Traballo por proxectos

A CEOU ven de publicar en marzo de 2009 O traballo por proxectos en infantil, primaria e secundaria,
das autoras:
Azucena Arias Correa
Dolores Arias Correa
Ma Victoria Navaza Blanco
Ma Dolores Rial Fernández









(Esta páxina elaborámola partindo da información facilitada por Azucena Arias Correa, nun curso de formación do profesorado)

O traballo por proxectos de aula é unha das metodoloxías máis completas e axeitadas para desenvolver as competencias básicas no noso alumnado.

Con esta metodoloxía os alumnos e alumnas convértense nos protagonistas da súa aprendizaxe. Aprenden a presentar ideas, a debatir, a traballar en grupos, a buscar infomación e a traballar con esa información, seleccionándoa, procesándoa e elaborándoa para finalmente comunicala, xa oralmente ou mediante traballos escritos.

Traballar nun proxecto implica:
  • Identificar problemas e cousas para aprender
  • Tomar decisións consensuadas
  • Relacionarse e aprender entre iguais
  • Buscar canles de autonomía (aprender a aprender)
  • Aprender a facer preguntas
  • Aprender relacionalmente, integradamente
  • Atender á diversidade
  • Saber que do erro tamén se aprende
  • Non poñer límites ao saber

Nun mesmo proxecto pódense traballar practicamente todas as competencias básicas: con especial relevancia da competencia lingüística, a competencia social e cidadá, a competencia para aprender a aprender e para a autonomía e iniciativa persoais.

A metodoloxía do traballo por proxectos segue a seguinte secuencia:

Motivación .............................................. argumentamos o interese do proxecto

1. Estudo de ideas previas .....................que sabemos? Mediante unha chuvia de ideas, a pirámide invertida, fotoproblema, ... De seguido categorizamos todas as ideas por temas a desenvolver.

2. Índice e guión da investigación.......... que queremos saber?  Elaboramos un índice de preguntas

3. Fontes para a investigación................onde atopamos a información? Na casa, enciclopedias, internet...

4. Organización da investigación............como nos organizamos? Grupos, postas en común...

5. Traballo coa información....................que facemos coa información que temos? Este é o paso clave na selección e procesamento da información, traballando mapas conceptuais, mapas mentais, gráficos, esquemas, resumos.... Logo deben comunicarse os resultados xa de xeito oral (exposición oral, debates, conferencias...)  xa en soportes de escritura tal como un mural, reportaxe gráfica, presentación multimedia, etc.

6. Avaliación, síntese e conclusións.......como resultou todo? Debate, comparamos cos coñecementos previos, valoramos a aprendizaxe...


Adxuntamos aquí unha presentación (en Slideshare), elaborada por Azucena Arias Correa, que esquematiza todos os pasos a seguir para elaborar e desenvolver un proxecto de traballo.

A seguir temos a mesma presentación aquí mesmo:

PROXECTOS_AZUCENA_ARIAS



Fernando Hernández: "La globalización mediante proyectos de trabajo", Cuadernos de Pedagogía. nº 155, enero de 1988

Entrevista a Fernando Hernández, no blogue Ordenadores en el aula
, setembro de 2007.


eTwinning,  a comunidade de centros escolares de Europa, traballo por proxectos (irmanamentos escolares por medio das TICs)

A aprendizaxe en colaboración nos proxectos eTwinning (.pdf)



Comments