Bitácora‎ > ‎

Coas persoas excluídas

Publicado a 13/02/2012, 12:47 por Remol Para orar e Celebrar   [ atualizado a 13/02/2012, 12:47 ]
Xesús
era moi sensíbel ao sufrimento dos que atopaba no seu camiño, marxinados pola sociedade, desprezados pola relixión ou rexeitados polos sectores que se consideraban superiores moral ou relixiosamente. É algo que lle sae de dentro. Sabe que Deus non discrimina a ninguén. Non rexeita nin excomunga. Non é solo dos bos. A todos acolle e bendice. Xesús tiña o costume de erguerse na madrugada para orar. En certa ocasión desvela como contempla o amañecer: "Deus fai saír o seu sol sobre bos e malos". Así é el.     Por iso, ás veces, reclama con forza que cesen todas as condenas: "Non xulguedes e non seredes xulgados". Outras, narra pequenas parábolas para pedir que ninguén se dedique a "separar o trigo e o xoio" coma se fose o xuíz supremo de todos. Pero o máis admirábel é a súa actuación. O trazo máis orixinal e provocativo de Xesús foi o seu costume de comer con pecadores, prostitutas e xentes indesexábeis. O feito é insólito. Nunca se vira en Israel alguén con fama de "home de Deus" comendo e bebendo animadamente con pecadores. Os dirixentes relixiosos máis respectábeis non o puideron soportar. A súa reacción foi agresiva: "Aí tendes un comellón e borracho, amigo de pecadores". Xesús non se defendeu. Era certo. No máis íntimo do seu ser sentía un respecto grande e unha amizade conmovedora cara aos rexeitados pola sociedade ou a relixión.
Marcos recolle no seu relato a curación dun leproso para destacar esa predilección de Xesús polos excluídos. Xesús está a atravesar unha rexión solitaria. De pronto achégaselle un leproso. Non vén acompañado por ninguén. Vive na soidade. Leva na súa pel a marca da súa exclusión. As leis condénano a vivir afastado de todos. É un ser impuro.
De xeonllos, o leproso fai a Xesús unha súplica humilde. Séntese sucio. Non lle fala de enfermidade. Solo quere verse limpo de todo estigma: «Se queres, podes limparme». Xesús conmóvese ao ver aos seus pés aquel ser humano desfigurado pola enfermidade e o abandono de todos. Aquel home representa a soidade e o desespero de tantos estigmatizados. Xesús «estende a súa man» buscando o contacto coa súa pel, tócao» e dille: «Quero. Fica limpo».
Sempre que discriminamos dende a nosa suposta superioridade moral a diferentes grupos humanos (vagabundos, prostitutas, toxicómanos, sidosos, inmigrantes, homosexuais, ...), ou excluímolos da convivencia negándolles a nosa acollida, estámonos a afastar nós mesmos e gravemente de Xesús.  

José Antonio Pagola.- Traduciu: Xaquín Campo Freire
Comments