O grupo folc "Lenda Ártabra" naceu na cidade de Ferrol a finais do ano 2013.
Músicos que chegaban doutras formacións decidiron iniciar un novo proxecto que marcara a diferenza coas outras bandas da cidade.
Un coidado especial na composición e na recollida das letras das cancións, unhas liñas melódicas marcadas polos sons tradicionais e unha mestura de estilos fan que o repertorio musical de Lenda Ártabra nos inicie nunha viaxe dende o eiro tradicional ata os novos ritmos.

Ao longo destos anos o traballo de composición e tamén de recollida foi a base fundamental.
Cun obxectivo claro, que era o comezo dunha carreira discográfica que servise como carta de presentación para dar a coñecer o traballo feito nos concertos en directo.
Moitos foron os lugares que contaron coa participación de Lenda Ártabra na súa programación cultural.
Festivais compartidos con grandes figuras do folc galego coma Sés, Óscar Ibáñez, Budiño ou Andrés Penabad entre outros, confirman a calidade do espectáculo e a posta en escena do grupo.
O proxecto musical de Lenda Ártabra non se limita ao territorio galego. Concertos celebrados noutras cidades coma Oviedo ou Burgos fan que a cultura galega pasee por outros lares alén de Galicia.