A CASA DA DUNA

Edicións Xerais de Galicia, 2002

White Ravens 2003

Texto de Fran Alonso / Fotografías de Manuel G. Vicente

 

Sinopse:

Alba vive na casa da duna co seu gato Bicos. Encántalle deitarse na area para ver as ondas do mar. Un día, enriba dunha onda, chega unha nena descoñecida, pequerrecha como unha boliña, que lle dá un estraño aviso.

 

Nota crítica:

Este curioso álbum nace da complicidade de dous artistas, o escritor Fran Alonso e o fotógrafo Manuel G. Vicente, unidos na aventura de contar esta historia misteriosa mediante un texto á vez narrativo, descritivo e suxerente, case poético e dunhas montaxes visuais feitas a partir de imaxes fotográficas, cheas de cor e de texturas, con encadres moi significativos. O estraño relato lévanos até unha praia onde vive unha nena, Alba, nunha casa situada sobre unha duna; cada día da semana, as ondas que chegan á beira son dunha cor distinta e arrastran diferentes obxectos. Até que un día chega unha onda descoñecida e con ela unha nena que lle advirte a Alba dun perigo, dunha onda negra que cubrirá a súa casa e deixará lixo sobre a praia.

Un conto máxico, con moitas lecturas posibles, incluída a ecolóxica, que apela aos nosos sentidos tanto como ao noso intelecto ou aos nosos sentimentos. Unha proposta nova e atrevida no ámbito do álbum ilustrado, unha aposta pola renovación da imaxe nos libros dirixidos aos máis pequenos e tamén do texto, tan aberto a interpretacións, tan estimulante para a imaxinación, como preciso nas descricións.  Unha pequena obra de arte. 

Revista Clij, Mª Jesús Fernández 

 

Edicións Xerais de Galicia

Vigo, 2002

ISBN: 84-8302-871-9

Álbum Ilustrado

20 x20 cm.

42 páxinas

Libro coa distinción White Ravens 2003 da Internationale Jugendbibliothek de Múnic