Proxecto Documental Integrado 2019-2020


No curso 2019-2020 o tema do PDI promovido desde a Biblioteca Escolar Brea Segade será O MAR, é moi especialmente O Mar da Arousa. O ecosistema mariño, os traballos do mar, as embarcacións, os deportes, a toponimia... serán o fío condutor do traballo documental, as actividades de animación á lectura e as actividades de formación de usuarios/as que se leven a cabo no colexio ao longo do curso.


QUE É UN PDI?

PDI: Traballos de investigación cos que alumnado afonda nun tema concreto ao tempo que descubre e pon en práctica estratexias de busca de información e traballo documental, usando os recursos ofertados pola biblioteca escolar.

Un PDI é un Proxecto porque persegue un fin. Temos un plan para aprender algo sobre un determinado tema no que, procuraremos que se reúnan varias materias. Esa aprendizaxe é significativa, o alumnado participa activamente, é o protagonista do proceso.


Un PDI é Documental porque ten tres fases:

1. Recollida de información (documentación)

2. Tratamento da información recollida (análise e reflexión)

3. Produción (produto, obra final)


Un PDI é Integrado porque implican coñecementos e contidos de diversas áreas de coñecemento, así como o uso de materiais diversos, de ficción, de non ficción, escritos, audiovisuais, orais... Poñemos o acento nos procedementos pero tendo moi presentes os contidos. O alumnado pasa a ser o centro do traballo e o mestre/a un guía que ofrece modelos, conduce e reconduce. Cos proxectos documentais integrados, o alumnado deixa de ser mero consumidor de información a ser produtor da mesma. O profesorado, dependendo das idades e maduración do alumnado, poderá propoñer proxectos de diferente dificultade, tanto desde o punto de vista das fontes utilizadas (unha, dúas…, todas no mesmo soporte, de soportes variados...) coma dos produtos elaborados (un único produto, todos o mesmo, diversos...).


Desde a BBS propoñemos:

1. Usar o mar como temática que nos permita investigar, reelaborar información e crear producións propias en diferentes formatos: contos, textos informativos, dramatizacións, murais, xogos de rol, programas de radio, montaxes audiovisuais...


2. Estratexias de traballo:

- Proxectos levados a cabo desde as titorías

- Obradoiros multinivel

- Conmemoracións do Calendario do Libro da Lectura

- Celebracións a abordar desde o PDI


3. Temáticas a traballar desde as aulas.

- No 1º trimestre introduciremos o tema e centrarémonos na descuberta do ecosistema mariño (mareas, fondo mariño, flora, fauna, diversidade, problemáticas derivadas do uso que o ser humano fai do medio, problemáticas derivadas do cambio climático... )


- No 2º trimestre afondaremos no mar como sector produtivo e nos traballos relacionados co mar e desenvolvidos na nosa comarca.


- No 3º trimestre orientaremos os nosos proxectos ao mar como espazo de lecer .

Na última semana de cada trimestre, ou cando cada titoría ou especialista considere, farase unha posta en común dos proxectos.


4. Calendario do Libro e da lectura

- Outubro: Mes da Biblioteca Escolar

- Novembro: Mes da Ciencia en galego

- Febreiro-Marzo: Día de Rosalía, Mes da Poesía

- Abril, mes dos libros

- Maio: Letras galegas *


5. Celebracións

- Día escolar pola Paz

- Día da Muller **


* En colaboración co Equipo de Dinamización Lingüística

** En colaboración co Equipo de Actividades extraescolares