Proxecto: Os ecosistemas terrestres do Morrazo. Os animais.


Contexto e xustificación do proxecto


Contexto

 O proxecto desenvólvese no CEIP A Rúa, en Cangas, na aula de 5º de primaria, que conta con 22alumnos/as. 

       A elaboración deste proxecto nace como consecuencia do traballo que se realiza sobre o tema núcleo desenvolvido no centro durante este curso académico "A flora e fauna dos bosques do Morrazo".


O tema do proxecto

        O tema do proxecto  son os animais do ecosistema terrestre do Morrazo.


Produto final do proxecto 

       Os alumnos deberán entregar un documento de texto, unha presentación multimedia (en LibreOffice ou en Google Drive) e un mapa conceptual. A presentación servirá de base para a exposición oral na aula polos diferentes grupos. Os tres documentos serán subidos ao Site.


Competencias que se traballan

  • Competencia dixital e de tratamento da información: moi especialmente a competencia no tratamento da información (busca, selección, procesamento e comunicación da información elaborada), auténtico núcleo deste traballo.
  • Aprender a aprender: o alumnado é guiado polo mestre/a nun proceso que busca o aumento da súa autonomía na consecución das aprendizaxes, organizando o seu traballo e os coñecementos adquiridos en esquemas e mapas conceptuais.
  • Comunicación lingüística: acada a súa máxima expresión na exposición oral, que se realiza en tres momentos, o primeiro diante dos compañeiros/as de aula, o segundo diante das familias, e o terceiro diante do resto do alumnado do centro. Tamén a construción dos traballos escritos e a súa corrección polo mestre/a dun xeito interactivo desenvolven esta competencia.
  • Coñecemento e interacción co mundo físico: o propio tema do proxecto xustifica dabondo o traballo nesta competencia.
  • Social e Cidadá: o traballo en grupos é a ferramenta fundamental para a aprendizaxe da competencia social e cidadá, obrigando ao alumnado a organizarse en grupo, a estruturar o traballo e resolver co diálogo os conflitos que se presentan.
  • Autonomía e Iniciativa persoal: o alumnado tamén está obrigado a utilizar a súa autonomía e iniciativa persoal, ideando novas propostas sobre o traballo requerido, buscando un ritmo persoal de traballo utilizando internet no seu propio domicilio, etc.


Obxectivos xerais

  1. Levar a cabo un traballo de investigación de xeito cooperativo sobre os animais do ecosistema terrestre do Morrazo.
  2. Buscar a integración das TIC na actividade de aula.

  3. Traballar co alumnado a busca e selección de información usando a biblioteca do centro e internet.

  4. Utilizar o servizo de Google Drive para elaborar un documento de texto e unha presentación multimedia.

  5. Traballar a capacidade de expresión escrita na elaboración do dossier e a expresión oral a través da exposición na aula dos traballos realizados.

  6. Crear un sitio onde facer público tanto as actividades propostas como o  traballo do alumnado, facilitando que estes compartan os seus traballos e material, tanto na mesma escola como con outros centros docentes.


Obxectivos específicos por área 

         As áreas máis implicadas serán as de Coñecemento do medio e linguaxe.  


Linguas galega e castelá


- Utilizar a lingua oral de xeito adecuado nas actividades grupais, adoptando unha actitude respectuosa e de cooperación.

- Expresarse oralmente de xeito adecuado na exposición do traballo realizado. Comprender as preguntas dos compañeiros/as e respondelas axeitadamente.

- Utilizar as dúas linguas (galego/castelá) eficazmente no proxecto, tanto para buscar, recoller, seleccionar, contrastar, transformar e procesar información, como para escribir o traballo final.

- Traducir con coherencia ó galego toda a información recollida en lingua castelá.

- Utilizar internet para a busca e interpretación de información. Usar axeitadamente as distintas aplicacións (Impress, Free Mind, Libreoffice, Google Drive...) para a transmisión da información elaborada polos distintos grupos.

- Utilizar adecuadamente a biblioteca como fonte de recursos variados para a obtención de información referente ó tema.

- Recompilar manifestacións culturais referentes ó proxecto dos animais (refráns, coplas populares, cantigas, lendas...)




Coñecemento do Medio natural, social e cultural (bloque 2, plantas e animais)

- Coñecer e desfrutar dos ecosistemas máis próximos, valorando a biodiversidade e a necesidade de contribuír a súa conservación.

- Coñecer e valorar os animais da contorna e adoptar modos de comportamento que favorezan o seu coidado.

– Identificar e analizar as características, organización e interaccións dos animais no seu medio, tendo en conta a súa localización xeográfica.

- Identificar, analizar e valorar criticamente a intervención humana no medio e o seu impacto a curto e a longo prazo, adoptando o compromiso individual e colectivo de actuar na defensa, conservación e recuperación do medio natural.

- Identificar e resolver interrogantes relacionados coa contorna usando estratexias de busca, selección e tratamento da información, mantendo unha actitude crítica ante as fontes.

- Establecer unha rede clara das ideas básicas do proxecto que facilite a elaboración da exposición do tema.

- Expresar e comunicar o contido do traballo realizado de xeito persoal e creativo, seleccionando e interpretando datos, procesos, feitos, etc. e integrando códigos diversos (numéricos, gráficos, cartográficos, artísticos, lingüísticos) procedentes das diferentes linguaxes.

- Participar activamente no traballo de grupo planificando e realizando tarefas conxuntas, dialogando e argumentando as propias opinións e contrastándoas coas das outras persoas e adoptando un comportamento responsable, construtivo, comprometido e solidario, respectando as regras de organización pactadas e os principios básicos do funcionamento do grupo.


Matemáticas

- Empregar técnicas elementais de recollida de datos (mapas conceptuais) para comprender a información obtida, representala de xeito gráfico e formarse un xuízo sobre ela mesma.


Secuencia de actividades

        A secuencia de actividades figura no apartado de tarefas

       

Tipos de agrupamentos e traballo individual

         As tarefas realizaranse en parellas ou en grupos de 3 alumnos/as. 

Materiais que se necesitan

     Ir ao apartado de recursos

Temporalización

        2º e 3º trimestre do curso 2012-2013 (4 sesións semanais) e parte do 3º trimestre.

 


Presentación do proxecto

Somos un equipo de investigadores que imos traballar para protexer animais do ecosistema terrestre do Morrazo, e para iso deberemos coñecer que animais necesitan unha especial protección, como viven, como se alimentan, como se reproducen, cales son as particularidades do seu hábitat específico, etc.

Organizarémonos en grupos e cada grupo escollerá un animal da súa predilección, coa condición de que pertenzan a diferentes clases do reino animal (ver documento de información básica de partida).

De seguido cada grupo terá que realizar as tarefas encomendadas para buscar, seleccionar e organizar a información, servíndose dos recursos referenciados máis abaixo.

Finalmente cada grupo exporá oralmente diante dos compañeiros da aula os achados da súa investigación.

O traballo realizado será avaliado conforme aos criterios recollidos no apartado de avaliación.



Información básica de partida


Antes de comezar teremos que ler a información do seguinte enlace, que nos vai servir para saber o que son e como se clasifican os animais vertebrados e os invertebrados.

Clasificación dos animais vertebrados e invertebrados




Tarefas


As tarefas farémolas en grupos.

Tarefa 1 :  Investigar sobre un animal e presentar documento escrito


Cada grupo investigará sobre as características dun animal. Os animais escollidos deben pertencer a diferentes clases do reino animal. Os pasos a seguir serán os seguintes: 

 a. Buscamos información bibliográfica na biblioteca sobre o animal preferido e fotocopiamos as páxinas elixidas.
 b. Seleccionamos a información, identificando nas fotocopias as respostas ás preguntas do guión de traballo. 
 c. Completamos a información que necesitamos buscando en internet e seleccionamos as imaxes axeitadas.
 d. Redactamos un borrador onde se recollan as preguntas e respostas do documento que imos elaborar.
 e. Redactamos un documento de texto en LibreOffice Writer (pasando a limpo o borrador), tendo en conta o formato sinalado,  e máis tarde subirémolo a Google Drive.


Exemplo da información que debería incluír o traballo sobre a investigación

dun animal dos ecosistemas terrestres do Morrazo


-A píntega-


    A -A píntega é un animal vertebrado porque... (explicalo coas vosas palabras e incluír imaxes do seu esqueleto)

    B -A píntega é anfibia. Por iso caracterízase por: (explicalo coas vosas palabras e incluír imaxes onde se sinalen as características)

    C -¿Como identificar unha píntega? ¿Cal é o seu aspecto? (acompañar de fotos)

    D -¿De que se alimenta?

    E -¿Como se reproduce? (explicación e imaxes)

    F -¿Hábitats onde vive? (explicación e imaxes)

    G -¿Cal é a súa función no ecosistema onde vive?

    H -Debuxade unha cadea alimentaria onde estea incluída a píntega.

    I-Distribución en Galicia (mapa)

    J -Curiosidades

    K -Protección (animal protexido?)

    L- Manifestacións culturais relacionadas coa píntega (lendas, tradicións, crenzas, cancións...)




    Normas para a elaboración do traballo de investigación


    O grupo
    • O traballo é de todos os membros do grupo. Todos e todas debedes participar en igual medida e sodes responsables de cada unha das partes do mesmo.

    • Tódalas decisións serán tomadas por consenso.
    • Tedes que nomear un secretario ou secretaria que “custodie” os borradores e a información obtida.
        A información
    • Debedes buscar a información concreta que se vos pregunta, seguindo a guía de traballo.

    • Ler a información comprensivamente, tendo sempre presente as preguntas que debedes contestar.
    • Escribir coas vosas palabras a información de forma clara, que se entenda.
    • Buscar fotos ou debuxos claros e sinxelos que ilustren a explicación.

    • Ser conscientes de que o traballo estará en borrador ata que o revisedes varias veces e consideredes que está correcto para ser presentado.

    • Hai que imprimir ou fotocopiar as fontes de información, indicando o nome do libro, revista. No caso de utilizar enlaces web, gardalos nunha carpeta para consultas posteriores.       

    • Formato do documento de LibreOffice. Para as páxinas papel A4, marxes: esquerda e superior a 2,5 cm, marxe dereita e inferior a 2 cm; tipo de letra Liberation Serif, tamaño 14. Para os títulos seguir o estilo de formato que aparece por defecto no Open Office (Título 1 para título, Título 2 para subtítulo...).  Portada libre, indicando o título do traballo e o nome dos membros do grupo. Inmediatamente despois da portada, debedes elaborar un índice cos apartados máis importantes do traballo. Ó final do traballo incluír un apartado de fontes de información cunha bibliografía e unha relación de enlaces web.

    • Cada vez que se modifique o traballo, hai que gardar unha copia no ordenador e outra no pincho.


        Ante calquera dúbida, consultádeme.



Tarefa 2: Elaborar un mapa de ideas


Elaborar un mapa de ideas que recolla a información básica. Podedes utilizar o programa Xournal ou ben FreeMind.



Tarefa 3: Elaborar unha presentación multimedia

Coa información obtida na tarefa 1 elaborades unha presentación multimedia en Google Drive que sirva para realizar unha posterior exposición oral na aula. (No caso de ter dificultades na conexión a internet, faremos a presentación con LibreOffice Impress, e máis tarde subirémolo a Drive).



Tarefa 4 : Exposición oral na aula

Como remate deberedes expoñer oralmente na aula, diante dos vosos compañeiros e compañeiras, o traballo desenvolvido, para o cal poderedes serviros da presentación multimedia elaborada previamente.



Recursos


Clasificación do reino animal

Clasificación dos animais, Junta de Andalucía, conxunto de actividades.

Mi clase en la nube, actividades interactivas sobre o reino animal.

A vida nos ríos galegos, onde nos falan da fauna e a flora dos nosos ríos.


Avaliación



4
3
2
1
Tratamento da información
  Identifica e clasifica sen dificultade a información nos textos. Ten algunhas dificultades para identificar e seleccionar a información buscada. Ten moitas e serias dificultades para identificar e clasificar a información buscada.
Documento de texto (open office ou drive)
Contido:
Acorde ás pautas, moi claro e preciso.

Forma: moi ben estruturado, claro.
Contido:
Acorde ás pautas, claro.


Forma:

ben estruturado, claro.
Contido:
Acorde ás pautas e aceptable.


Forma:
suficientemente estruturado. Algunha dificultade de comprensión.
Contido:
Non acorde coas pautas e deficiente.

Forma:
deficiencias na estrutura, dificultades serias de comprensión.
Mapa de ideas
 
  Identifica a maioría das ideas principais, relacionándoas axeitadamente.   Identifica bastantes ideas principais, relacionándoas axeitadamente.Identifica algunhas ideas principais, relacionándoas axeitadamente.   DificuItade para identificar as ideas principais e relacionalas axeitadamente.
Presentación multimedia 
(contido)
 Moi boa síntese da información.



 Boa síntese da información.

 Síntese aceptable da información.


Deficiente síntese da información.

 Presentación multimedia
(forma)
Deseño   estruturado, vistoso, claro  coa utilización de elementos gráficos e paratextuais para facilitar a comprensión (ilustracións, gráficos...) en ao menos o 80% das diapositivas 
 Deseño estruturado, vistoso, claro coa utilización de elementos gráficos e paratextuais para facilitar a comprensión (ilustracións, gráficos...) en ao menos o 60% das diapositivas Deseño estruturado, vistoso, claro coa utilización de elementos gráficos e paratextuais para facilitar a comprensión (ilustracións, gráficos...) en ao menos o 40% das diapositivas Deseño estruturado, vistoso, claro coa utilización de elementos gráficos e paratextuais para facilitar a comprensión (ilustracións, gráficos...) en ao menos o 20% das diapositivas
Presentación
oral

(transmisión)
Comunica e transmite a información claramente todo o tempo (95-100%) e con boa pronunciación.
Diríxese directamente aos compañeiros.
Comunica e transmite a información claramente boa parte do tempo (non menos do 75%).
Diríxese directamente aos compañeiros a  maioría do tempo da exposición.
Comunica e transmite a información claramente unha boa parte do tempo (non menos do 50%).
Diríxese directamente aos compañeiros menos da metade do tempo.
Comunica e transmite a información de forma confusa, a miúdo fala baixiño ou ten mala pronunciación.
Evita dirixirse directamente aos compañeiros.
Presentación
oral


(dominio dos contidos)
O alumno/a pode contestar con precisión case todas as preguntas  dos seus compañeiros/as sobre o tema.
O alumno/a pode contestar con precisión a maioría das preguntas dos seus compañeiros de clase.
O alumno/a pode contestar con precisión unhas poucas preguntas dos seus compañeiros.
O alumno/a non contesta ás preguntas dos seus compañeiros de clase.
Autoavaliación da actividade  

Completa todo o formulario con respostas coherentes e conformes co traballo desenvolvido
 
Completa ao menos o 80% do formulario con respostas coherentes e conformes co traballo desenvolvido.
 
Completa ao menos o 50% do formulario con respostas coherentes e conformes co traballo desenvolvido.
 
Completa menos do 50% do formulario con respostas coherentes e conformes co traballo desenvolvido


Proceso

Tarefa 1: Cada grupo investigará sobre un animal dos ecosistemas terrestres do Morrazo.

a) Buscando información na biblioteca do colexio (23-1-13)


Tiñan que buscar información sobre o animal elixido polo seu grupo, fotocopiala e anotar a bibliografía (autor, título do libro, editorial e ano de publicación).



Aquí a profe Paula botándonos unha man.



                                       
                            Algúns descubrimos que existían os diccionarios enciclopédicos!!!


                                                                                     Foi unha efervescencia de busca e entusiasmo!!!



b)Analizando a información bibliográfica 

Unha vez fotocopiada a información, debiamos buscar na mesma a resposta ás preguntas do guión e identificala sinalándoa coa letra correspondente (A, B, C, D...) 
No caso de non atopar información, tiñamos que anotar as preguntas pendentes que buscaremos por outros medios (internet, outros libros...)



Álvaro e Antón seleccionando información sobre a bubela común.



                                                              Néstor, Darío e Sergio seleccionando información sobre a víbora.

Tania, Mario N. e Inés seleccionando información sobre o cempés.


Pedro, Laura e Santi seleccionando información sobre a araña.


                                                                         

                                                                       Andrea e Andrés seleccionando información sobre a abella.




Candela, Luana e Yanira seleccionando información sobre o caracol.






Exemplos da clasificación da información que levaron a cabo:

Nun primeiro momento, houbo alumnos/as que tiveron dificultades para identificar información nos textos atopados na biblioteca. Temos aquí un exemplo. Obsérvase como, nunha primeira busca, só atopa a resposta a dúas preguntas (J e E), pero sen sinalar onde. Nun segundo momento, localiza as indicadas e identifica dúas máis.





A posteriori, traballamos todos sobre o mesmo texto e fixemos unha posta en común, obtendo información sobre once das cuestións propostas.






Sucesivamente, obsérvanse melloras na identificación e clasificación da información.



C= identificación
D= alimentación
F= hábitat
J= curiosidades







































Para centrar a busca en internet, analizaron de que preguntas tiñan información suficiente e de cales non:







        
                      Observando na pantalla dixital que preguntas lles faltan



c) Completando a información en internet. 

Unha vez centrada a busca en preguntas concretas, a dispersión foi menor.



d) Redactando o borrador 

Consultando o dicionario da Real Academia Galega


Ó principio, preguntábanme constantemente as dúbidas lingüísticas. Comenteilles que tiñan que ser máis autónomos, que no blog había un apartado ó respecto onde contaban con 2 dicionarios (galego e castelá), un traductor e un conxugador de verbos, como eles xa sabían, e que tiñan que utilizalos. Neste momento, xa non preguntan, buscan por si sós a información, tendo estas páxinas abertas para facer as consultas pertinentes.


Revisando o contido, interaccionando profes e alumnos/as.


 

Na revisión, démoslle prioridade á coherencia e a cohesión, en primeiro lugar. Logo, á ortografía, os contaxios lingüísticos. As profesoras líamos o texto con eles e indicábamos onde non se entendía, había repeticións, incoherencias...faltas de ortografía, contaxios...que eles tiñan que mellorar, reflexionando e mellorando o texto. Aquí tedes un exemplo do texto inicial e da mellora que levaron a cabo no traballo sobre "As arañas":
 

¿ONDE VIVE?¿DE QUE SE ALIMENTA?

    Aliméntase de pequenos insectos voadores como o cabaliño, libélulas e pequenos peixes, cágados, os que pesca batendo a auga coas patas, e cando os peixes se acercan.

    (Mellora: Aliméntase de pequenos insectos voadores como o cabaliño do demo, libélulas e pequenos peixes, cágados. Péscaos batendo a auga coas patas cando se acercan) Gústanlle especialmente os cágados. Tamén se alimentan de restos orgánicos e cazan pequenos paxaros.


    En Galicia non hai especies de arañas velenosas pero a súa picadura, sen embargo, pode ser perigosa por contaxio ou transmisión, xa que estes insectos se alimentan de substancias animais, xeralmente, descompostas. Son temibles depredadores: despois de capturar a súa víctima vítima, a mata mátaa co veleno e lle inxecta inxéctalle algunhas substancias que disolven os seus tecidos, para poder chupalas.


¿COMO SE REPRODUCE?

    Xeralmente as arañas poñen nas plantas un número moi variable de ovos, protexidos por unha tea de araña e vixiados pola femia, que ás veces lévaos consigo encapsulados na seda. Cando as crías saen dos ovos, permanecen algún tempo coa nai; despois, colgados do seu primeiro fío de seda, déixanse transportar polo vento na busca dun fogar onde establecerse. As femias protexen os ovos nun casulo de seda. (sobra, está repetido e fóra de lugar)


E de seguido, as melloras realizadas no apartado "Curiosidades" do grupo que investigou "O caracol":


Curiosidades

Os caracois teñen moita forza. En realidade hai varias especies de caracois, algunhas case que microscópicas, de costumes diversos, cousa que se reflicte nos deseños das súas cunchas. Os caracois hibernan durante o inverno; pero tamén poden deter a súa actividade no verán. Cando as condicións do medio no que vive, non son adecuadas, refúxianse na súa cuncha e cerran a boca. A vida dos caracois varía dunha especie a outra. No seu hábitat natural, os caracois viven durante uns 5 ou 7 anos e o caracol de xénero Helix aproximadamente de 2 a 3 anos. Os caracois Manzana acuáticos viven so 1 ano aproximadamente. A maior parte das mortes son debidas a depredadores ou parasitos. En ocasións, os caracois viven máis ala da súa vida normal ata os 3 anos ou mais.


O caracol africano, acurralado por unha circunferencia de sal, esta pode absorber a auga do corpo, deshidratándose ata a morte. O caracol terrestre forma parte da cociña mediterránea, especialmente a española e francesa, como un dos manxares mais exquisitos. Tamén colle destacar que o marxe de estas cociñas e consumo do caracol se considera un uso culinario estraño, especialmente na cociña estadounidense e se equipara a consumir unha babosa, posto que o caracol e precisamente iso, so que pose unha cuncha propia. Soe cociñarse o fervor e servirse acompañado de diversas salsas, aderezadas con herba boa.

Os caracois son consumidos en diferentes partes do mundo. Inda que  Escargot sea a palabra francesa para "caracol", Escargot nun menú inglés xeralmente está reservado para os caracois preparados con receitas tradicionais francesas (servido coa súa cuncha e aderezo con allo manteiga e perexil)


Primeiro axudeilles a identificar as cinco ideas das que falaban:
    -a forza dos caracois
    -as diferentes especies de caracois
    -o hábitat onde viven
    -o caracol acurralado por unha circunferencia de sal
    -os caracois como ingrediente para cociñar

Recordamos que as curiosidades son cousas que nos sorprenden, chaman especialmente a atención.

Deciden manter dentro de curiosidades:

    -a forza dos caracois   

    -o caracol acurralado por unha circunferencia de sal
    -os caracois como ingrediente para cociñar

Cambian a información relacionada co "hábitat" a ese apartado. Engaden que teñen moi desenvolvidos os sentidos do oído e o tacto e que chegan a poñer ata 100 ovos.


Curiosidades

Os caracois teñen moita forza. O caracol, acurralado por unha circunferencia de sal, esta pode absorber a auga do corpo, deshidratándose ata a morte.

O caracol terrestre forma parte da cociña mediterránea, especialmente a española e francesa, como un dos manxares mais exquisitos. Considerase un uso culinario estraño, especialmente na cociña estadounidense. Soe cociñarse o fervor e servirse acompañado de diversas salsas, aderezadas con herba boa.Os caracois son consumidos en diferentes partes do mundo.

Os sentidos máis desarroiados do caracol e o tacto e o oído.

Cada posta de ovos dun caracol pode ser de 100 ovos, e son capaces de poñelos una vez o mes.



e) Unha iniciativa espontánea.

Espontaneamente un grupo decide elaborar a cadea alimentaria, un dos apartados do traballo, con papiroflexia. De seguido, os demais grupos súmanse á iniciativa. Buscan autonomamente libros e tutoriais para poder construír os distintos elementos da mesma. 


Unha das cadeas alimentarias en papiroflexia.

                                                                                                        
                                                                                                            Consultando un libro de papiroflexia.

En plena elaboración


f) Dándolle formato ó texto 

Adaptaron o texto á indicacións previas do formato, sinaladas no guión de traballo. Indicámoslles onde podían buscar as características do estilo. Tamén crearon un índice e unha bibliografía e "webgrafía".

(Formato do traballo: Para as páxinas papel A4, marxes: esquerda e superior a 2,5 cm, marxe dereita e inferior a 2 cm; tipo de letra Liberation Serif, tamaño 14. Para os títulos seguir o estilo de formato que aparece por defecto no Open Office (Título 1 para título, Título 2 para subtítulo...).  Portada libre, indicando o título do traballo e o nome dos membros do grupo. Inmediatamente despois da portada, debedes elaborar un índice cos apartados máis importantes do traballo. Ó final do traballo incluír un apartado de fontes de información cunha bibliografía e unha relación de enlaces web)




Seleccionando as características do formato.


Elaborando o índice.


Concentrados/as reflexionando sobre o formato.




Tarefa 2: Elaboración do mapa de ideas do traballo escrito.

Unha vez rematado o contido do texto, pasamos á tarefa 2 na que tiñan que elaborar un mapa de ideas. A finalidade do mesmo era facilitar a exposición posterior do tema de traballo.
Aínda que xa fixéramos previamente mapas de ideas, primeiro por parellas e logo colectivamente, algún grupo tivo dificultades inicialmente para establecer a xerarquía de ideas. Tamén en varios casos houbo que indicarlles que reduciran as frases e que utilizasen elementos gráficos para representar as ideas.


                                                                                                     
                                                                                         Consensuando que escribir no mapa de ideas.


Elaborando o borrador do mapa de ideas.


2º borrador do mapa de ideas de "O Raposo"


Tarefa 3: Elaboración da presentación do traballo en Google Drive.

Para elaborar a presentación debían basearse no mapa de ideas, que lles axudou a sintetizar a información. Utilizaron Google Drive de forma autónoma, xa que é moi intuitivo e ten ferramentas moi semellantes ás do blog que xa manexaban.

Foi chamativo que as primeiras presentacións tiveron problemas no formato, xa que as fotos que algún grupo elixía de fondo, ou non tiñan relación co tema, ou utilizaron cores tan contrastadas que impedían a lectura. Houbo que unificar  tamén o estilo das diapositivas, para clasificar os apartados. Todos estes cambios fixéronse analizando entre todos e todas as presentacións feitas para melloralas. A selección de vídeos foi moi axeitada. As fotos, con algunha excepción, tamén.




Tarefa 4: Exposición oral para os compañeiros/as, familias e o resto do centro



As presentacións foron expostas oralmente na clase ós compañeiros/as. Posteriormente, de xeito espontáneo, e grazas ao éxito das exposicións orais na aula, xurdiu a proposta de preparar exposicións orais tamén para ós pais e nais e para ó resto do alumnado do centro, e tamén se levaron a cabo. Conforme se fixeron as primeiras, os propios nenos e nenas deron suxestións de  mellora. Os principais retos foron falar cara ó público, facer referencia ás fotos ou esquemas que aparecían na presentación e procurar que os compañeiros de traballo estivesen quedos para non distraer o público.







Vídeos das exposicións orais dos traballos 

Para rematar presentamos unha selección de 10 minutos de duración con algúns dos momentos de elaboración do traballo escrito e da exposición oral na aula a cargo de dous grupos:



Ponencia "El aula como comunidad de estudio"

O sábado, 14 de decembro de 2013, en Madrid, nas "IV Jornadas Iberoamericanas sobre culturas escritas: Leer y escribir en comunidad", exporei esta experiencia. Aquí vos deixo dous enlaces, a da páxina da Asociación de Lectura y Escritura (A.E.L.E.) e a da miña ponencia.

- AELE. "IV Jornadas Iberoamericanas sobre culturas escritas: Leer y escribir en comunidad"

- Ponencia "El aula como comunidad de estudio", por Ana María Fernández Castro

Dende aquí, quero darlle as grazas aos profesores/as que colaboraron na realización deste Proxecto:

A Xosé Manuel Vidal Bouzó, Orientador e Coordinador TIC, que nos guiou especialmente no manexo das TIC para o desenvolvemento do mesmo.

Paula Pérez Nogueira , profesora de Audición e Linguaxe, Rosa Ana Rúa Pena, profesora de Pedagoxía Terapeútica e David Vázquez Vilas, profesor de Relixión. Todos eles interaccionaron co alumnado ó  longo do proceso.

Moitas grazas, sen vós non sería posible chegar onde chegamos.



Subpáginas (1): Xustificación do proxecto2
Comments