes sería como “os habitantes dunha zona elevada”.

44-Ourense: procede seguramente dun adxectivo *Auriense que chegou a sustituír o nome da ntiga Auria. Este é un dos topónimos que se teñen relacionado coa explotación romana do ouro galaico e que caen todos dentro dun círculo de 100 quilómetros de radio con centro en Lugo, coma se esta cidade fose un destacamento militar para proteger as explotacións e a canalización do metal cara a Roma.

45-Outeiro: Altarium, parte alta do terreo, elevación do terreo.

46-Padrón: Non ten unha única explicación para o seu étimo. X.Ferro apunta un patronum “patrón” relacionado tematicamente con Paderne de (villam) Paterni “villa de Paterno”. En A. Moraleja encontramos que padrón, pedrón  estarían relacionados con petram pedra”, según as tradicións xacobeas e que sería un peñón xunto ó río Sar ou mellor, en cita de Ambrosio de Morales, o pedestal con inscripción romana que alí se conserva. En portugués padrão “marco, monumento de pedra”.

47-Pedrafita: Un dos elementos máis habituais nas vías antiguas era o miliario, pedra cilíndrica chantada verticalmente e que levaba indicación de que gobernantes mandaron facer ou reparar aquela vía e máis cantos miles de pasos (milia passuum “millas”) había dende unha determinada cidade ou vila. Pedrafita  e Parafita poden indicar a presencia de miliarios antigamente. Pero tamén é posible que o topónimo aluda ós prehistóricos megalitos que con palabra allea se coñecen como menhires.  

48-Peñalba: Os dous elementos que entran na formación deste topónimo son moi abondantes na nosa xeografía. Por un lado pena, “pedra grande e elevada que sobresae no terreo, que aínda está ou debía estar no terreo”, e alp-/alb-, (branca?)“altura, monte”. Peñalba sería “lugar alto onde sobresae unha gran pedra”.

49-Pereira: pirum “pera” máis o sufixo-aria,-arius,-arias e –arios dan como resultado estos dous topónimos e tamen Pereiras (Fonte Pereiras, en Vimianzo) e Pereiros e incluso Pereiró. Son fitotopónimos moi abundantes en toda Galiza.

50-Poio: Do termo latino podium que alude ás condicións de lugar elevado con boas vistas. Corresponde a Pueyo, El Pueyo (en Navarra) e máis o Puig catalán castelanizado en Puch, para reflexar a pronuncia catalana.                                                                                                                             

51-Pombal: Do nome dun paxaro veñen tamén os nomes dos lugares que se chaman Pombal e Pombeiro. Aquí viven as pombas. Tamén os pombos, que non son os paxaros macho, senón as pombas bravas que non cría o home e que buscan elas soas o alimento no monte. Como pombal e pombeiro son construccións que fai o home, os nomes de lugar que se chaman así tamén poden ser incluídos no grupo dos lugares que tomaron o seu nome de construccións feitas polos homes.  

 52-Ponferrada: A Fonsagrada, Monforte e Ponferrada derivan respectivamente de fontem sacratam, montem fortem  e pontem ferratam (abundante en ferrum, ou feita deste metal). Os tres teñen en común a perda dunha sílaba interior que se pode ver noutros topónimos como Fontepedriña<”fonte de pedra”, Fonfría, Fonlor< “fonte do río Lor”, Fonmiñá ou Fumiñá< fontem minianam “fonte do Miño”; tamén nos compostos de montem como en Monreal, Monfero, Monbuey (na provincia de Zamora)monte-monte”, xa que os topónimos boi/buey parecen derivar dun étimo  prerromano que significa “monte”.                                                                                                                                          

53-Ponteceso: Dise que procede de pontem caesum do verbo caedere “cortar” e sería, polo tanto, unha antiga “ponte rota”. Sorprende que esta ponte vaia acompañada dun adxectivo masculino frente ás outras pontes como tabeadas, pedriñas, ferradas. Tería a explicación de que  conserva o xénero masculino do pontem latino.                                                                                                                                         

54-Pontevedra: Do latín pon-s, pont-is: ponte e vetu-s, veter-is: vello,-a.  A ponte deu moitos topónimos. Son moi frecuentes A Ponte, A Ponte Nova. Lugares que se chamen A Ponte  Vella só hai un na Coruña, pero iso é  o mesmo que significa Pontevedra. Vedro, Vedra son formas antigas de vello, vella e é case seguro que os topónimos que se encontran  con esta palabra fan referencia a algo vello.

55-Portomarín: A un porto, do latín portus, “paso estreito entre montes, ou paso fluvial de pouca profundidade”, refirese o primeiro elemento deste topónimo. O de Lugo está na ribeira do Miño, no Camiño de Santiago, e parece que un tal Marinus estaría encargado del, pois temos un documento do ano 993 que di “Portumarini, que est in ripa Minei”. Marinus en xenitivo como outros topónomos rematados en –in: Lalín ( Lallini), Petín (Pettini), Gundín ou Guntín (Guntini), Abadín (Ababatini)...

56-Ribadavia: Do latín rip-a,-ae: ribeira: Hai moitos nomes de lugar relacionados coa auga que están bastante claros. Ribadavia significa á beira do río Avia.          

57-Ribeira: do termo latino ripariam “costa, orilla”, refírese a unha beira do río (O Ribeiro) ou do mar (Ribeira).

58-Salamanca: En latín Salmantica da raíz *sal- lugar de auga brava, fai referencia a presencia dun río (o Tormes, quizás).

59-Santiago De (ecclesia) sancti Iacobi “igrexa de San Xacobe”. Grafía arcaica: Sant-Iago; portugués: San Tiago

60-Sanxenxo: Un topónimo con dúas palatales sonoras na súa orixe Sanctu Genesiu “San Ginés” en castelán  e en galego San Mamede, Sanamedio, Sanomedio, Sandomedio e San Xes, teñen a mesma etimoloxía. Tamén deu Xinzo. Tódalas igrexas están adicadas a un santo, a un home ou a unha muller que destacou polo seu comportamento relixioso. Por iso as  parroquias, que agrupan as localidades que dependen de unha igrexa, teñen cada unha o seu santo e fan unha festa na súa honra e tamén en moitas ocasións, ata se chaman co nome do santo.

61-Seixo: de Saxum, de pedra.

62-Sobrado: (Aedificium) Superatum: edificio cunha parte alta, que sobresae. Terra alta, que sobresae.

63-Tarragona: do latín Tarraconem, posiblemente dun termo prerromano probablemente íbero.

64-Touro: Taurum, touro. Posiblemente un lugar cunha pedra ou elevación do terreo que da o aspecto dun touro.

65- Triacastela: Tria Castella: tres castros, rematan en -a porque é neutro plural, como xa dixemos.

66- Veiga: do íbero vai “río” e o sufixo -ka- “rexión do río”, é un terreo a beira dun río. En vasco (i)bai: río.

67- Vigo: aldea, grupo de casas ou propiedade rural de vicum 

68- Vilaboa: vila boa, casa de campo boa de villam bonam.

69- Vilachá vila situada nun lugar plano, cha, de Villam planam. 

70- Vilagarcía: Segundo algunhas fontes, sería o arcebispo de Santiago, García de Caamaño, quen concedendo un subforo para a fundación  dun burgo nun terreo da súa propiedade, fundou a cidade de Vilagarcía, dandolle o seu nome. Pola súa banda, o cardeal Jerónimo del Hoyo di, ao redor de 1600, sobre a fundación da mesma cidade pontevedresa que:”Esta villa habrá que se fundó como 120 años.Era una isla que llamaban Insuela donde venían a pescar algunos pescadores y para reparo del tiempo del inbierno hacían algunas choças con unos palos y paja; viendo esto García de Camaño, señor que en aquel tiempo era  de la tierra, fué animando a los pescadores que acudían a pescar para que se edificasen casa y para esto les daba piedra y madera y ayudaba con pan y vino y desta manera tubo principio la dicha villa. Esta Insuela, con la tierra, la tenía usurpada el dicho García Camaño y García Rodríguez, su hijo...”( Fernando Cabeza Quilis: Toponimia de Galicia). Respondería ao apartado i da nosa introdución.

71- Vilalba: de Villam albam, vila alta (branca ou alta)

72- Vilameá: Avelino de Jesús da Costa en "A Comarca Eclesiástica de Valença do Minho" (Ponte de Lima 1981) cando se refire á organización parroquial e concretamente cando menciona as iglesias e lugares nos séculos X-XII de Viana do Castelo (pág. 90) con respecto a Perre (S. Miguel) di o seguinte: Perre (S. Miguel)Séc. X, "Soegilde", que em 1136 vem com a forma "Sunegilde", e "VILLA MEDIANA", sào os lugares de S. Gil e Vila Meà, desta freguesía, que se menciona no primeiro documento: "ecclesia Sancti Micahel de Pirri".
Polo tanto, supoño, aquí temos documentado el "villa mediana" do século  X cos actuais Vilameás. Pode ser por tanto unha finca ou lugar situado a media altura na aba dun monte.

73- Xestoso: Genistosum, lugar onde abundan as xestas ou genista máis o sufixo -osus (abundante en). Fitotopónimo.

74- Xunqueira: Iuncariam, lugar onde abundan os xuncos ou iuncus, e o sufixo comentado xa (v. Armenteira et alii). Fitotopónimo.

75- Zaragoza: de Caesar Augusta, cidade adicada a César Augusto, que en árabe foi Sarakusta, de aí Zaragoza.

 

 Fotos dalgúns topónimos, en breve.

Comments