Benvida

Este diario de aula está destinado a recoller o Proxecto de Cine en curso que foi desenvolto no presente curso 14-15 en 5º de Primaria no CEIP A Rúa de Cangas do Morrazo. Non pretende exclusivamente amosar os progresos do alumnado na adquisición da linguaxe audiovisual. Senón, e sobre todo, salientar o potencial da pedagoxía do cine nas aulas como medio para educar en valores que a sociedade actual vai perdendo de xeito vertixinoso.

As nosas propostas didácticas falan de observación, escoita activa, análise, rigor, creatividade, valoración, agradecemento, empatía, consenso, diversidade, cooperación, autonomía, de aprender dos expertos, de emocións, de persoas maiores, do noso pobo, dos que tiveron que marchar…


O diario tamén recolle a  evolución do grupo, onde o individualismo e a competitividade foron derivando nunha aprendizaxe cooperativa, ilusionante. Ilusión por crear unha peza documental co esforzo e a implicación de todos. E, aínda que ten moito dos nenos, naceu cun obxectivo preciso: poñer en valor ós que nos rodean, a Historia do noso pobo, dos que un día tiveron que coller obligatoriamente a maleta de cartón e cruzar os océanos para subsistir.