Grañas do Sor‎ > ‎

Cuadrilla de Baixo

Pasaremos por O Cadaval  Castiñeiras  O Candedo  Carballal  Couce  Cascón
SEGUIMOS COA HISTORIA
A cuadrilla de Baixo separase da do medio polo rego do Rosario e remata polo norte contra da parroquia de Mañón dende o Cristo de Mouraz polos regos das Minas e dos Castros que baixan á Sanga. Pola banda de occidente linda co concello de Ortigueira, tendo por limite o cumio da Serra da Faladoira.
Preto da Pena Branca, aló onde se xuntan os montes, da Panda, do Carabelote, da Penagrande e da Coriscada, podemos ver os restos do Cristo de Mouraz, entre monumentos prehistóricos, como representante da cristianización destas terras.
Dicía Federico Maciñeira, o gran historiador, que era un gran cruceiro de pedra con ampla base, que servía de marco para dividir sobre aquel ángulo as parroquias de San Sebastián de Devesos, San Cristovo de Couzadoiro, San Mamede de Grañas do Sor e Santa María de Mañón, dicíndose na localidade que sentados ao pé da cruz poden xantar os catro respectivos curas sen saír de cadansúa.
Hoxe, se non nos decatamos, pode pasar por ser un monólito perdido no medio do monte. Del só quedan a súa base e parte do brazo máis longo, descabezado, sen Cristo e entre as silvas que medran en derredor, agardando por unha reconstrucción que non vén, esquencido da súa historia e significado,. 
Hai quen di que aínda perduran as trincheiras que fixeron os mouros, contra quen loitou o Xeneral Mouraz saíndo vitorioso grazas a un “pau de dous paus” (explícame Manolo de Devesos que debía ser un mallo). En lembranza desta vitoria ergueuse o monumento. 
O caso é que o Cristo de Mouraz era lugar de cita antigamente para os romeiros, tanto para os que ían en peregrinación a Teixido como para os que se dirixían a Compostela. Isto é porque está en pleno Camiño dos Arrieiros, un camiño usado ata a Idade Media, que unía o porto de Vares con A Mourela (As Pontes). 
Cantos tesouros agochados temos na nosa terra.



Esta foto non é miña, pixeina do blog Camiño dos arrieiros.