Apuntes de toponimia galega ( e pontesa)

Porque nas Pontes tamén  sae o sol



Toponimia é o conxunto dos nomes de lugares (Do grego topos “lugar” e onoma> onimia  que significa “nome”).

 

Os topónimos son a parte máis conservadora do idioma. A toponimia galega é a máis abondosa da Península pola dispersión da población e polo minifundio (en torno a tres millóns de topónimos).

 

Supón moita información sobre o noso pasado xa que tódolos pobos que tiñeron algo que ver con esta terra deixaron a súa pegada na nosa toponimia (celtas, árabes, romanos, etc). Ademais, os topónimos pódennos dar indicios de antigos detalles xa desaparecidos ou modificados pola man do home nos aspectos xeográficos dunha comarca, da flora ou da fauna. Asemade, poden dar testimonio de fundacións, institucións e outras obras humanas que non deixaron outro rastro máis ca este.

 

Hai que distinguir dúas etapas:

-          Etapa prerromana: anterior á presenza romana. Máis obscura e difícil de investigar (celtas, lígures ou ilirio-lígures, etruscos).

Ex: *Minium (etrusco)>minio, bermellón, cinabrio (óxido de mercurio, de cor vermello roxo) >Miño. Sil (óxido de ferro hidratado, de cor amarelo)= sil, ocre.

O Céltico é menos difícil de perseguir, pero a súa identificación non é nada fácil. Os celtas, sabemos que inundaron case toda Hispania. Este sería un territorio celtizado como a Lusitania occidental de celtas da rama britonia (= ó galés de Gales e ó bretón da Bretaña francesa) e non á rama gaélica ou goedélica (= ó irlandés, gaélico de Escocia, illa de Man, etc).

Ex: Lambre (río de Betanzos e lugar de Irixoa) relacionado co Lambro afluente do Po na Lombardía.

 

-          Etapa romana: ata os nosos días. Nela distínguense tres estratos

  • estrato latino (asimila elementos no latinos, célticos, gregos, etc.).

 

  • estrato xermano (suevo, xermanos occidentais, visigótico, xermanos orientais): época de transición entre o estrato latino e o romance. Os topónimos deste estrato caracterízanse por uns sufixos moi claros: -gilde, -mil, -monde, -rey, -riz, -sende, -ulfe,   -án/-áns/-ás (Freás), -in, -elle (Sendelle).

Topónimos arábigos hai moi poucos; máis ben son voces mozárabes, vocablos que pasaron ao romance galego e utilizáronse logo como topónimos (Aldea; Alfoz =pago ou término municipal;  Alfándiga =barranco, foso; Algara= cova; Aceña, Tafona, Talaya, Atalaya…)

 

  • estrato romance: de difícil distinción co estrato latino. De feito, hai quen fala dun “Gran estrato“ formado polos topónimos latinos e os romances. Nesta etapa os nomes de lugar identifícanse con relativa facilidade por dúas razóns:
    -  Son relativamente modernos.
                        - Moitos perviven como nomes comúns na lingua vulgar.

 

 

2) Clasificación dos topónimos

a.    Formas de establecemento humano ou tipos de poboación

Ex: Castro, Burgo, Vigo < vicus= aldea, barrio, Vila, Vilar

b.    Fundacións ou edificacións, tipos de construccións feitas polo home

Ex: Castelo, Celeiro, Pazo,  Torre, Muros

c.    Establecementos industriais

Ex: Muiño, Fornelos, Telleira, Batán, Foloña< fullonia, do latín fullo, fullon-is: batanero por fullonium: batán, pisón, folón.

d.    Topografía ou configuración do terreo, a súa constitución , chamados tamén orotopónimos

Ex: Lomba, Montouto, Rebordechán, Valongo, Areas, Barreiro, Lousada, Seixo, Seixido < saxum: roca, pedra.

e.    Flora espontánea e cultivos, chamados fitonimos

Ex: Carballeda, Freixo, Loureiro, Salcedo, Maceda, Liñares, Soutelo < saltus: bosque, prado, en diminutivo.

f.     Fauna e animais indómitos ou domésticos, zootopónimos

Ex: Lobería, Oseira, Golpelleira< golpe< vulpes: raposa, golpe,  Pombal, Abelleira, Armenteira <armentum: rabaño de vacas.

g.    Os camiños, as súas obras ou lugares relacionados con eles

Ex: A Estrada, Ponte Carreira, Vieiro, Portela, Pousadoiro.

h.    Fundacións religiosas ou nomes de santos, os chamados haxitopónimos.

Ex: Capela, Eirexa, O Milladoiro < humiliatorium: humilladeiro, Mosteiro, Santiago, Sanfiz < Sancti Felices, Sanxenxo< Sanctus Genesius; Santalla, Santoalla, Santabaya, Santaballa < Sancta Eulalia.

i.      Fundadores ou propietarios de fincas e poblados que foron  orixe  das aldeas e vilas actuais, os antropónimos

Ex: Chayán< Flavian-us,-i; Chorente < Florenti-us,-i; Recarey<Recared-I; Guitiriz< Witiric-I; Vilagarcia, Vilar de Donas, Vilar de Frades.

j.      Outros conceptos menos frecuentes e menos facilmente clasificables

Ex: Belvís< Bellu visu: bella vista; Cospeito< conspectus: visible, vista; Bemposta, Cimadevila, Niñodaguía.

k.    Nomes tribales ou étnicos análogos

Ex: Célticos, Bergantiños, Suevos, Toldaos, Bangueses< que veñen de Banga (Carballiño); Cambeses de Camba (hidrónimo que designa un afluente do Bibey en Ourense e do Arnego en Pontevedra).

 

Na toponimia prerromana pódense agrupar por series de terminacións iguais ou semellantes.

  • Obre/ -ebre/ -abre: Añobre, Callobre, Sillobre, Boebre, Deixebre, Alcabre, Xiabre.
  • Ove: Landrove, Lestrove, Tragote
  • Oña/ -oño: Baroña, Bedoña, Carantoña, Centroña, Vizoño, Ortoño
  • Ara (átono) : Brácara>Braga; Láncara, Lózara; Tállara; apelativos: cáscara, gándara, Sénara> Seara, Senra: terra de sembradura.
  • Anca/ -anco: Bardanca, Cusanca, Coristanco, Listando.
  • Plurales en –antes: Arantes, Barbantes, Cervantes, Cesantes, Serantes.

Tamén polos seus primeiros elementos ou sílabas radicales:

Ex: Lesta> Lestayo, Lestedo, Vestido, Lesteiro, Lestrove.

Hai que ter en conta tamén  que algúns topónimos son formacións híbridas resultado da coexistenza de diversos elementos idiomáticos:

Þ     Pódese tratar de compostos de dous termos de lenguas diferentes como Castromil, Seixomil (latino-xermánicos)

Þ     Adxectivos ou nomes de sufixos latinos sobre bases ou raices non latinas pero incorporadas ó latín ou ó romance galaico-portugués como se o foran

Ex: Biduido< *betuletum de betulla: abedul, tamén Bido / Biduo / Bidueiro; Carballo, Carballal, Carballeda, Carballeira; Lama, Lamela, Lamosa, Lameiro; Laxe, Laxosa, Laxeiro.


Os topónimos, os nomes dos lugares, son a concreción lingüística da vinculación histórica coa súa xeografía. Algúns son transparentes no seu significado ao coincidiren con palabras vivas no léxico actúal: Igrexa, Vilachá, Castiñeira, Casanova...; pero outras veces é a imaxinación popular a que enche o valeiro de significado dalgúns topónimos con lendas conservadas na tradición local de vilas e aldeas: por exemplo o lugar do Aparral chamado Santa do Carballo recibe este nome debido a unha lenda que asocia a aparición da Virxe a un carballo, polo que edificaron alí mesmo unha capela.
Non hai que esquecer que a lingua da Toponimia de Galicia é o galego, a superposición do castelán como lingua do Estado provocou nas denominacións oficiais deturpacións e contaminacións de distuntos tipos. Así por exemplo Casal do Paio no mapa topográfico nacional figura con y. No nomenclator de 1991 aparece *Iglesia por Igrexa e no diccionario de Madoz, Vilabella figura con v, neste caso parece o máis correcto.
O estudo da nosa toponimia debe servir tamén para concienciarnos da importancia que teñen os nomes de lugar tradicionais aos que debemos conservar vivos e descontaminados. Así, por exemplo, a Rúa do Coureiro da vila conserva o seu nome tradicional facendo referencia á profesión que alí se exercía; pero non ocorre o mesmo coa agora chamada Rúa de Vilalba antes denominada Camiño de Pontoibo, por estar nesa dirección. Moito máis aberrante é o caso de barrios e urbanizacións no que as rúas se denominan con letras, coma se non tivesen historia.

Queremos poñer de manifesto algúns topónimos do concello das Pontes e para iso seguimos unha distribución por parroquias da maneira que sigue. Alguns lugares repetidos aparecen sen comentario, pois están antes, pero non quixemos deixar de mencionalos na ubicación correspondente.

PARROQUIA: Deveso (Santa María).
 


Os topónimos desta parroquia son os seguintes.         


DEVESO:
Do latín defensum /-a < defendere, “terra acoutada, cercada”. 1.- Terreo con árbores destinado a pastos xeralmente orientado ao Norte. 2.- Carballeira. 3.- Gardafogos. 4.- Praza de aldea.

 

AZUREIRA: Vacilación ou alternancia entre o /u, zoreira/zureira. Azor, do latín *acceptore < accipere, “recibir”.1.- Lugar no que abundan ou aniñan os azores - aves de rapiña diúrnas, da familia das alcánidas-. 2.- Arbore, loureiro. cereixeira. 3.- Lugar pequeno de orixe celta (Rivera Rouco).   Entidade co mesmo nome na Faeira. O azor recibe o nome de lagarteira, máis pequeniño co buxato e menos planeador, pon tres ovos. ás veces no sitio do corvo, e ataca ás galiñas.


A BESTA:Do latín bestia, “egua, animal salvaxe, cabalgadura”. Deshabitado.

 
CABANDELAS: Do latín capanna, “cabana”.

 
CABECEIRAS:Do latín caput> capitia, “cabeza”.1.-Parte máis alta do terreo. oposto a fondal. Cabeceira. entidade en Somede. Deshabitado.


CANCELAS: Do latín cancella (m), “porta pequena”. Entidade co mesmo nome no Freixo.

 
CASAL DO PAIO: Do latín casa, máis o antropónimo Paio.1.- Pequeno agrupamento de casas illado e rodeado de terras de cultivo. 2.- Conxunto de propiedades rústicas aforadas mediante contrato escrito. 3.- Casa soarega. Entidades con Casal en Goente, Vilavella e Freixo.

 

CASANOVA: Do latín, casa máis o adxectivo nova (m). Entidade co mesmo nome en Sta. María das Pontes.

 

CERNADA: Do latín *cinerata, queimada, incinerada.1.- Fai referencia a unha terra queimada, práctica agrícola corrente para a colonización de terras virxes.

 

CHAO DOS CARNEIROS: Do latín. planu (m), “plano, solo”, e (agnus) carnariu. “año de carne”. No galego o étimo planu (m) deu as variantes chan, chao e cha en
diferentes áreas xeográflcas.

Entidades, Chaos hai no Freixo e Sta. María das Pontes. Non figura no 1: 25.000.

 
CHAO DOS PACES:
Ver topónimo anterior. Do latín pascere> pacer. Deshabitado.

 
ESVEDRAL: Do latín erbitu (m), “érbedo”, “esvedro”.1.- Lugar onde abunda o arbusto que da os morotes ou morodos (en  castelán madroño).

 
FURNAS: Do latín furna, “cova”.

 
IGREXA: Do grego ekklesia a través do
latín ecclesia. 1.- Lugar onda se ubica o templo cristián. MTN 8-111.


OUTEIRO DE ABAIXO: Do latín altariu, “alto”. Son frecuentes as entidades de poboación co mesmo topónimo diferenciando ou delimitando o emprazamento.

.
OUTEIRO DE
ARRIBA: Ver anterior.


PEREIRA: Do latín piru> (arbor) pirarius, “pereira “. 1.- Arbore que dá peras.


RECEMONDE:
Topónimo xermánico. O sufixo -monde significa protección. Variante Recemonte.

 
REGO: Do latín riguu. 1.- Curso de auga, arroio.


TRAMBASMERAS: Da voz prerromana *mera, cun significado relacionado coa auga, precedido das formas latinas inter e ambas.


VILARIÑO: Do latín villarinu <villare < villa, “aldea pequena”. 1.- Diminutivo de aldea. No mundo romano vila non ten a acepción que terá a partir da Idade Media. Na época romana é unha casa ailladano campo que é centro dunha explotación agraria, no Medievo continua a súa función pero exténdese o significado a agrupacións maiores que nalgúns casos reciben unha carta puebla. A palabra aldea (al daya), procedente do árabe, reservarase para entidades menores.O termo “lugar”, moi empregado na comarca é sinónimo de aldea. 2.- Campo en barbeito. 3.- Terreo de labranza de grande extensión, cercado e dividido en moitas leiras de distintos donos. 4.- Agro inmediato á casa. Deshabitado.

 

XAREL: Do latín sericulu(m). 1.-Monte malo, terreo areoso de mala calidade.


 

 

PARROQUIA: Pontes de García Rodríguez (Somede).

Nos anos sesenta constrúese o encoro da Riveira desaparecendo os seguintes lugares: Malvís, O Chao, Laxoso, A Besta, Ribeira e parte de Vilarbó.

PONTES DE RODRÍGUEZ:  Do latín ponte(m), máis o antropónimo (Ver Bibliografia. Urgom Casado).


ALDEA DE ABAIXO: Do árabe al daya. A segunda parte do topónimo significa emprazamento. Dúas casas habitadas, cinco persoas.


ALDEA DE ARRIBA:  Ver topónimo anterior. Catro casas habitadas, doce persoas.


BESTA: Xa comentado. Desaparecido. asolagado polo pantano da Riveira, había dúas casas. 


BIDUEIRAL: Do latín betulla <da base celto-latina betullus , “bidueiro”. 1.- Lugar onda abundan os bidueiros. árbore da familia das betuláceas con follas pequenas e dentadas. A presencia desta árbore tamén se recolle na toponimia de Espiñaredo  e Vilavella . Unha casa habitada, tres persoas.

 
BRANDIÁN: De orixe xermana que provén da raíz *brand, “folla da espada”. Deshabitado.

 

CABALAR: Do latín caballu(rn), “pertencente ou relativo ao cabalo”. Deshabitado.


CABECEIRA: Do latín caput < *capitia, “cabeza”. 1.- Parte máis alta dunha leira en declive en oposición ao fondal. Entidade co mesmo nome no Deveso. Deshabitado. Antigamente era cabeza de partido. Celebrábase a romería de San Miguel o día 29 de setembro na que os romeiros ofrecían ao santo productos do campo que logo se puxaban.

 
CALVELA:  Do latín calvu( ni) máis o suÍixo latino ella(m), “terreo pelado sen vexetación”. Tres casas habitadas, trece persoas. Había unha medoña destruida pola explotación forestal.


CAMPOS: Do latín campu(m). “extensión de terreo chan e descuberto”. Entidades co  mesmo topónimo en Ribadeume,  Santa María das Pontes , Bermui  e Freixo. Deshabitado.

 

CERVICOL: Do latín cervu’m), “cervo” e co1e’m). “colina”. 1.- Colina onde abundan os cervos. Tres casas habitadas, sete persoas. Divídese en Cervicol de Arriba e Cervicol de Abaixo. A ermida da Santa das Neves tiña a súa festa o día 20 de setembro.


FEROS: Do latín feru(m), “fragoso, áspero”. 1.- Terreo fragoso e áspero. Deshabitado.


FRAGACHÁ: Do latín frangere, “romper”, (de onde a botánica tomou nome para as malezas, segundo Rivera Rouco), máis planu (m), “plano, chan”. 1.- Bosque de árbores autóctonas. Deshabitado.


IGREXA:  Xa comentado. Unha casa habitada, cinco persoas.


LAMEIRA: Do precelta lama, “terra enchoupada en auga, lodo”. 1.- Terreo fangoso, cheo de lodo. 2.- 0 masculino lameiro, ten ademais os significados seguintes: prado natural de tena cha que serve para pasto, terra de cultivo na que hai humidade dabondo. Topónimos coa base lama en Eume  e Freixo. Deshabitado.


MACIÑEIRA: Do latín mattianu (m) malu (m), “mazá”. Clasificada polo botánico da época de César, Caius Matius. Deshabitado.


PORTO: Do latín portu(m),
“porto”.1.- Lugar que da paso a un camiño entre montañas.2.- Presa que atravesa un río e pola que se pode pasar. Topónimo coa base portu(m) en Faeira, Goente, Espiñaredo, Freixo, Vilavella e Aparral. Deshabitado.


PREGUNTADOIRO: Do latín percuntari, “preguntar”. 1.- Lugar onde se pregunta. 2.- Sitio onde os camiñantes tiñan que preguntar acerca da ruta. Deshabitado.


SUAERMIDA: Do latín sub, “debaixo de” máis do termo grego latino eremita, “o que vive no deserto que logo pasou a significar capela cristiá nun lugar solitario. 1.- Debaixode ou  ao pé daermida. Unha casa habitada, unha persoa.

 
SUARRIBA: Do latín
sub, “debaixo de” máis ripa. “ribeira”. 1.- Ao pé ou na parte baixa da beira do río. Unha casa habitada, tres persoas.


UCEIRA: Do latín ulice(m),
“uz” máis o sufixo latino -aria, “eira”. 1.- Lugar onde se dan as uces. 2.- Planta arbustiva propia de terreos pobres ou queimados, a súa madeira é moi dura empregándose a raíz para a elaboración de carbón vexetal ou para fabricar cachimbas. A presenza desta vexetación tamén se recolle na toponimia de Ribadeume  e de Vilavella. Unha casa habitada, tres persoas. Sen luz nen auga.


VALIÑA:  Do latín valle(m), “val”. 1.- Val pequeno, variante dos falantes da zona Beliña (vacilación ortográfica e do vocalismo átono). Deshabitado.


VIDÁS: Do latín betulla <base celto latina betullus. “bidueiro”. Variante de bidueiro é vido, o lugar onde se dan estas árbores é vidal. Vidás é unha das variantes do plural que se da en Galiza.Unha habitada, seis persoas.

 

 

 

 

 PARROQUIA: Seoane (San Xoán).
Perteneceu o concello da Capela ata os anos oitenta.
A meirande parte das localidades desapareceron a causa da explotación mineira.

 

SEOANE: Do latín San loahannis. “San Xoán”. 1.-. Nome do santo. 2.- Dedaleira, planta escropulariácea medicinal, dixital bilicroque, estralote, milicroque.

 
ALVARIÑOS: Do lalín alba, “branca”. 1.- Un tanto alvar. 2.- Viño que produce auga alvariña. 3.- Variedade de uce de flores brancas.


BRAÑA: Do latín veranu(m) tempu(’m), “tempo primaveral”. Designaba ao final da primavera e desprazouse para designar o principio do verán. De aí provén a voz do latín vulgar veranea por se tratar de “pastos do verán”. 1.- Terreo pantanoso abondante en xuncos e pastos. 2.- Monte algo encharcado que serve para o pastoreo. 3.- prado moi húmido ou con
auga perenne. 4.- Terreo baixo e pantanoso que polo inverno se cobre xeralmente de auga. 5.- Terreo de grande extensión sen cultivar. 6.- Terreo improductivo por mor da humidade. 7.- Molime que se extrae da braña 8.- Queiroga.


CARBALLÁS: Da prerromano carba máis o sufixo al, “lugar onde se dan carballos”. Variante do plural. 1.- Mata de árbores da familia das fragáceas.Entidades coa base carba en Santa María das Pontes, Vilavella, Bermui, Eume  e Espiñaredo.

 
CARBOEIRO: Do latín carbone(m) máis o sufixo -ariu, “lugar onde hai carbón”. 1.- 0 que fai ou vende carbón. 2.- Montón pequeno de leña disposto para facer carbón. Facer carbón vexetal era práctica común en todas as parroquias no século XIX.

CASTIÑEIRA: Do latín castanea < do grego kastanum. “castaña”, despois latín vu1gar *castanetum, * castaneta. Castiñeira deriva da variante *castinea. 1.- Pequeno souto de castiñeiros, árbore da familia das fragáceas que dá castañas. Entidades coa base castanea en Espiñaredo e Ribadeume .


CASTRO: Do latín castru(m), “campamento militar fortificado”. 1.- Asentamento propio da Cultura Castrexa, do século VI a. C. ata a Alta Idade Media.


FIGOSO: Do latín ficu(m), “figo” máis o sufixo -osus, “abundante en”. 1.- Lugar no que abundan os figos.


IGREXA

 

PEDOMONTE: Do latín pede(m), “pé” , máis monte(m), “monte”. 1.- Lugar situado baixo un monte.


PENADEIRIZ: Do latín penna(m), “rocha” . O suíixo -riz é un xermanismo visigótico
que significa “que posúe autoridade”.

PEREIRO: 1.- Pereira silvestre. 2.-
Variedade de maceira que produce unhas mazás alongadas chamados peros. 3.- Segundo Fernando Cabezas estes nomes poden estar relacionados con sitios máis ou menos elevados localizados nalgunhas ocasións sobre auténticos pericoutos pedregosos.


REGOÑA: Quizais derivado do latín riguu(m), “regato, canle de auga”.

 

SUMEIRO: Do latín submergere, “meter debaixo da auga”. 1.- Lugar cuberto de auga.

 



PARROQUIA: Aparral (San Xoán).
Houbo un incendio importante no ano 1.976.
Todos os lugares figuran na folia n°23 do MTN, agás Lombo de Afonso e Pereiro.


 

APARRAL: Do gótico parra, “cercado”. 1.- Videira que se coloca artificialmente sobre uns soportes formando unha especie de cuberto. APARRAL DE ABAIXO e APARRAL DE ARRIBA.


BESURA

 

CABEZA DOS FORNOS:  Do latín capitia < caput, “extremo”. “punta”, “cume”. Do latín furno, “forno”. 1.- Parte máis alta onde había fornos.


CANDEDO: Do latín candenatum < candos. “castiñeiros”. 1.- Lugar poboado de castiñeiros ou candos. 2.- Souto no que medran castifieiros. 3.- Monte de pan candeal (Rivera Rouco).
Do latín candanetum */candaneta (derivado de cándano), “póla seca”, “árbore queimada”, póla seca de piñeiro”.


CASAS ERMAS: Do latín Eremu. “ermo”. Do latín casa.1.- Casas solitarias ou retiradas.


CASILLA: Do latín casa, “cabana”, “palloza”. Diminutivo de casa.


COVA: Do latín cova< cava, “cova”. 1.- Cavidade na terra.


CORNOCELO: Do latín cornuellu (m), cornu  máis o sufixo diminutivo -ellu (m).1.- Lugar no que abunda a planta chamada murillón ou abruñeiro bravo. Os froitos do murillón teñen forma de pequenos cornos.


LOMBO DE AFONSO: Do latín lumbo. “lombo”, máis o antropónimo Afonso, de orixe
xermánica, “nobre guerreiro”. 1.- Elevación do terreo. 2.- Terreo cunha pequena elevación.


NOVEL: Do latín novellu(m).1.- Terreo non queimado nen cultivado.

 
PALVELO: Non é entidade de poboación. Palvelo é o nome dun monte das Casas Ermas. Variante de Palvelo é Porvelo.


PEDRAFITA: Do latín petra (m)ficta, “pedra fincada”. 1.- Monumento megalítico que consiste nunha pedra longa colocada verticalmente.Diferénciase Pedrafita de Arriba e Pedrafita de Abaixo. Posible existencia dun monumento megalítico ( menhir).

 

PEDREGÁS : Do latín petra (m), “pedra’. 1.- Lugar onde abundan as pedras.


PERE1RO

 

PORVELO: No MTN figura Porrelo.

 
PRECORDEIRO: Do latín prae chorda. “corda”. 1.- Cordeiro fai referencia ó antigo oficio de facer cordas ou cordeis.


SEXE: Do latín silex. 1.- Pedra de sílice. (Riveira Rouco).

 

 Grazas a todos os que colaboraron no seu día nun traballo do que reelaborei para que non durmira no olvido: Pin, Xesús,Xaquín...


 
ĉ
En Domínguez Ramil,
21 ene. 2009 16:35
ĉ
En Domínguez Ramil,
21 ene. 2009 16:40
ĉ
En Domínguez Ramil,
21 ene. 2009 16:37
Comments