Contos da Galicia romana


Fernando Lillo Redonet, Contos da Galicia romana: un novo xeito de coñecer a romanización de Galicia, Noia, Toxosoutos, 2000, 71 pp.

"Contos da Galicia romana propón un novo xeito de coñecer a romanización da nosa terra. A través de contos ficticios, pero baseados sempre nas fontes históricas, literarias e arqueolóxicas, aprendemos os principais aspectos da conquista e da romanización de Galicia. Nestes contos seguimos a Teucro no seu regreso dende Troia ata a ría de Pontevedra, introducímonos no castro de Santa Tegra da man dun lexionario romano, acompañamos a Xulio César na sua expedición contra os herminios, asistimos á traxica sorte dos guerreiros do monte Medulio, visitamos a cidade de Lugo no tempo dos romanos e contemplamos a enxeñería romana para a extracción do ouro nas minas das Médulas".

Estes contos van seguidos de actividades que os fan apropiados para o seu uso na materia de Cultura Clásica, Latín ou Grego. O seu autor, Fernando Lillo Redonet, emprega un sistema que xa experimentou con éxito noutras das súas obras como Un salmantino en Roma, Noches romanas, Un salmantino en Mérida ou Un salmantino en Segóbriga. O sistema consiste en dar vida á Antigüidade clásica a través de curtos relatos ficticios que sempre teñen un fondo histórico debidamente comprobado polas diversas fontes históricas. Neste caso, por medio de relatos ficticios postos en boca de personaxes que realmente existiron o alumnado toma contacto dun xeito sinxelo cos principais feitos da romanización de Galicia.

No primeiro conto titulado Os gregos na Gallaecia: a odisea de Teucro ofrécese un relato ó estilo da épica homérica referindo a extraordinaria aventura de Teucro dende a toma da cidade de Troia ata a súa chegada a Helenes, que hoxe é Pontevedra. Despois da lectura o alumnado ten una serie de actividades de comprensión do texto que ven de ler e de profundización no tema da colonización grega da nosa terra.

O segundo conto, De cando os romanos chegaron a Gallaecia, presenta o relato da expedición de Décimo Xunio Bruto centrándose no contacto dos romanos cos habitantes dos castros dos que se describen os seus costumes e vivendas. Neste conto, Décimo Xunio visita o castro de Santa Trega, que por mor dos trasnos da imprenta, queda en dúas ocasións escrito como "Santa Prega??" o que é un erro moi de lamentar aínda que non estropea a orixinalidade do relato do lexionario romano. Os exercicios correspondentes dan importancia ó feito da conquista e ó contacto entre as dúas culturas.

Tamén relacionado coa conquista está o conto terceiro, A guerra de Gallecia de Xulio César, que mostra un achegamento á figura do xeneral romano e ós motivos da súa expedición ás terras do norte e ás míticas illas Cassitérides.

O cuarto conto titulado A traxedia do Medulio remata a serie dedicada á conquista coa heroica resistencia dos guerreiros cántabros, ástures e galaicos neste monte de dubidosa ubicación. Aquí o relato está posto en boca dun espía romano que infiltrado entre os indíxenas é testigo do tráxico final destes.

Os dous últimos contos están relacionados xa co proceso de romanización. En Lugo: unha Roma en pequeño asistimos á descrición de Lucus Augusti con todos os adiantos que tiña unha cidade romana e que atraían ós indíxenas á órbita de Roma. Nas actividades tomamos contacto coas vivendas, as rúas e as termas romanas, elementos todos que fixeron aumentar a calidade de vida dos indíxenas.

No último conto, Unha viaxe ás minas de ouro das Médulas, asistimos á viaxe dun personaxe real de Lucus Augusti que transita polas vías romanas ata As Médulas describindo con todo detalle o funcionamento desta explotación mineira. As actividades axudan á comprensión de todo o que relata o protagonista.

A obra contén tamén unha breve cronoloxía e unha bibliografía básica. Para finalizar, penso que debo resaltar a novidade destes contos que dun xeito ameno nos achegan ás raíces da nosa historia e non dubido que o alumnado pode aprender disfrutando, tanto se se utilizan como lectura na casa e posterior comentario na aula, como se se traballa directamente con eles lendo o conto en voz alta na clase. O profesorado ten, en resumo, un material adecuado e orixinal que pode completarse coas explicacións que se consideren oportunas e con diversos medios audiovisuais como diapositivas e vídeos.