POEMAS Y NOTICIAS DE PEDRO CAMPOS GARCIA

Cando les un deses libros...

Cando les un deses libros...
Pedro Campos
 

Unha paisaxe chea de verbas esotéricas pode facer que te sintas confuso? perdido na brétema un día á noite. Contraditorio?

Acta xudicial: «Suxeito acusado de intentar influenciar no pensamento das persoas dicindo que hai outra realidade detrás dun muro(?) que el mesmo fixo que se convertese en labaradas».

Cando te preguntas se a ilusión e a realidade son sinónimos, voltas a ese estado de perplexidade que te leva á caótica barafunda do mundo intelixible rexido por todo o que lle faltaba por saber ao Sr. Tóseca, e que nunca ninguén chegará a saber? ou a comprender. De todos os xeitos, comprender algo que vén doutro mundo entendo que poida resultar complicado, incluso para algunha parte do noso corpo que xa o sabía.

Parte médico: «Confusión absoluta, euforia, analxesia, alucinacións visuais e auditivas, notable dilatación das pupilas, diminución da presión arterial. Admírase por movementos e demais a sensación da perda de peso, visión agrandada dos obxectos e alteración na percepción espazo-temporal, o paciente está totalmente fóra de si».

Os pensamentos vólvense difusos e acabas de queimar o muro, descobres o ilusoria que era a túa realidade; enxergas a verdadeira veracidade, que non é máis que outra ilusión ficticia na que atopas algo máis que as sombras que te ataban á ignorancia, o único tanxible no seu palangre. E agora abres ese libro que te agarda ao final do dédalo paisaxístico; o único labirinto que conduce ao arroubo. Xa non hai límites para ti, e o ruín da vida atópase nunha caixa imposible de abrir, inviable de percibir, facéndoche pensar que aínda queda algo por pasárseche de longo, de algo que remata ou de algún sentimento, orixe, razón ou sentido que a ninguén lle importa. Son cousas do traxecto? ou do momento talvez; tamén son continuas escusas para manterse de pé. Pero agora xa non serve ningún pretexto e sería un chiste levantarse porque volverías caer cantas veces o intentases.

Condena a morte.

Sabor amargo. Sentín correr a brea polas veas como se das rías se tratase; todo remata, este mundo ilícito e mórbido déixame sen condolencia e agarda a que me arrepinta de xeonllos ou proteste como outros. Non. Só quedan na miña vida os coñecementos e os recordos desa canción feiticeira, leda e eterna? mentres todo dá voltas en perfectas circunferencias sen sentido.

Este é o fin; belido amigo? este é o final, meu único amigo, o final.

Pedro Campos García

Estuda na “Escola de imaxe e son” ao tempo que fai o conservatorio superior na Coruña.

Afeccións: tocar a guitarra, ler, escribir, o cine, rugby…



Pedro_campos

Boiro: Pedro Campos gañou o torneo poético Slam Arousa na súa vila

http://xornalcerto.blogspot.com.es/2012/12/boiro-pedro-campos-ganou-o-torneo.html

Boiro, 11 de decembro de 2012. A Pousada das Ánimas acolleu a fría e chuviosa noite do 6 de decembro o certame Slam.Arousa, ao que se presentaron 7 recitadores, entre os cales destacou Pedro Campos, un mozo boirense que é xa unha promesa da literatura barbanzana. Como finalistas, quedaron de novo Ramona Golías e Mauricia Ces Quintáns. Todos os recitadores recibiron unha botella de viño por Cortesía da Pousada das ánimas, e o gañador, obtivo ademáis dúas entradas para ver a Siniestro Total ao día seguinte, na mesma Pousada das Ánimas
Pedro Campos, a pesar da súa curta idade, xa tivo tempo de gañar nos anos 2011 e 2012 o certame literario da súa vila, o Ramón Martínez López, e quedou tamén en segunda posición no certame Xela Arias (A Guarda). Polo de agora, publicou o poemario Hipóteses, teoremas, drogas, estados de ánimo e outros remedios naturais para combater a tose" polo IES Praia Barraña, e en La Voz de Galicia o relato "Cando les un destes libros" (http://www.lavozdegalicia.es/barbanza/2011/12/16/0003_201112B16C9993.htm), co que fixo tamén a curta

()



Tampouco era a primeira vez que Pedro se enfrontaba á tarea de recitar os seus propios versos, xa que comeza a ser un "clásico" do recitado no Barbanza. Así, participou no recital de poesía da "Noite aberta", en Boiro, xunto co performer noiés Serafín Marcos; o recital "Poesía salvaxe", que se celebrou tamén na Pousada das Ánimas, nalgún dos ciclos de poesía que se celebraron no Brétema, en Ribeira, e en dous dos tres slam.arousa que se celebraron até o momento.

Por outra banda, Pedro Campos compaxina a súa creación literaria coa musical, sendo guitarrista do grupo do barbanza "The Feeling Band". Con esta agrupación percorrerá toda a comarca este mesmo Nadal.

Vindeira parada: Vilagarcía en xaneiro

Slam.Arousa continuará o seu percorrido o vindeiro 11 de xaneiro cruzando a ría de Arousa, para instalarse en Vilagarcía por un día, no Gaël. Alí decidirase o cuarto dos finalistas que se unirá a Celia Parra, Ramón Blanco e Pedro Campos para competir na Illa de Arousa no mes de marzo. O gañador desta finalísima viaxará subvencionado a Madrid para participar no Poetry Slam estatal no que recitan versos todos os gañadores dos slams espallados por toda a xeografía española. Esta final estatal, será, seguramente, no mes de abril.

POEMAS



I. CONTACTO.

 

 

Bloques de aceiro unidos;

Estructuras diagonais.

 

Metáis ben pulidos;

Suaves.

 

E os dedos aerodinámicos,

Atravesan o aire.

 

Pingas do enxebre que algún día cambiou algo.

E cores artificias para facelo visible.

 

Soños e visións esparcidas.

Cadros que berran.

 

II.                   AFONDANDO.

Parada de taxis…

“New  York”…

Algo de música…

(…)

E ti estabas na outra acera.

Chovía.

Estabas con paraugas.

Descalza.

Nunca creín que os espellos poideran atravesarse.

III.                    2001

Alonxándonos do que antes era real.

Chegar. Mergullarnos.

E tes só dez segundos.

Pararás o reloxo?

 

IV.                Prólogo dun pesadelo.

Aínda estás a tempo,

Poida que xa estés demasiado lonxe.

Poida que por alá, chova demasiado.

Pero a este nivel de comprensión

Iso é totalmente descoñecido.

 

V.                  Deitado frente a TV

Eu fágoo por que si,

Está de moda.

Porque quero e dame a gaña

Porque… quero asemellarme a ela.

Porque… despois de todo… quéroa tanto…

Un soño lonxe de calquera país.

 

 ESCENAS DE BAR


Imaxinade que neste intre,

neste mesmo intre,

un vaso cae.

 

Chasss…

 

Unha voz escóitase  dende a porta.

O señor do fondo pide outra.

A rapaza do móbil, ergue a ollada.

Non ve nada.

 

E sempre fuches cristal escachado.

Pero nunca se desfixo coma ti.

 

A cor azul nunca foi tan escura.

Nin se pisou máis de cincuenta veces.

 

A felicidade, gárdala en… caixas de cartón,

Pero deixas os tuppers cheos de porcelana

E os caixóns completamente abertos

para quitarlles o pouco amor que queda neles.

 

Agora, miras a lúa con outros ollos,

Agochados entre as estrelas.

Soñas  outras cousas diferentes,

E cavilas acerca da realidade.

 

Cada dia a mesma porta

vai  dar a diferentes sitios.

Son efectos da enfermidade.

 

Porque sentir o pulso na man

nunca foi tan imposible,

nin tan incrible.

 

Por iso agora xa non quedan leite e galletas para almorzar;

por iso o caldo está tan frío pola mañá;

por iso os panos de mesa

Xa non son de papel,

E as cartas que agardaban na caixa de correo caducaron;

Coma os iogures da semana pasada.

 

A caixa de Pandora sempre estivo baixo a terra,

agochada en países árabes.

 

Esa substancia negra coma a túa cor azul

que amabas tanto,

E pola que tanto pelexabas …

 

Esa substancia que ateiga depósitos …

Hoxe, poxan as últimas pingas.

Poxan as últimas pingas de felicidade e poder.

 

 

Poxa o poder !

E o pobo está en loita coma sempre …

(…)

Coma sempre quixo estar.

 

 

Os cristais seguen no chan.

Empezan a ser recollidos.

 




AIQUI UN POEMA DO LIBRO    Hipóteses, teoremas, drogas, estados de ánimo e outros remedios naturais para combater a tose.



I.    Hipóteses, teoremas, drogas, estados de ánimo e outros remedios naturais para combater a tose.

 

                                   I.    Recordos sensibles e intelixibles

 

 

Todo canto teño son recordos…

…Recordos de quen son…

…Recordos de quen es…

…Recordos malos e bonitos…

…Recordos que se deterioran…

…Recordos que non se borran…

…Recordos desordenados…

…Recordos esquecidos…

…Unha infinidade de recordos.

 

 

Recordos inalterables coma o momento no que te coñecín;

 

(…)

 

O teu alento fedía aos 7 litros de cervexa consumidos esa noite.

Pero sempre me gustaron os coches e a gasolina.

 

 

“Xa sei que eu son un can e ti unha cadela en celo”

díxolle Romeo a Xulieta nun dos borradores do teatro de Shakespeare

 

 

 

 

 

PERO…

(ti tamén sabes isto…)

 

Xa ninguén se namora

nestes tempos absurdos.

Regáloche unha rosa

en forma de poema;

inversamente,

para que penses e non rías.

Vai en busca do abstracto,

o amor é un sentimento.

 

Xa ninguén se namora

nestes tempos defuntos;

flores para os recordos

luctuosamente colócanse.