Bitácora‎ > ‎

LIBERAR A FORZA DO EVANXEO

Publicado a 11/03/2012, 11:00 por Remol Para orar e Celebrar   [ atualizado a 11/03/2012, 11:02 ]

LIBERAR A FORZA DO EVANXEO

O relato da "Transfiguración de Xesús" foi dende o comezo moi popular entre os seus seguidores. Non é un episodio máis. A escena, recreada con diversos recursos de carácter simbólico, é grandiosa. Os evanxelistas presentan a Xesús co rostro resplandecente mentres conversa con Moisés e Elías.

Os tres discípulos que o acompañaron ata o cumio da montaña fican arrepiados. Non saben o que pensar de todo aquilo. O misterio que envolve a Xesús é demasiado grande. Marcos di que estaban asustados.

2 Coresma B

A escena culmina de forma estraña: «Formouse unha nube que os cubriu e da nube saíu unha voz: Este é o meu Fillo amado. Escoitádeo». O movemento de Xesús naceu escoitando a súa chamada. A súa Palabra, recollida máis tarde en catro pequenos escritos, foi xerando novos seguidores. A Igrexa vive escoitando o seu Evanxeo.

Esta mensaxe de Xesús, atopa hoxe moitos obstáculos para chegar ata os homes e mulleres do noso tempo. Ao abandonar a práctica relixiosa, moitos deixaron de escoitalo para sempre. Xa non oirán falar de Xesús se non é de forma casual ou distraída.

Tampouco os que se achegan ás comunidades cristiás poden apreciar doadamente a Palabra de Xesús. A súa mensaxe pérdese entre outras prácticas, costumes e doutrinas. É difícil captar a súa importancia decisiva. A forza liberadora do seu Evanxeo fica ás veces bloqueada por linguaxes e comentarios alleos ao seu espírito.

Non obstante, tamén hoxe, o único decisivo que podemos ofrecer os cristiáns á sociedade moderna é a Boa Noticia proclamada por Xesús, e o seu proxecto dunha vida máis sa e digna. Non podemos seguir retendo a forza humanizadora do seu Evanxeo.

Temos de facer que corra limpa, viva e abundante polas nosas comunidades. Que chegue ata os fogares, que a poidan coñecer os que buscan un sentido novo ás súas vidas, que a poidan escoitar os que viven sen esperanza.

Temos de aprender a ler xuntos o Evanxeo. Familiarizarnos cos relatos evanxélicos. Poñer en contacto directo e inmediato coa Boa Noticia de Xesús. Nisto habemos gastar as enerxías. De aquí empezará a renovación que necesita hoxe a Igrexa.

Cando a institución eclesiástica vai perdendo o poder de atracción que tivo durante séculos, temos de descubrir a atracción que ten Xesús, o Fillo amado de Deus, para os que buscan verdade e vida. Dentro de poucos anos, decatarémonos de que todo nos está a empurrar a poñer con máis fidelidade a súa Boa Noticia no centro do cristianismo.

José Antonio Pagola.- Traduciu:Xaquín Campo Freire

Comments