SANTIAGO ACOLLERÁ POR VEZ PRIMEIRA UN PARTIDO DA SELECCIÓN ESPAÑOLA FEMININA DE BALONMÁN

Fecha de publicación: Oct 01, 2015 9:21:46 PM

A selección española feminina de balonmán xogará o día 7 de outubro (20:45 horas, Teledeporte) en Santiago de Compostela, no que será o primeiro choque que dispute España na capital galega. O choque España-Austria será clasificatorio para o Europeo de Suecia 2016, polo que será un partido moi importante para o grupo dirixido por Jorge Dueñas.

Hoxe tivo lugar o acto de presentación do encontro, no que estiveron presentes o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa; a concelleira de Deportes de Santiago, Noa Morales; o presidente da Real Federación Española de Balonmán, Francisco V. Blánquez, e o presidente da Federación Galega de Balonmán, Xosé Luís Pérez Ouro, e o presidente do club Ribadosar, Ricardo Vázquez.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, destacou a necesidade de que “as administración públicas realicen políticas de igualdade, porque o esforzo e as recompensas non poden entender de sexos”. Ademais, Lete resaltou os magnífico rendemento das deportistas galegas en xeral e do balonmán feminino en particular: “Como proba, o feito de que das catro medallas galegas acadadas nos Xogos Olímpicos de Londres, tres foron para mulleres: Dúas para vela e a terceira, para o balonmán, da man de Begoña Fernández”.

A concelleira de Deportes manifestou a súa ledicia por ter en Santiago ás Guerreiras sobre todo porque “é importante para as institucións dar visibilidade ao deporte feminino”. Ademais, este partido está rodeado de actos para promover o balonmán na cidade, con actividades para os colexios, que poderán asistir a un adestramento da selección española, e recibirán invitacións para acudir ao choque. Este foi un dos aspectos que destacou o presidente da Federación Galega de Balonmán, Xosé Luis Pérez Ouro: “O club Ribadosar está a traballar moi ben e con moito sacrificio para fomentar o balonmán en Santiago e este partido ten que servirnos para que os cativos se involucren no noso deporte”.

Ouro agradeceu o apoio das institucións -“sen elas non sería posible celebrar este tipo de eventos”- así como a confianza da Real Federación Española de Balonmán para organizar un novo partido internacional (hai un ano, xogou en Cangas a selección masculina).

Por último, o presidente da Federación Española, Francisco Blázquez, agradeceu a aposta da Federación Galega de Balonmán por Santiago, xa que “este partido forma parte dun proxecto para promover o balonmán nesta cidade e que así sexa beneficioso para o club local e o balonmán galego”. Blázquez destacou a importancia deste choque – o primeiro clasificatorio para o Europeo – así coma do período que ven por diante, “no que buscaremos a clasificación para os Xogos Olímpicos de Río”. O presidente da Española manifestou, unha vez máis, o agradecemento as administracións (Concello, Deputación da Coruña e Xunta de Galicia).