TEATRO NO CEIP MESTRES GOLDAR

INTRODUCIÓN

No Ceip Mestres Goldar véñense realizando diferentes obriñas de teatro ao longo de todo o curso, especialmente coincidindo co Nadal, o entroido e a Semana das Artes.
Consideramos que esta é unha ferramenta moi útil xa que favorece a formación integral do alumnado introducindo contidos diversos mediante diferentes estilos cognitivos, motivacionais e emocionais.
O xogo dramático constitúe unha excelente ferramenta metodolóxica que se pode poñer ao servizo do currículum escolar introducindo temáticas e/ou contidos curriculares. Por outra banda, atende á formación persoal e emocional do alumnado contribuíndo a vencer medos e
facilitando a superación da vergonza que supón para algúns nenos e nenas presentarse diante do público. É por iso que as obras representadas implican a participación do alumnado de todo o centro, aínda que poden ser adaptadas ao número de personaxes que se precisen en cada momento.
Son moitas as obras que se levaron a cabo no noso centro ao longo da súa historia polo que sería practicamente imposible recollelas todas neste pequeno repositorio, pois  en moitos casos xa non dispoñemos do texto e só nos quedan algunhas fotos como referencia.
Pouco a pouco iremos subindo a este espazo o traballo realizado, na medida que sexa posible recuperalo.
A meirande parte das pezas representadas no noso cole foron creadas ou adaptadas polo noso compañeiro Antón López González.
As obriñas que aparecen neste momento son as máis recentes en orde cronolóxica inversa. Agardamos que resulten útiles a todos aqueles que queiran empregalas.

Por outra banda, baixo o epígrafe "OUTROS COLES", procuraremos ir incluíndo as obriñas de teatro que se representen noutros centros e das que teñamos coñecemento, agradecendo aos seus autores/as a súa xenerosidade por compartilas.
Julia González G.
BIBLIOTECA CEIP MESTRES GOLDAR