Benvida


Que é estudar? 

Di o dicionario que estudar é exercitar o entendemento para comprender as cousas. Ufff.... que complicado!  Comprender as cousas, iso debe ser a clave de todo. E ademais as cousas pódense comprender en diferentes graos: un pouquiño, algo máis, bastante, moito.... e moitísimo! Cando comprendemos unha cousa moitísimo seguro que non se nos esquece máis na vida, e entón non teremos que facer moito esforzo para gardala na memoria. Ou dito doutra maneira... se temos que facer moito esforzo para gardar unha información na memoria é porque seguramente non a comprendemos o suficiente. Entón, que teremos que facer para comprender ben as cousas? Darlle resposta a esta pregunta vai ser o reto desta unidade didáctica.

Que non é estudar?

Estudar non consiste en aprendernos de memoria un texto que para nós non ten moito sentido e que seguro que esqueceremos ao día seguinte. Polo tanto  estudar non consiste en pasar horas diante dun libro lendo un texto un montón de veces e despois intentar memorizalo tal cal, palabra por palabra.


O coñecemento é como un edificio que se constrúe

O noso coñecemento (os pensamentos, as ideas, o saber...) témolo que ir construíndo pouquiño a pouco como se dun edificio se tratase. Dende moi pequeniños imos asentando unhas ideas novas sempre enriba doutras máis vellas, é dicir, relacionándoas con outras máis vellas que xa teñamos asentadas no noso saber, que xa teñan significado e sentido para nós, que xa fosen comprendidas, e que  sen dúbida irán medrando a medida que incorporemos nova información e novos coñecementos. 

Ilustrador: Félix Vallés Calvo, en CNICE


Que necesitamos para saber estudar?

Para estudar precisamos de dúas cousas: as ferramentas axeitadas e saber como utilizalas (método, técnicas...). De igual xeito que os anzois e as redes son as ferramentas dun mariñeiro, ou a paleta e os andamios as ferramentas dun albanel, os estudantes tamén deben utilizar as súas propias ferramentas para estudar: dispoñer de libros, lápis e bolígrafos, papel, etc. Ademais deberán ter tamén un horario e un lugar axeitado onde poder estudar,  e un método e unhas técnicas que faciliten o estudo.

Imaxinas un mariñeiro sen anzois, sen redes ou sen barcos...? Poderíase pasar todo o día no mar dando voltas dun lado para outro que non ía pescar nin un peixe. Pois igual lle sucede a un estudante que non sabe utilizar axeitadamente as ferramentas que nos axudan a aprender, a elaborar a información que recibimos para convertila no noso coñecemento (o tesouro máis grande que nos vai acompañar durante a nosa vida).
Para ter éxito no estudo, un bo/a estudante necesita: 
  1. Ter o ánimo axeitado: motivación, interese, atención...
  2. Ter un lugar apropiado para estudar
  3. Ter un método e utilizar unhas boas técnicas para estudar textos (leccións, temas...):
    • Ler de xeito comprensivo
    • Axudarse dos subliñados para seleccionar o máis importante
    • Facer un esquema ou un mapa conceptual para sintetizar de forma gráfica un tema.
    • Elaborar un resumo dun tema
    • Saber en que momentos repasar unha información relevante para non esquecernos dela.
  4. Utilizar estratexias e un método para resolver os problemas de matemáticas.
  5. Saber prepararnos ante un exame: repasar a tempo, relaxarnos, concentrarnos...

ACTIVIDADE

Pensa noutras analoxías que poidan ter relación coa actividade de estudar... ímosche propoñer algunhas para que ti mesmo/a busques as relacións:

. O adestramento deportivo:  un/unha atleta necesita adestrar todos os días e facelo dun xeito organizado para poder gañar nas probas dun campeonato.
. O adestramento musical: para aprender a tocar ben un instrumento, o músico tenlle que dedicar varias horas ao día, e seguir un método progresivo.
. A nutrición humana: para que un alimento sexa de proveito para o noso corpo, este terá que asimilalo e facelo seu (comprendelo). Non basta con metelo na boca, tragalo e esperar a que o corpo se desfaga del (iso sería unha indixestión)!

. A construción dun edificio (ou dunha cidade):
Comments