Sesión 14 (30-4-09): Conferencia de R. Stallman sobre software libre


1. O software libre


O pasado 30 de abril de 2009 Richard Stallman estivo no Centro Cultural Caixanova en Vigo impartindo unha conferencia sobre o tema: "O movemento do software libre". R. Stallman foi o creador no ano 1983 do proxecto GNU, que tiña por obxectivo crear un sistema operativo completo, compatible con UNIX e libre. O proxecto GNU leva producido unha morea de programas en código aberto e licenza copyleft, etc., sendo unha gran parte do software que conforma o sistema operativo GNU/Linux.



Stallman é un tipo simpático, que anda polos 50 e tantos anos, cun bo barrigón e unha barba longa e espesa. Leva case 30 anos impartindo conferencias sobre a filosofía do software libre. Para entender a orixe das súas ideas é preciso imaxinarse o espírito de cooperación que prevaleceu nos tempos iniciais da comunidade de usuarios de computadoras, e que a partir da década dos anos 1980 foise deteriorando co desenvolvemento do software privativo.

Stallman iniciou a conferencia explicando amplamente e con exemplos (que conseguiron arrancar as risas e os aplausos dos asistentes) as 4 liberdades fundamentais das que dispón o usuario ou usuaria de software libre:


0. Executalo con calquera propósito
1. Estudar como funciona e adaptalo ás súas necesidades
2. Distribuír copias
3. Melloralo, e liberar esas melloras ao público

Coa única restrición do copyleft (calquera que redistribúa o software, con ou sen cambios, debe dar as mesmas liberdades que antes), e co requisito de permitir e acceso ao código fonte (imprescindible para exercer as liberdades 1 e 3).




2. A dimension etica e social do software libre


Incidiu especialmente sobre a dimensión ética e social do software libre. En contraste co software privativo, que presenta sempre un dilema moral:

1. Axudamos a un amigo distribuíndo unha copia dun programa privativo e convertímonos en "piratas"
2. Non o axudamos e respectamos as licenzas privativas.

Neste caso, a resolución do dilema pode ser escoller entre dous males aquel que sexa menor, e neste caso parece ser axudar ao amigo. Sen embargo quere deixar claro que os piratas son malos porque atracan barcos e utilizan armas. 
Como alternativa debemos utilizar software libre.



3. A dimension filosofica do software libre: o uso nas escolas


Na segunda parte da súa conferencia explicou as orixes e a filosofía do seu proxecto, así como a súa evolución ata o momento actual. A dimensión filosófica do software libre atende ao espíritu de colaboración e de compartir o coñecemento no seo da sociedade, todo o contrario da proposta do software privativo. Atende tamén á concepción do usuario do software como un axente activo, con conciencia crítica, que posúe o dominio sobre o software e a máquina, e non se limita a aceptar o papel de ser un mero axente pasivo, unha especie de robot que se conforma con pulsar as teclas exactas que o software e a máquina lle esixen.

Unha reflexión moi especial merece a utilización de software libre nas escolas. Atendendo a consideracións éticas, sociais e en consecuencia, de conciencia crítica do profesorado. Podemos ver os argumentos de Stallman no seguinte vídeo:

O software libre e o seu uso nas escolas


De seguido ofrecemos un resumo do contido do vídeo, no cal Richard Stallman pai do proxecto GNU- explica a importancia do SL na educación. Richard Stallman dinos: "O software libre quere dicir, o software que respecta a liberdade do usuario e a solidariedade social da súa comunidade".

Todo o software debe ser libre porque cada un merece a liberdade, merece poder participar na comunidade libre. Por tanto, as escolas deben ensinar unicamente o software libre.

Hai catro razóns para esta conclusión, a máis superficial é para economizar: as escolas non teñen bastante diñeiro, non deben desperdiciar o seu diñeiro pagando permisos para usar software privativo. Esta razón é obvia. Pero algunhas empresas de software privativo adoitan eliminar esta razón superficial regalando copias gratuítas ou case gratuítas do seu software non libre ás escolas, e fano para facer adictos aos alumnos. É un plan malévolo, é un plan para usar as escolas como instrumentos de impor unha dependencia permanente aos alumnos. (Habería que engadir que tamén se fan adictas ás familias dos nenos, ademais de facerlles gastar inutilmente os seus cartos, pois en moitos casos necesitan mercar software privativo ou piratealo para facelo compatible co utilizado na escola, como por exemplo Microsoft Office).

Se a escola ensina o uso deste programa privativo, o alumno gradúa cunha dependencia. E despois de graduarse non recibe mais ofertas de copias gratuítas, e probablemente traballa nunha empresa. A empresa para a cal traballa non recibe copias gratuítas. Entón a empresa usa a escola para ensinar unha dependencia permanente á sociedade enteira.

A escola debe rexeitar a súa participación nese plan malévolo, porque a escola ten unha misión social, de educar á próxima xeración como bos cidadáns, dunha sociedade capaz, forte, independente, solidaria e libre. Só se pode facer ensinando o software libre. As escolas deben borrar, eliminar os programas privativos, para instalar software libre.


4. Manifesto de GNU


Neste enlace podemos ler o MANIFESTO de GNU, redactado por Stallman ao inicio do seu proxecto, e que recolle a filosofia do mesmo.

Para saber mais sobre a filosofia do software libre na paxina oficial de GNU.


Antes de rematar e atender ás preguntas das persoas asistentes, Stallman realizou unha alegre parodia dun evanxelizador, vestido con túnica e aureola de santo (un disco duro dos anos catapún) que fixo rebentar de risa ao auditorio.




5. Imos de viaxe ?


De igual xeito que cando preparamos unha viaxe a un lugar lonxano e con condicións climáticas diferentes é conveniente pasar por un período previo de aclimatación, é conveniente seguir a mesma estratexia no mundo do software.

O mundo Windows e o mundo GNU/Linux constan do propio sistema operativo e das aplicacións que corren neles. As aplicacións máis utilizadas soen ser o navegador de internet e a suite ofimática (procesador de textos, folla de cálculo, presentacións e base de datos). En Windows, o navegador propio chámase Internet Explorer, e a suite ofimática Microsoft Office. Agora ben, tamén poden correr outras aplicacións en Windows, e entre elas algunhas aplicacións de software libre.

Por tanto, o máis prudente é utilizar durante un tempo aplicacións de software libre dentro de Windows, nun proceso de adaptación ou aclimatación para irnos familiarizando co mundo GNU/Linux. As aplicacións básicas que podemos utilizar son:

1. FIREFOX, como substituto de Internet Explorer. Haberá que descargalo de internet, na súa versión para Windows e instalalo, despois configuralo. Funciona de xeito moi similar ao Internet Explorer, pero con maiores funcionalidades.

2. Suite ofimática OPENOFFICE, que agora anda na versión 3.0. Proceder como no caso anterior. Ten menor potencial que Microsoft Office, pero máis que suficiente para as tarefas escolares. OpenOffice garda os seus documentos na extensión .odt (estándar aberto). OpenOffice pode abrir documentos de word .doc e tamén gardar os seus propios documentos con extensión .doc. Tamén permite gardar directamente un documento en formato .pdf

Se nunca antes vimos OpenOffice, ou Firefox... o primeiro impulso innato soe ser de rexeite (ufff... esa icona non está exactamente no mesmo lugar, esa cor non me gusta, esa letra é moi grande...) debido en grande medida a que temos moi automatizados todos os movementos das rutinas habituais. Imaxínate que de repente che cambian de posición dúas ou tres letras do teclado... menudo fastidio... así que será normal que o procesador automático se resista ao principio. Por iso é conveniente o apoio da razón.





6. Carta aberta a quen me remite ficheiros en formato .doc

Vostede envioume un arquivo en formato Microsoft Word, un formato privativo e secreto, polo que me é moi difícil de ler. Se me envía o mesmo en texto plano, HTML, PDF ou ODF lereino.

Recibir ficheiros adxuntos en formato Word non é recomendable dado que poderían carrexar algún tipo de virus (véxase http://en.wikipedia.org/wiki/Macro_virus). Enviar documentos de Word pode ser prexudicial debido a que normalmente inclúen información oculta acerca do autor, permitindo a aqueles que o saben espiar as actividades do autor (quizá vostede). O texto que creu borrar podería estar presente e porlle nunha situación embarazosa. Véxase http://news.bbc.co.uk/2/hi/technology/3154479.stm para máis información.

Pero sobre todo, enviar documentos de Word, insta as persoas a utilizar software de Microsoft e contribúe a negarlles calquera outra opción. En efecto, convértese nun alicerce para o monopolio que dita compañía trata de impor, e iso supón un gran obstáculo cara á adopción maioritaria do software libre. Por favor, podería usar outra forma de mandar a información en lugar de Microsoft Word?

Non sei se vostede é consciente da gravidade deste problema cando se utiliza por defecto no ámbito escolar. Condicionamos aos nenos e nenas e ás súas familias a utilizar software de marca, é só dunha determinada marca concreta, que ten un custo económico claro, cando existen outras alternativas no mercado de carácter libre e gratuito que cumpren sobradamente estas funcións. Vostede promociona diariamente dende a escola, por exemplo, que os seus alumnos e alumnas utilicen zapatillas exclusivamente da marca NIKE? Pois debería quedar igualmente de sorprendido se o que utiliza é formatos .doc (exclusivos de Microsoft Word).

Propollémoslle as seguintes recomendacións:

A) Se traballa con Microsoft  Word, utilice formatos alternativos a .doc cando garda un documento  e pensa remitirllo a outra persoa, como por exemplo:

1. PDF: ten como aspecto negativo que non se pode modificar facilmente; a vantaxe que se mantén o formato orixinal independentemente da aplicación coa que o abra. O seu sistema tamén podería ter un programa para converter devandito documento a formato pdf. Faga clic en «Arquivo => Imprimir». Busque entre as impresoras dispoñibles e seleccione o conversor a pdf. Faga clic no botón e introduza un nome para o novo ficheiro cando llo solicite.

2. HTML : pode abrirse tamén cos navegadores de internet. Converter o documento a formato HTML desde Word é bastante sinxelo. Abra devandito documento, faga clic no menú «Arquivo», despois en «Gardar Como», e, na opción «Gardar como tipo», na parte inferior da xanela, elixa «Documento HTML» ou «Páxina Web». Despois faga clic en «Gardar».

3. TXT  (Moi simple, pérdense os formatos, pero serve para unha nota tipo e-mail ou algo polo estilo)

B) Non utilizar Microsoft Word, senón un procesador de textos alternativo e con formatos abertos, como por exemplo OpenOffice. Esta aplicación pódese descargar gratuitamente desde internet e está en lingua galega. Entón o formato por defecto será .ODF (É o formato que utiliza OpenOffice).

Microsoft pode (tal e como recentemente ocorreu en Kenia e Brasil) facer que a policía local faga cumprir leis que prohiben aos estudantes inspeccionar código fonte, prohiben a emprendedores iniciar novas compañías e prohiben a profesionais ofrecer os seus servizos. Por favor, non lles dea o seu apoio.

Traducido dun artigo de R. Stallman

Ver tamén este outro artigo en .pdf, de 2 páxinas, con máis argumentos para non utilizar o formato .doc





7. Dar o salto a GNU/Linux


1. Un pequeno gran salto: dirixido a todo o que se senta con poucos coñecementos pero con curiosidade e motivación suficiente para explorar o mundo do software libre. Consiste en utilizar aplicacións de software libre dentro do sistema operativo Windows. Pódese comezar por utilizar o navegador Firefox (en lugar de Internet Explorer) ou a suite ofimática OpenOffice (en lugar de Microsoft Office)... ou calquera outra aplicación que utilicemos habitualmente. É o primeiro paso, pero se un non tropeza, é o máis decisivo.

2. Salto de lonxitude: Consiste en atreverse a instalar o sistema operativo GNU/Linux pero sen borrar Windows, de modo que os dous sistemas operativos convivan no mesmo ordenador. Así, podemos practicar en GNU/Linux e en caso de perigo regresar a Windows. Para atrevidos ou con suficiente adestramento no primeiro salto.

3. Dobre (ou triplo) salto mortal: Formateamos o disco duro do ordenador e instalamos GNU/Linux en solitario. Para destemidos ou con suficiente adestramento no salto de lonxitude. Se mercamos un ordenador novo interesa ver que o hardware e totalmente compatible con GNU/Linux. 
Podedes buscar ese hardware nesta páxina, para as principais distribucións de GNU/Linux.

4. Triplo salto (de lonxitude): comezamos co primeiro salto ( utilizar software libre en windows), imos co segundo (instalar GNU/Linux pero convivindo con Windows), e acabamos co terceiro (utilizar só GNU/LINUX). Creo que é o salto máis "natural", e que se consegue con ilusión e adestramento diario.

Para atreverse cos saltos convén ter a man a un adestrador, pois son incómodas as lesións, e poden previrse desa forma... e ata un fisioterapeuta, polo si ou polo non.

De todos os xeitos, hai saltadores atrevidos e ousados, fortes... que non se frean ante os obstáculos (saltadores de obstáculos)... e chegan ao cabo do mundo por se mesmos, e outro tipo de saltadores máis precavidos, fráxiles ou tímidos, que prefiren primeiro tantear o chan co pé antes de dar o primeiro salto.

Cada un debería valorar as súas calidades e en función diso dar o salto que máis lle conveña (sen esquecer nunca que o seu salto é o máis importante).




8. Testimonios persoais


Nacín en Windows... exactamente en windows 3.11 alá polo ano 1994. E o primeiro que aprendín a manexar foi o procesador de textos, por ser a ferramenta básica que utilizaba mentres cursaba os estudos de Pedagoxía. Creo que comezei con WordPerfect 5.1. O primeiro ordenador que merquei era un Pentium a 100 Mhz que viña co sistema operativo windows 95; pronto instalei Microsoft Office pirateado por un amigo (e ducias de programas máis). E así transcurriu a miña vida durante uns cantos anos, ata o 2005 aproximadamente, inmerso en windows.

Durante eses anos fun coñecendo xente que me falaba das virtudes de GNU/Linux, pero eu facíalle oídos xordos, pois windows cubría as miñas necesidades vitais e algunha demostración que vira non me convencera en absoluto, pois no meu parecer Word superaba sen discusión a calquera procesador de textos en GNU/Linux. Pero alá polo ano 2005 cambiei de traballo e con el fixen borrón e conta nova no mundo do software. Na miña vida sempre estivo presente unha forte compoñente idealista, e valores como a liberdade ou a solidariedade chocaban cos valores do software propietario. Había un mundo de persoas que colaboraban altruistamente co software libre, programando ou utilizando ese software e eu apunteime a ese bando. Por unha cuestión de coherencia vital.

Así que tiven que deixar de lado os vellos costumes, tan enraizados, e tan difíciles de abandonar... as rutinas instauradas que simplifican e fan cómodas as tarefas cotiás. E o cambio impúxose nun proceso progresivo, que me levou durante uns cantos meses a utilizar software libre dentro de windows (firefox, openoffice,...), máis tarde a instalar GNU/Linux pero convivindo os dous sistemas operativos no mesmo ordenador e, finalmente, cando a confianza se asentou en GNU/Linux, a prescindir radicalmente do vello sistema operativo.

Porque ás veces para algúns de nós poden incluso existir cousas máis importantes que o deporte en si, e podemos cuestionarnos se realmente temos que xogar baixo calquera condición, ou se ó mellor hai condicións nas que nos convén máis protestar e ir xogar a outros campos, menos comerciais, pero moito máis románticos. Para iso existe a vontade.



Mais informacion na paxina da rede social Agora Rede


E tamén en Internet en el aula


Ou no blog de Xose Vidal (Recursos educativos para mestres)




Máis artigos de opinión sobre software libre (ao respecto da probable proposta do goberno de Zapatero para regalar un ordenador portátil a cada alumno/a de primaria con software de Microsoft preinstalado)


Salvemos Microsoft, artigo de Santiago Lamelo, da Federación de APAs de A Coruña.

Hispalinux censura o custo económico e a dependencia tecnolóxica da "solución" Microsoft para educación, artigo en GALPON.



Comments