Fran Alonso volve á narrativa coa contundencia da brevidade e eficacia dun estilo directo e preciso. Intriga e desacougo urbano. Estouno devorando: escribo en pleno acto (hai media hora que comecei o libro e non podo parar). O protagonista de Fran Alonso sente os ruídos do seu fracaso vital: a súa soidade sonora. Pero do piso do lado veñen non só os ruídos do silencio. Son os ruídos da barbarie doméstica. Do pánico cotián. O escritor galego, como moitos narradores sabios e humildes de todo o mundo, segue o legado de Kafka. La Voz de Galicia, Antón Reixa
Fran Alonso exorcizou os seus demos con esta viaxe ós infernos do desgabo, a indiferencia e a soidade do home moderno. Paseniñamente, coma nos bos contos de terror, asoláganos nese mundo estraño e arrepiante que xorde de súpeto tan só con rañar uns centímetros a costra da máis anodina cotianidade. Atlántico Diario, Xoán Acuña
En Silencio atopámonos prisioneiros de demencias kafkianas parellas a aquelas polas que rúan algúns dos personaxes de Paul Auster. Para ensumirnos –e abraiarnos– neste aire de irracionalidade e esquizofrenia abóndalle a Fran Alonso un retallo mínimo dun xornalista que, sen querelo, se ve envolto nunha situación tan surrealista que el mesmo chega a sospeitar froito da súa imaxinación. Certas referencias textuais e esa teima recorrente en Fran Alonso de facer comparecer na súa escrita ese reino cairento e inclemente da soidade e da incomunicación, poderían encarreirar Silencio por esta senda interpretativa. Sen embargo, basta deixarse levar polos ingredientes do medo e da intriga para que as prosas, deliberadamente escuetas, de Fran Alonso teñan sentido e un universo tan ricaz e enxeñoso tiren briosamente do lector. O Correo Galego, F. Martínez Bouzas O lector vese «picado» de tal xeito que ler o libro dun pulo se fai case imprescindible de cara a descubrir o desenlace. O ritmo do libro faise cada vez máis rápido, a intriga e o suspense intensifícanse de forma progresiva desembocando no xiro sorprendente da última páxina. Galicien Magazin, Susana Fernández de Gabriel
Fran Alonso fala da súa novela «Silencio» | Editorial Nigra, 1995 Edicións Xerais de Galicia, 2001 ISBN:84-8302-762-4 Narrativa
|