11.-A crise socioeconómica do século XVII

Vista de Sevilla (c. 1660), de autor descoñecido.
[Dominio público], dende Wikimedia Commons.

O século XVII aparece asociado tradicionalmente á idea de crise. Esta imaxe, forxada xa daquela polos arbitristas e literatos casteláns, subliñaba a simplista dicotomía entre a expansión e o esplendor dos Austrias maiores (Carlos I, Felipe II), e a decadencia e os fracasos característicos dos reinados dos Austrias menores. Cómpre, non obstante, matizar este panorama:
  • A crise foi xeral en Europa na primeira metade do século XVII, aínda que presentou nos territorios da monarquía hispánica unha gravidade específica.
  • Os primeiros sinais dela na península son xa visibles dende a década de 1570 e as evidencias da recuperación comezan a percibirse no último terzo do século XVII.
  • A profundidade e a duración da recesión non foi uniforme: resultou moito máis intensa nas áreas do interior, ás máis poboadas e urbanizadas no século XVI, que nas rexións periféricas.

A crise demográfica.

Os problemas demográficos son unha das manifestacións máis destacadas da crise do século XVII. A escaseza e mediocridade das fontes censuais relativas á centuria dificulta o cálculo dos efectivos globais da poboación dos reinos hispánicos. Segundo algunhas estimacións, estes pasarían de algo máis 8 millóns de habitantes contra 1600 a 7-7’5 millóns en 1700. Os datos dispoñibles sinalan que a poboación descendeu nalgún momento do século XVII en tódolos territorios peninsulares, especialmente na súa primeira metade, pero tamén que o balanzo final presentou grandes contrastes rexionais: as terras do interior (Castela, León, A Mancha, Estremadura, Aragón) sufriron graves perdas e non recuperaron as cifras de finais do século XVI ata mediado o XVIII; pola contra, Andalucía e, sobre todo, os territorios setentrionais (Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Asturias) e a área mediterránea (Cataluña, Valencia, Murcia) remataron a centuria con saldos positivos. O dinamismo da periferia non deu compensado o afundimento do interior peninsular. A caída da poboación urbana foi aínda máis acusada: o número de cidades de máis de 10.000 habitantes pasou de 37 a 22 no conxunto español.
A crise demográfica debeuse a diferentes causas:
  • Dende finais do século XVI, reiteráronse con inusitada frecuencia as mallas colleitas co seu corolario de escaseza, carestía e fame.
  • O conseguinte debilitamento biolóxico da poboación facilitou a difusión de diversas e mortíferas epidemias. Especialmente letais foron tres destes episodios: a chamada peste atlántica de 1596-1602, que provocou máis de 500.000 mortos, sobre todo en Castela; o de 1647-1654, que afectou maiormente ao Levante e ao sur peninsular, deixando máis de 450.000 mortos ao seu paso, 60.000 deles na cidade de Sevilla; e o de 1676-1682 que se se estendeu polo sueste peninsular.
  • A expulsión dos moriscos, decretada por Felipe III en 1609, forzou a marcha dunhas 300.000 persoas, o que rondaba o 4% dos habitantes da monarquía. As consecuencias foron moi negativas nos reinos de Murcia, Aragón e, moi singularmente, Valencia. Esta rexión perdeu o 27% da súa poboación, man de obra esencial para os seus sectores económicos máis dinámicos (horticultura, arroz, cana de azucre, sericultura, transporte). O abandono de terras de cultivo e a caída da produción afectaron negativamente ás rendas nobiliarias e á recadación fiscal.
  • A emigración ás Indias, convertidas en terra de oportunidades, debeu ser especialmente intensa na primeira metade do século XVII (algunhas estimacións sinalan un promedio de 5.000 saídas/ano). Esta emigración afectou maioritariamente a varóns novos e a algunhas rexións (Estremadura, Baixa Andalucía, Castela), nelas os efectos negativos sobre o crecemento vexetativo deberon ser notables.
  • As necesidades bélicas da monarquía converteron en insuficiente o recrutamento de mercenarios estranxeiros (italianos, alemáns, valóns) e obrigaron a recorrer ás levas forzosas, sobre todo en Castela. Algúns autores estiman as baixas provocadas polas guerras na primeira metade da centuria, moito máis belicosa cá segunda, en máis de 250.000 mozos.
  • O importante aumento do número dos membros do clero que tivo lugar durante o século XVII respondeu a estratexias individuais e familiares en momentos de dificultades: ingresar nas filas dunha orde privilexiada, rendista e exento do pago de impostos, converteuse nunha saída para moitos. Poida que a expansión do clero, que chegou a superar o 2% da poboación, tivese tamén efectos negativos sobre a natalidade.

O retroceso económico

Á crise demográfica engadiuse un grave retroceso económico. Como no resto de Europa, a primeira metade do século XVII foi un período crítico. No caso español, a recesión foi moito máis intensa e a recuperación posterior a 1650 menos firme e intensa que nos países da Europa noroccidental (Países Baixos, Gran Bretaña, Francia), que ían afrontar o futuro en condicións moito mellores.

A agricultura.

A expansión agraria do século XVI chegou ao seu cumio nos anos 1570-1580. A partir dese momento comezou un descenso ata 1630-1640. A magnitude acadada pola crise foi o resultado da conxunción dunha serie de factores: unha conxuntura climatolóxica desfavorable; a difusión de pragas; a aparición dos rendementos decrecentes da terra tras a expansión do século XVI; as urxencias da Facenda real, que provocaron o aumento da presión fiscal e a venda de comunais, o que fixo medrar os custos, debilitou a demanda e favoreceu a concentración da propiedade. Esta evolución xeral agacha notables contrastes rexionais:
  • O interior: a crise arranca na década de 1570 e toca fondo en 1630-40. Dende aquela, a produción segue unha liña insegura que non permitiu sequera recuperar as perdas sufridas durante o XVII. Os cambios nos cultivos son escasos: semella que se produce un retroceso do trigo en favor doutros cereais (centeo, cebada) e do viñedo. A gandería transhumante, afectada pola caída da demanda interna e pola competencia exterior, decaeu. Pola contra, a cría de cabalos, ligada ás necesidades militares, e a de mulos, que substituíron no interior aos bois como animais de tiro, experimentaron un notable impulso.
  • A franxa mediterránea: o comezo da crise atrasouse á primeira década do século XVII e prolongouse ata 1650-1660. Pero, dende estas datas, a recuperación foi rápida e intensa. Nalgunhas comarcas, avanzou a especialización en cultivos destinados ao mercado como o arroz, a moreira e o viñedo.
  • Galicia e o litoral cantábrico: a recesión semella ter sido nestas áreas menos intensa. A recuperación foi intensa e prolongada. Baseouse, sobre todo, na introdución do millo como cultivo básico.

As manufacturas.

As actividades manufactureiras experimentaron as consecuencias da recesión xeral. A artesanía téxtil castelá e andaluza sufriu os efectos da caída da demanda peninsular (crises demográfica e agrícola) e indiana, do incremento dos custos de produción (suba do prezo das subsistencias, aumento da presión fiscal) e do inmobilismo gremial. Fíxose imposible competir coas producións foráneas (francesas, holandesas, británicas), beneficiadas, ademais, dende a fin da Guerra dos Trinta Anos (1648) por un réxime arancelario máis favorable. Outros sectores, como a siderurxia (ferrerías vascas, fargues catalás) ou a construción naval víronse afectadas negativamente pola diminución das encargas da Coroa e polos problemas sufridos por outras actividades como o comercio colonial, a pesca e o salgado.

Só no último terzo do século pódese dar conta dunha limitada recuperación da actividade manufactureira que tivo por principal escenario a Cataluña, onde se produciu unha importante expansión do téxtil, ligada á produción rural doméstica controlada polo capital mercantil barcelonés.

O comercio.

O comercio interior, xa moi afectado polas deficientes infraestruturas de transporte e polo mantemento das alfándegas interiores, sufriu directamente os aumentos da presión fiscal e as bruscas manipulacións monetarias. A incerteza e a desconfianza restrinxiron os intercambios nunha economía en recesión.

O comercio exterior, especialmente o americano, sufriu os efectos da conxuntura bélica (ataques, bloqueos marítimos), do desenvolvemento das economías coloniais e da competencia crecente de holandeses, ingleses e franceses.

Os problemas da Facenda real

Segundo algúns historiadores, os prexuízos derivados da custosa e prolongada política imperial da monarquía hispana constitúen un factor fundamental no afundimento económico do século XVII. O mantemento da hexemonía político-militar en Europa e a defensa da casa de Habsburgo esixiu incrementar os ingresos da Coroa, subindo uns impostos e creando outros novos, e a súa capacidade de endebedamento. Estímase que en 1596, data da última bancarrota de Filipe II, as débedas da Facenda real debían sumar o 60% do PIB, unha porcentaxe que debeu seguir medrando durante a primeira metade do século XVII.

Mentres os gastos aumentaban como consecuencia de guerras case continuas, a base recadatoria reducíase por mor da recesión económica e as partidas de prata americana, un recurso esencial durante o século XVI para manter a Facenda real e activar o comercio exterior hispano, diminuían. Conseguintemente, o Tesouro atravesou unha estrutural falla de fondos. Para obtelos, alleouse o patrimonio real (terras, xurisdicións, oficios, etc.). Tamén se contrataron préstamos con banqueiros hispanos e estranxeiros, e se emitíron xuros (títulos de débeda pública).

As manipulacións monetarias foron outro dos arbitrios aos que recorreu un Tesouro desesperado. Estas afectaron singularmente á moeda de vellón (aliaxe de cobre e prata), á destinada ao comercio habitual e, polo tanto, a máis utilizada polos sectores populares. Para achegar recursos, reduciuse e mesmo eliminouse a prata da aliaxe, procedeuse a emisións masivas e crecentes e, por último, reseláronse as pezas para incrementar o seu valor nominal. As consecuencias destas alteracións foron moi graves: provocaron unha elevada inflación, a perda de poder adquisitivo dos salarios, a caída da confianza no vellón como medio de cambio, a descapitalización dos sectores produtivos, o afundimento dos mercados...

Nada disto evitou as bancarrotas en 1607, 1627 e 1647. A monarquía non era quen de facer fronte aos custos do mantenemento do imperio.

O reparto desta carga foi tremendamente inxusto. Dende o punto de vista territorial, Castela correu coa meirande parte dela. Os intentos de incrementar as achegas financeiras do resto dos reinos foron infrutuosos e descadearon unha grave crise política da monarquía. Non estraña que sexa en Castela onde a crise do século XVII fose máis fonda e prolongada. Dende un punto de vista social, a incremento na tributación fixose en base a impostos indirectos, que gravaban a comerciantes e consumidores, e acrecentouse a polarización entre unha minoría ociosa e unha inmensa maioría depauperada. A nobreza e o clero, exentos total ou parcialmente do pago de impostos, aproveitaron o alleamento de terras e xurisdicións do patrimonio real para incrementar o poder señorial. As oligarquías locais acrecentaron o seu poder político, a participación nas rendas reais e o control que tiñan sobre as terras municipais. Fronte a eles, vivía unha gran masa de poboación (campesiños sen terras, artesáns pobres, vagabundos, moinantes, esmolantes, etc.). A penas existían sectores intermedios que mantivesen unha vida digna como resultado do traballo e do esforzo. Non pode estrañar que o traballo manual carecese de prestixio e que chegar a vivir de rendas, como os señores, ou a triunfar e enriquecerse nas Indias fosen aspiracións sociais sentidas por moitos.


Comments