Casa de Moldes

Notas sobre a familia de Antón Losada Diéguez
 

Frutos Fernández González

(Ágora do Orcellón, nº 12, Agosto 2006, pp. 33-40)

 

 

Pasan os homes e a terra queda,

e na terra o rastro dos traballos,

das bagoas.., das ledicias

dos que viviron antes ca nós.

Antón Losada Diéguez

 

            En case tódolos traballos sobre a obra de Antón Losada Diéguez se menciona a súa orixe fidalga, pero son poucos os que afondan na verdadeira xenealoxía da familia dos seus antepasados dunha forma completa. É certo que nos Estudios Preliminares que preceden á súa Obra Completa[1], sobre todo no fermoso traballo asinado polo seu fillo Luis Losada Espinosa, aparecen abondosos datos sobre a súa familia. Seguramente resultan máis que suficientes para a maioría dos lectores; sen embargo para nós, fillos daquela antiga terra de Castela que agrupaba boa parte das actuais terras do Ribeiro e do Carballiño, a familia de Losada Diéguez non é a familia dun dos pais do galeguismo sen máis; é, por encima de todo, a familia dun antigo conveciño ilustre, e como tal precisamos coñecela máis en detalle. Contribuír en algo a ese coñecemento foi a idea que me impulsou á publicación deste traballo. A idea de realizalo naceu antes, xa fai algúns anos, cando estudiaba a relación familiar que había entre Frei Veremundo Diéguez Arias, benedictino refundador do mosteiro de San Clodio na penúltima década do século XIX, e Antón Losada Diéguez. As numerosas relacións da súa familia con outras casas grandes da comarca -a de Cabanelas, a de Xoane, a de Laxas ou a de Eiras-  e o grupo de destacados persoeiros da nosa historia que figuran entre os seus devanceiros acabaron por convencerme de que esta investigación podía ter algún interese.  Será vostede, estimado lector, quen xulgue se estaba no certo.
 

A familia de Losada Diéguez na Ramallosa en 1898

(segundo pola dereita)

 

Os tres traballos máis importantes, a sumar ó xa citado de Luís Losada, referidos á xenealoxía desta familia, refírense a ela dunha forma indirecta. Coñecinos coa investigación avanzada e son os publicados por Carlos de la Peña Vidal: un sobre a familia de Frei Anselmo de la Peña[2], asinado tamén polo finado profesor e investigador de Cabanelas Jaime Ferreiro Alemparte, outro sobre a familia dos Arias Teixeiro[3] e outro sobre os Tizón[4]. Nin que dicir ten que os tres me resultaron de grande axuda.

 

A familia materna

 

            A familia que sempre aparece en primeiro lugar ó falar dos antepasados de Losada Diéguez é a dos Arias Teixeiro da Casa de Fondo de Vila de Cabanelas. Concretamente, sempre se cita a Frei Anselmo de la Peña,  que chegou a ser bispo no reino de Nápoles, e a Frei Veremundo Arias Teixeiro, que foi bispo de Pamplona e Arcebispo de Valencia.

 

Monseñor Anselmo de la Peña (1645?-1729)

 

            Para entender a relación entre Frei Anselmo de la Peña e Antón Losada Diéguez, temos que remontarnos á primeira metade do século XVII. Eran  donos da casa grande de Fondo de Vila de Cabanelas o matrimonio formado por D. Barlolomé de la Peña e María da Costa, que casaran entre os anos 1633 e 1634[5]. Foron fillos deste matrimonio:

 

1.             Isabel de la Peña, monxa en Belvís.

2.             Pedro de la Peña, colexial de Fonseca en 1673, abade de San Xoán de Barrán (Piñor de Cea) entre os anos 1688 e 1700, e logo de Santa María do Campo (Irixo), ata o ano 1730 que finou. Jacinto de la Peña, nado en 1637, foi abade de San Xoán de Laxas e finou no ano 1674.

3.             Bartolomé, que naceu no ano 1644 ou no 1645[6], e sería o futuro Frei Anselmo de la Peña[7].

4.             Por último, Leonardo de la Peña que foi o único que casou e seguiu a liña da casa.

 

O citado  Bartolomé, seguramente Bartolomé Francisco, profesaría no mosteiro de Samos como Frei Anselmo de la Peña e sería un dos benedictinos máis destacados do século XVII[8]. Foi abade de Samos no cuatrienio 1689-1693[9] e máis tarde sería elevado a Xeneral da Congregación Benedictina de Castela. Destinado ó reino de Nápoles, foi ordenado bispo o 15 de outubro de 1719 e, entre ese ano e o de 1723, estivo á fronte da diócese de Cotrone (Reggio Calabria).  Logo, sería destinado á diocese de Agrigento (Sicilia), onde permanecería ata o seu pasamento, no ano 1729[10].

 

            A liña da Casa de Cabanelas seguiuna, tal como queda dito, D. Leonardo de la Peña. D. Leonardo casou con Dª Benita de Soto y Nóvoa e o matrimonio tivo tres fillos:

 

1.             Benita Feliciana (1679-1732), que foi monxa en Ferreira de Pantón.

2.             Bartolomé de la Peña (1681-?), que foi capitán da Compañía de Granaderos del Regimiento de Palencia e seguiu a liña dos De la Peña.

3.             Petronila de la Peña (1689-1728), que casou con D. Pedro Arias Teixeiro en 1704.

 

D. Pedro, o home de Dª Petronila, avogado da Real Audiencia, levaba o nome do seu pai, D. Pedro Arias Teixeiro (1630-1703), alcumado O Vello, quen chegara  a estas terras no ano 1675 para exercer de xuíz da xurisdicción de Orcellón, establecéndose en Brués. Este D. Pedro, “O Vello”, era fillo de D. Bernardo Arias Teixeiro e neto de D. Arias, conde de Monterroso, e Dª Maria Teixeiro do Castelo. D. Arias e Dª María foran os señores da casa de Recemil, na freguesía de San Martiño de Pontomillo, cerca de Lugo. Foi así cómo chegou a liñaxe luguesa dos Arias Teixeiro a Cabanelas, a principios do século XVIII.

 

            O matrimonio de D. Pedro e Dª Petronila tivo, entre outros fillos, a D. Anselmo Arias Teixeiro, que seguiu a liña de Cabanelas, e a D. Antonio Arias Teixeiro y Ulloa (1709-1762). D. Antonio foi un destacado colexial de San Jerónimo que ampliou estudios en Santiago e Salamanca. Graduouse en 1748 como Licenciado e Doutor en Teoloxía pola Universidade de Ávila e en 1754 como Licenciado e Doutor en Matemáticas. Desempeñou varios cargos de importancia, entre eles o de Rector do Colexio de San Clemente de Pasantes, Revisor de Libros prohibidos polo Santo Oficio, Consiliario da Universidade e primeiro Catedrático de Matemáticas da mesma. Faleceu cando era abade da freguesía de Santa María de Vilar de Órdelles, no actual concello de Esgos, no ano 1762.

 

            D. Anselmo Arias Teixeiro(1707-?), avogado coma seu pai, contraeu matrimonio coa súa curmá Dª Catalina Rodríguez de Nóvoa, filla de D. Juan Rodríguez de Nóvoa, escribán en Cameixa, e Dª Rosa Carreiro de la Peña, veciños da mesma freguesía de Banga. Deste matrimonio nacería un primeiro fillo, Raimundo, que sería o herdeiro do vínculo de Cabanelas. Logo, no ano 1741,  nacería o segundo, ó que puxeron por nome Benito Antonio, quen, co tempo, sería Frei Veremundo Arias Teixeiro[11]. Logo virían Antonio, Gertrudís e José Antonio.

 

Monseñor Veremundo Arias Teixeiro (1741-1824).

 

            Benito Antonio tomou o hábito benedictino no mosteiro de San Juan de Corias, en Asturias, e converteuse en Frei Veremundo Arias Teixeiro. Cursou estudios en Santiago, Valladolid e Salamanca. En 1781 recibiu, na Universidade de Irache (Navarra), os grados de licenciado e doutor nas facultades de Artes,  Teoloxía e Cánones. En 1782 incorporou os títulos de licenciado e doutor en Teoloxía na Universidade de Salamanca. Nesta Universidade de Salamanca graduouse como Dr. en Teoloxía e rexentou a cátedra de Vésperas a partir do ano 1786. En 1794 pasou á de Prima e en 1801 xubilouse por vontade propia. Ó deixa-la docencia foi elixido abade do mosteiro de San Vicente de Salamanca. En 1803, o rei Carlos IV ofreceulle a mitra de Pamplona e, anque nun principio se resistiu ó nomeamento, rematou aceptando. Era bispo de Pamplona cando as tropas de Napoleón tomaron a cidade en febreiro de 1808. A súa actitude combativa fronte ós franceses obrigouno a retirarse da cidade; primeiro ó lugar de Ibero e logo ó val de Guesálaz. A súa rebeldía fixo a situación insostible e, finalmente, tivo que fuxir disfrazado –“para no prostituírse obedeciendo las órdenes del más abominable de los tiranos”, segundo as súas propias verbas-, primeiro a Jaca, logo a Lérida e finalmente a Mallorca. Tan forte coma a súa resistencia fronte ós franceses sería a súa loita  contra as Cortes de Cádiz e os liberais. Saíu elixido deputado por Ourense para as cortes xerais extraordinarias de Cádiz e, anque nunca asistiu, formou parte do grupo de oito bispos exiliados en Mallorca que pediron ás cortes que permitisen o libre exercicio ó Tribunal da Inquisición para rematar coa ola de antirrelixiosidade que desatara a promulgación da liberdade  de imprenta. Os mesmos bispos foron os que publicaron, en 1813, unha célebre Instrucción Pastoral na que denunciaban todo o labor antirrelixioso das Cortes de Cádiz. En 1813 resultaría elixido de novo deputado, agora por Navarra. Chegou a Madrid en novembro dese mesmo ano, e nas Cortes, “fue el paladín de los derechos de la Iglesia y el rey”[12], impugnando con audacia e enerxía o decreto de 2 de febreiro de 1814, que trataba de impoñer a Fernando VII o xuramento da Constitución antes de inicia-lo goberno. Trala entrada en Madrid de Fernando VII, disolvéronse as Cortes en maio de 1814 e comezou a persecución dos liberais. Frei Veremundo, a pesar de ser consultado polo goberno sobre os máis caracterizados, sempre se escusou para non denunciar persoalmente a ninguén[13]. Regresou a Pamplona pero ó pouco tempo foi nomeado Arcebispo de Valencia, onde tomou posesión en abril de 1815. En 1816 recibiría do monarca a Gran Cruz  de Carlos III. Desde Valencia seguiu  na defensa dos valores tradicionais e cando chegou o trienio liberal volveu á carga contra as ideas liberais. Por unha instrucción pastoral relativa ó carácter antirrelixioso das disposicións do parlamento relativas á supresión dos mosteiros foi encarcerado e logo desterrado a Francia; esto sucedía a finais do ano 1820. Volveu co remate do trienio e finou en Valencia no mes de febreiro de 1824.

 

            D. Raimundo Arias Teixeiro (1739-1804), o irmán maior de Frei Veremundo, casou con Dª Micaela de Castro Ulloa Ozores de Sotomaior[14] e seguiu a liña da casa de Cabanelas. Entre os fillos deste matrimonio estiveron D. Antonio (1771-1823), Dª Mª Carmen (1775-1857) e D. Manuel Ramón Arias Teixeiro de Castro (1780-1863).

 

 

D. Antonio Arias Teixeiro y Castro(1771-1823) e o seu fillo D. José Arias Teixeiro y Correa(1799-1867).

 

            D. Antonio naceu na freguesía de S. Tomé de Piñeiro, dentro do actual concello de Marín, e casou en 1796 con Dª Mª del Carmen Correa e Castroviejo, dona da casa das Pías da Ramallosa e herdeira do seu vínculo pola rama dos Correa. O matrimonio, que tivo nove fillos, tamén tiña casa en Pontevedra, onde hoxe chaman rúa da Irmá Lucía. Por esta cidade, D. Antonio Arias Teixeiro, foi rexedor e deputado, e logo sería desterrado por absolutista. Unha filla de D. Antonio, Ramona Arias Teixeiro y Correa, sería a avoa materna de Antón Losada Diéguez. Un fillo, D. José Arias Teixeiro y Correa, foi tamén destacado realista e Oidor da Audiencia de Galicia. Á morte de Fernando VII, por ser partidario de D. Carlos, cesou nos seus cargos. Loitou coas tropas carlistas e chegou a se-lo Ministro Universal do pretendente ó trono. Caeu en desgracia cando Maroto foi nomeado Xefe do Estado Maior do Exército Carlista. D. Carlos, obrigado polas circunstancias, firmou a orde de desterro de varias personalidades carlistas, entre elas estaba D.  José Arias Teixeiro. Pasou a Francia en 1840 e alí permaneceu vintecatro anos; nese tempo, dedicouse ós estudios de arqueoloxía, ciencias naturais e, sobre todo, entomoloxía. Estes estudios valéronlle para ser coñecido e respectado entre a intelectualidade francesa. Finou na casa da Ramallosa no ano 1867.

 

Monseñor Manuel Ramón Arias Teixeiro (1780-1863).

 

D. Manuel Ramón Arias Teixeiro, que naceu na casa de Cabanelas no ano 1780, seguiu a carreira eclesiástica de seu tío Frei Veremundo. Estudiou teoloxía en Salamanca e licenciouse en Santiago no ano 1805. Pronto centrou a súa carreira en se-lo colaborador fiel do tío, que o nomeou Secretario de Cámara e Prior de Velate (Navarra) o mesmo ano no que se ordenou sacerdote. Cando Frei Veremundo tivo que abandonar Pamplona, Manuel Ramón abandonou casa e rendas e seguiuno no desterro. En Valencia  serviuno coa mesma fidelidade desde a súa dignidade de arcediago en Alcira (Valencia). Foi promulgado bispo de Santander por Pío IX en 1848. Despois de 22 anos de episcopado presentou a demisión, que lle foi aceptada. Retirouse no ano 1861 ó convento de Nosa Señora das Caldas (Cantabria) e alí finou no ano 1873.

 

Dª Mª Carmen Arias Teixeiro (1775-1857): Os Arias chegan a Moldes.

 

            Sería a través de Dª Mª Carmen Arias Teixeiro como o apelido dos Arias de Cabanelas entraría na casa de Moldes. Antes, os Diéguez da casa de Xoane, na freguesía de San Xiao de Astureses, eclipsaran ó apelido Tizón, o orixinal do Pazo de Moldes[15]. Dª Mª Carmen  Arias Teixeiro casou con D. Joseph  Mª de las Hermitas Pedro Francisco Antonio Diéguez Tizón (1764-1814), da Casa de Moldes.  D. Joseph Mª era fillo lexítimo de D. Andrés Diéguez, avogado da Real Audiencia, e de Dª Antonia Tizón, que casaran no ano 1760 en Moldes. A herdanza de Moldes viña pola liña dos pais de Dª Antonia, D. Pedro Tizón y Cea  e Dª Catalina Salgado.
 

Pazo dos Tizón de Moldes. A casa natal de Losada Diéguez.

 

            D. Pedro Tizón era o dono da Casa de Moldes na época do Catastro de Ensenada. A casa con su alto capilla y bodega tiña 12 x 11 varas e unha peza contigua, del Palomar, de vinteoito cavaduras de viña, dúas cavaduras de parra e catro ferrados de horta. Pagaba renda de catro moios de viño ó Mosteiro de San Paio de Santiago.

 

            D. Joseph Mª e Dª Mª Carmen tiveron unha nutrida descendencia. Entre as mulleres citamos a María Josefa (1793-1850), que foi freira benedictina en San Paio de Antealtares, igual cá súa irmá Angela (1800-1875), que foi abadesa do mesmo convento entre os anos 1867 e 1875. Javiera (1801-?) profesou no convento da Enseñanza de Santiago. Entre os homes, interésannos sobre todo Benito María Ramón e Ramón Andrés María.

 

            Benito María Ramón Diéguez Arias (1806-1888) foi benedictino coma os seus ilustres antepasados. Tomou o hábito como Frei Veremundo Diéguez Arias en San Juan de Corias e alí estaba cando sucedeu a Desamortización de Mendizabal. Tras máis de corenta anos de exclaustración, propúxose a refundación do antigo mosteiro cisterciense de San Clodio como mosteiro benedictino. Anque finou no ano 1888, antes de ver rematada a súa obra, os seus esforzos non foron vans e San Clodio sería un dos primeiros mosteiros refundados polos benedictinos[16].

 

            D. Ramón Andrés María Diéguez Arias (1805-?) seguiu a liña da casa de Moldes e casou en 1850 coa súa curmá Dª Ramona Arias Correa e Teixeiro, a xa citada filla de D. Antonio Arias Teixeiro, unindo así a liña da Ramallosa e Pontevedra á Casa de Moldes.  Serían os avós maternos de Losada Diéguez.

 

 

Dª Carmen Diéguez Arias y Correa (1850-1888), a nai de Losada Diéguez.

 

            A nai de Losada Diéguez, Dª Carmen Diéguez Arias y Correa, filla de D. Ramón e Dª Ramona, naceu en Moldes no ano 1850. Foi a primeira de catro irmáns; despois virían Manuel Ramón (1851-1928), Filomena (1853-1923) e Rafael (?). De nena, Dª Carmen, segundo as memorias que deixou escritas o seu home, comezou a mostrar un xenio e una intelixencia precoz, polo que seus pais a internaron nun colexio de Ourense ós cinco anos. Gustáballe moito a literatura, era sentimental, romántica e artista. Casou en agosto de 1883 con D. Miguel Losada y Losada  da veciña freguesía de San Xoan de Laxas.  O 22 de decembro de 1884 naceu Antón Losada Diéguez; bautizárono  ese mesmo día na igrexa parroquial de Moldes e foi o seu padriño  D. Manuel Diéguez Arias, irmau da súa nai e daquela dono do Pazo de Eiroas (Canedo) e coñecido dirixente carlista de Ourense. En 1886, o mesmo ano que o pai superaba as oposicións de notarías, nacía o seu irmau José. Todo pintaba de cara para a familia Losada Diéguez, pero, de súbito, a negra sombra da enfermidade trouxo a desgracia á xove familia. A tuberculose rematou coa vida de Dª Carmen en 1888; Antón tiña a penas catro anos. O seu irmau José tamén falecía de meninxite no ano 1891.
 

Losada Diéguez co seu fillo Antonio

 

A familia paterna

 

            Se liñaxuda foi a familia materna de Losada Diéguez, non o foi menos a paterna dos Losada, ligados á casa grande de Laxas desde finais do século XVII e emparentados coa familia do Marqués de Bóveda de Limia.

 

Os Losada da Casa de Laxas

 

            As armas dos Losada aínda poden observarse sobre a portada da vella casa de Laxas. As raíces da familia parece que están no matrimonio  de D. Alonso Losada y Prado e Dª Josefa Enríquez, veciños da casa de San Estevo da Chousa en Chantada. D. Esteban Losada, fillo deste matrimonio, casou en Laxas con Dª Rosa Gómez Varela de Seijas. Dª Rosa era filla de D. Juan Varela de Seijas e Dª Magdalena Rodríguez de Rivera, natural de Laxas. Un fillo de D. Esteban, D. Juan Mateo, foi coengo da Catedral de Santiago. A liña da casa de Laxas seguiuna outro fillo, D. Joaquín Francisco Losada y Varela, rexedor e alcalde de Santiago, señor do coto de Sergude, en Santa María de Villaquinte, e dono das casas de Herbedeiro, Vilanova, Laxas e outras. Casou con Dª Mª Antonia de Vivero e era o dono da casa de Laxas na época do Catastro de Ensenada. A casa figura no Catastro[17] como casa de alto de 12 x 10 varas e cunha peza de viña contigua de once cabaduras, bens polos que pagaba foro ós Condes de Ribadavia

                                                                                       

Logo herdaría a casa de Laxas un fillo de D. Joaquín Francisco, D. Joaquín Losada y Vivero, militar da Real Armada. Máis tarde foi un neto, D. Francisco Xavier Losada y Vivero, rexedor perpetuo da cidade de Santiago e dono da casa de Laxas a principios do século XIX. 

 

A relación co Marqués de Bóveda de Limia

 

O marquesado de Bóveda de Limia é un título que foi concedido por Felipe V, no ano 1701, a D. Juan Nicolas Espinosa y Feijóo, Cabaleiro da Orde de Santiago. D. Juan; veciño de Ourense, e fillo de D. Nuño de Espinosa, rexedor perpetuo de Ourense, e Dª Ana Feijóo; era dono da casa de Bóveda de Limia, herdanza da súa nai, que lle daba nome ó título. Estaba casado con Dª Isabel Melchora Berbetoros Montenegro.  Unha filla deste matrimonio, Mónica Teresa Espinosa Berbetoros, casou con D. José Antonio Mosquera Pimentel, dono da Casa de S. Martiño de Galegos ( no actual concello de Ordes); eles foron os segundos marqueses de Bóveda de Límia.  Fillo deste matrimonio foi D. Benito Pimentel y Espinosa, o seguinte marqués de Bóveda, que exerceu como tal nos anos finais do século XVIII. D. Benito solicitaba información de nobleza no ano 1754 para ingresar no Real Seminario de Nobles de Madrid; entre as testemuñas figuraba D. Juan Francisco de Prado Ulloa, coengo de Santiago e oriundo da Casa Grande de Riobóo.

 

A relación dos Losada co marquesado de Bóveda parte do matrimonio de Dª María Josefa Pimentel Espinosa, filla de D Benito Pimentel y Espinosa e de Dª Francisca Luísa de Lemos y Puga, co mentado D. Francisco Xavier Losada y  Vivero. Un fillo deste matrimonio, Joaquín, sería o avó paterno de Losada Diéguez.

 

D. Joaquín Losada Pimentel (1804-1879)

 

 D. Joaquín Losada Pimentel de Vivero Espinosa y Lemos de Puga, naceu en Santiago no ano 1804; bautizárono na parroquia de Santa María Salomé co nome de Joaquín María Domingo Eustaquio Josef Benito Francisco Xavier Vicente Ramón y Juan Nepomuceno. Recibiu unha gran formación: doutor en Xurisprudencia, Cánones e Teoloxía e licenciado en Ciencias. Foi colexial e rector do Colexio Maior de Fonseca, desempeñou algunha cátedra na Universidade Compostelana e no Instituto de Ourense, por oposición, a de Matemáticas. Casou con Dª Joaquina Losada Segade de Santiago e o matrimonio tivo oito fillos, o maior, Miguel Losada Losada, sería o pai de Antón Losada Diéguez. En 1859 D. Joaquín era alcalde Constitucional de Santiago e Marqúes de Bóveda.  Tamén foi carlista destacado e convencido; participou na primeira guerra carlista con diferentes responsabilidades, entre elas auditor xeral do Estado Maior do Exército do Norte. Trala contenda estivo exiliado en Francia e cando estaba retirado en Laxas, segundo conta Álvaro das Casas nun artigo publicado no Pueblo Gallego[18] no ano 1935, o son das bombas que anunciaban e festexaban o fin da última guerra carlista, en 1876, produciulle tan grande desgusto que desde aquela quedou xordo. Parece ser que mandou enterrar a documentación carlista que gardaba nos montes de Pena Corneira. Finou na súa casa de Laxas no ano 1879.

 

D. Miguel Losada Losada(1860-1913), o pai de Losada Diéguez.

 

            O pai de Losada Diéguez, D. Miguel Losada Losada, naceu en Laxas no ano 1860. Estudiou o bacharelato en Ourense e a carreira de leis en Santiago e Valladolid. Nesta última universidade licenciouse no ano 1882. En 1886 opositou con éxito a notarias e en xaneiro de 1887 tomou posesión da praza da Estrada na que permaneceu ata 1913, ano no que finou.

 

            D. Miguel, que tamén participou das ideas carlistas do seu pai, desenvolveu unha intensa actividade intelectual. Esa actividade plasmouse sobre todo nas páxinas de El Estradense. Neste xornal hai abundantes artigos da súa autoría. Tamén cultivou a poesía e o ensaio teatral, ademais de deixar abondosos traballos, a maior parte inéditos, sobre temas históricos e xurídicos. 

 

A familia política de Losada Diéguez: Os Espinosa Valladares de Vilaencosta.

 

            Se sempre se cita a raíz carlista, católica e tradicionalista da familia de Losada Dieguez, está menos estudiada a influencia que puido ter a familia política na súa obra. O certo é que os primeiros traballos publicados en galego por Antón Losada e todos os de temática rexionalista e nacionalista son posteriores á súa voda. Cando, en 1917, Losada Dieguez publicaba o seu primeiro artigo en galego[19], “O noso rexionalismo”, no Tío Marcos d´a Portela, xa non era un novato da pluma, levaba máis dunha década escribindo con certa regularidade sobre os sindicatos católicos, o tradicionalismo ou o xaimismo; e sempre en castelán. Neste cambio tal vez tivo algo que ver a súa familia política.

 

Como é ben coñecido, Antón Losada Diéguez casou no ano 1915 con Albina Espinosa Cervela. Esta faleceu en decembro do 1916 a causa dun tifús que a punto estivo de custarlle a vida ó propio Antón. En 1920 casaría de segundas nupcias con Mercedes Espinosa Cervela, irmá da súa primeira muller. Albina e Mercedes eran fillas de D. Laurentino Espinosa Valladares e de Concha Cervela. D. Laurentino, fillo de D. Bernardo Espinosa e Dª Luisa Valladares, era curmán de D. Miguel Losada, o pai de Antón, polos Espinosa. Polo tanto Antón Losada Diéguez era curmán segundo de Albina e Mercedes.

 

            Os Espinosa Valladares, ligados á casa de Vilaencosta na freguesía de San Vicente de Berres (A Estrada), coincidían coa familia de Losada Dieguez na súa fonda relixiosidade pero tamén tiñan unha seiva poética e galeguista, que recibían pola rama dos Valladares.  A nai de D. Laurentino era irmá de D. Marcial Valladares e de Dª Avelina Valladares. D. Marcial Valladares (1821-1903), “O señor de Vilaencosta”, ademais de destacar polos altos cargos públicos que ocupou, foi notable poeta en galego, folklorista e lexicógrafo. Neste último campo está a súa maior contribución á cultura galega, o seu Diccionario Gallego-Castellano[20]. Dª Avelina Valladares (1825-1902), a madriña de Laurentino, tamén cultivou a poesía, centrada no canto da terra do Ulla, o seu chan nativo. O propio sogro de Antón Losada, avogado na Estrada onde tamén fora alcalde, tiña entre as súas ocupacións favoritas a composición de versos para todo tipo de acontecementos familiares.

 

 

 

 

FONTES:

 

Arquivo Histórico Provincial de Ourense.  Catastro de Ensenada.. Real Legos de Laxas e de Moldes.

Arquivo Histórico Provincial de Ourense. Protocolos notariais dos escribáns Alonso Romero e Otero Carrasco da antiga xurisdicción de Pazos de Arenteiro e do escribán Carballal y Ulloa da antiga xurisdicción de Castro Cabadoso.

Arquivo Histórico Diocesano de Ourense. Libros Sacramentais de S. Xoan de Laxas, S. Mamed de Moldes e S. Xiao de Astureses.

Arquivo Diocesano de Santiago. Libros Sacramentais de Santa María Salomé.

Arquivo do Museo de Pontevedra. Fondo da familia Arias Teixeiro.

Arquivo Reino de Galicia. Diversos documentos relacionados co Marqués de Bóveda de Limia.

 

BIBLIOGRAFÍA:

 

ARIAS CUENLLAS, Maximino. Historia del Monasterio de San Julián de Samos. Samos, 1992.

CRESPO DEL POZO, José Santiago. Blasones y Linajes de Galicia. Santiago 1957.

EIJÁN, Samuel. Historia de Ribadavia y sus alrededores. Madrid, 1920.

GOÑI GAZTAMBIDE, Jose. Historia de los Obispos de Pamplona. Tomo IX.  Ed. Eunsa. Pamplona, 1991.

LOSADA DIÉGUEZ, OBRA COMPLETA.  Edición de Justo G. Beramendi. Xerais Universitaria, 1985.

PÉREZ CONSTANTI, Pablo. Linajes Galicianos. Edición completa de Eduardo Pardo de Guevara y Valdés. Ed. Aras Solís e Consorcio de Santiago.

RIVERA  RODRÍGUEZ, Mª Teresa. Pazos Orensanos. Ourense, 1981.

 

 

 

 

 



[1] LOSADA DIÉGUEZ A. “Obra Completa”. Ed. de Justo  G. Beramendi. Xerais 1985.

[2] DE LA PEÑA VIDAL C.  e FERREIRO ALEMPARTE J. “La familia del obispo Fray Anselmo de la Peña, O.S.B.”. El Museo de Pontevedra LVI, 2002.

[3] DE LA PEÑA VIDAL C. “ A familia Arias Teixeiro”. Boletín de Estudios de Genealogía Heráldica y Nobiliaria de Galicia. nº1, 2002.

[4] DE LA PEÑA VIDAL C. “Os Tizón de Moldes e de Eiras”. Boletín de Estudios de Genealogía Heráldica y Nobiliaria de Galicia. nº4, 2005.

[5] DE LA PEÑA C., FERREIRO J. “La familia del obispo Fray Anselmo de la Peña, O.S.B......

[6] Eiján, que seguramente tomou o dato de día e mes de Benito Fdez Alonso, di que naceu o 1 de xuño de 1644, mentres un documento citado por De la Peña e Ferreiro transcribe a partida de bautismo dun Bartolomé de la Peña, de data 13-4-1645.

[7] Os monxes ó profesar mudan o nome de pila. Anselmo e Veremundo son nomes habituais entre os benedictinos, ó igual que Mauro ou Plácido, pois corresponden co nome de Santos de grande influencia na Orde Benedictina.

[8] Aínda que non hai unha confirmación documental completa destes datos, non cabe dúbida de que o traballo de DE LA PEÑA e FERREIRO é o máis documentado ó respecto e as súas hipóteses parecen máis que probables.

[9] Como abade de Samos diulle a cogulla ó P. Feijoo, segundo se informa no propio Teatro Crítico Universal, a obra cume do eminente polígrafo de Casdemiro.

[10] No número 11 desta mesma revista, correspondente ó mes de febreiro do 2006,  aparece un novo traballo sobre Frei Anselmo de la Peña, obra de D. Estanilao Fernández de la Cigoña e Núñez, que aporta interesantes datos sobre a vida deste eminente benedictino.

[11] En CRESPO DEL POZO, px. 114, apúntase erróneamente que Fr. Veremundo era irmau de D. Anselmo Arias Teixeiro.

[12] GOÑÍ GAZTAMBIDE, citando a Isidoro de Villapadierna, p. 201.

[13] GOÑI GAZTAMBIDE J. px. 89.

[14] Era dona da Casa de Guimerans en San Tome de Piñeiro (Concello de Marín) e patrona dunha capilla na igrexa de San Andrés de Hio.

[15] Na cronoloxía de Losada Dieguez, incluída nas Obras Completas (Ed. Xerais), px. 19, asegúrase que a casa que fora dos Tizón pasou logo á xinea dos Arias e desta á dos Diéguez. Como vamos a ver foi xustamente ó revés.

[16] FERNÁNDEZ GONZÁLEZ F. “ O mosteiro de San Clodio. Da desamortización á refundación benedictina.”. Actas do IV Congreso “O Home e o Medio”. O Carballiño 2004. (No prelo).

[17] A.H.P.O. Catastro de Ensenada. Real Legos de S. Juan de Laxas. L117.

[18] El Pueblo Gallego. 24-IX-1935. “En el Ribeiro hay casas que tienen cierta historia. El pazo de Moldes”. Alvaro das Casas.

[19] O TIO MARCOS DA PORTELA, 3ª Época, nº 20, 7-12-1917.

[20] VALLADARES, Marcial. Diccionario Gallego Castellano. Imprenta Seminario Conciliar Central. Santiago, 1884.

Comments