O V Festival..

Dende Hércules estamos moi contentos de poder presentar o "V Festival Hércules Brass Celanova".

Tras a experiencia e os éxitos obtidos nas nosas anteriores edicións, seguimos traballando para facer deste encontro musical todo un referente para os músicos de vento metal.

Dende o 30 de xullo ao 3 de agosto de 2018 queremos que respires connosco música, ilusión e entusiasmo, que goces de novos concertos e, como non, que aprendas e compartas experiencias únicas da man dos mellores profesores de trompeta, trombón, trompa e tuba.

Para isto, seguimos organizamos clases maxistrais con profesores cos que nos sentimos moi identificados polo seu estilo de tocar e ensinar, explotando ao máximo a nosa conexión coa Orquestra da Academia Nacional Santa Cecilia de Roma (Italia), contando este ano, ademais de Andrea Conti, con Fabio Frapparelli e Alfonso González Barquín, que será a partir deste outono o novo solista de trompeta. Como complemento, temos a sorte de contar con profesores da talla de José Redondo, Estefanía Beceiro, Iván Crespo, e os moi queridos Jon Etterbeek e Roberto Bodí. 

Convidamos importantes grupos como Spanish Brass, todo un referente mundial nos quintetos de metais que conta cunha longa traxectoria e os alacantinos Thinking Brass que, tras aterrar desde Suíza, actuarán por primeira vez en Galicia. 

Así mesmo, hai que engadir o concerto no órgano de San Salvador con Fernando Buide, o concerto de Galicia Brass Band, unha agrupación creada nas rías baixas e formada por mozos músicos de vento metal. 

Unha vez máis, tendo en conta o agarimo e a estíma á Banda de Música de Celanova, organizamos unha bonita velada que mesturará os acordes desta xunto co humor e o enxeño dos percusionistas Píscore. 

Ademais, Hércules Brass Ensemble contará este ano con Luís Miguel Méndez á batuta, un músico galego, clarinetista da Orquestra do Teatro Real (Madrid), que está a cultivar moitos éxitos na dirección de Orquestra. 

Como broche final, o alumnado será o encargado de pechar este ano o festival interpretando todos xuntos un espectacular repertorio. 

Consideramos que o festival é unha proposta fascinante para todo o alumnado dos instrumentos de vento metal porque terá a oportunidade de coñecer, ver e escoitar a outras persoas participantes chegadas de diferentes puntos de España e do estranxeiro, e á súa vez tamén, para o público en xeral polo alto nivel artístico que poderá gozar durante ditos días. 

Esperámoste en Celanova, ven a vivilo por ti mesmo e que ninguén cho conte. 


Hércules Brass